venres, 15 de marzo de 2013

O TSXG anula os concertos da Xunta cos colexios que segregan por sexo

O Superior galego dá a razón ao sindicato STEG no recurso que interpuxo contra a consellaría de Educación despois de que esta retomase os concertos e os defendese apelando "á liberdade de elección das familias" .
O Tribunal superior de xustiza de Galiza anulou os concertos que a consellaría de Educación mantiña con cinco colexios relixiosos que segregan o alumnado por razóns de sexo. A Xunta destina a Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña até tres millóns de euros ao ano en virtude dos acordos co ensino privado. 
A resolución do Superior galego chega após un recurso presentado polo sindicato STEG e considera que manter estas subvencións públicas vulnera a Lei orgánica de educación, que "prohibe taxativamente a discriminación de alumnos na admisión a centros públicos e concertados".
Porén, o titular de Educación, Jesús Vázquez, recuperou os concertos nada máis poñer un pé na Xunta e defendeunos apelando "á liberdade de escolla das familias" e "a un réxime democrático onde as familias participan no modelo educativo dos seus fillos", argumentos que empregou tamén para defender a polémica consulta ao redor da lingua que o mesmo tribunal declarou seis veces ilegal.
A sentenza que dá a razón ao STEG chega após o TSXG pronunciarse en até tres ocasións a favor as axudas públicas que van parar a estes colexios, resolvendo contra outros tantos recursos presentados polos sindicatos CIG, CC.OO. e UGT. As tres sentenzas están recorridas polas centrais sindicais perante o Tribunal Supremo, que aínda non se pronunciou. No verán de 2012 o Supremo deu a razón aos gobernos de Andalucía e Asturias, que deixaran fóra das subvencións os colexios segregacionistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario