mércores, 20 de marzo de 2013

A Xunta 'premia' os colexios que máis aforran recortándolles en gastos de funcionamento

A Consellería de Educación castiga o aforro e recorta a partida destinada a gastos de funcionamento dos centros de ensino de Secundaria. En case catro de cada dez institutos, centros de FP e centros públicos integrados de Galicia o axuste supera o 9%, tal e como adiantou a CIG-Ensino nun estudo. Son 123 dos 334  (un 36,8% do total) e froito dunha decisión que chegou por sorpresa a moitos destes colexios, que ven como este novo e elevado recorte dificulta o seu día a día e volve pór en perigo a calidade da súa ensinanza.
A explicación dada pola Consellería a algúns dos directores indignados polo axuste foi aínda máis sorprendente. Todos os centros que teñan aforrado máis dun 33% do seu orzamento sufrirán un maior recorte na partida de gastos de funcionamento e que será aínda máis grande canto máis presuposto tivesen aforrado. Ese é o caso do CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, que viu como a partida pasou dos 36.498 euros do curso pasado aos 16.486 deste 2012-13. É o premio a ser un dos centros con maior remanente, segundo lle explicou a Administración.
A Consellería recoñece "un pequeno reaxuste" nas partidas destinadas a gastos correntes e explica que os centros educativos "poderán utilizar os remanentes do 2012", cantidades que nalgúns casos "son dunha contía igual ou superior ao do propio orzamento dos centros para o 2013". "Este reaxuste, que afecta a un 30% dos centros públicos, realizouse tendo en conta a realidade e as necesidades específicas de cada centro, polo que nalgúns caso obsérvanse baixadas e noutros subidas do orzamento", explica nun comunicado.
Non están tanto de acordo os afectados. "Pensei que era  un erro na transcrición, que en lugar dun tres puxeran un un na cifra final, pero non era así", explica Dolores Vázquez, directora do centro de Navia de Suarna, que dispón agora de 20.000 euros menos para gastos de funcionamento, o que supón un descenso de case o 55%. Terá menos cartos para financiar excursións, actividades extraescolares, a calefacción, amaño de infraestruturas, material... "Este ano non teremos problemas económicos neste aspecto, pero si os haberá si nos seguen recortando; o noso problema principal é a falta de profesores porque temos catro en Primaria e seguramente para o vindeiro curso teñamos tres", quéixase a responsable.
Tan sorprendente foi o tamaño do axuste que houbo directores de centros que o pasado venres, ao recibir a comunicación da transferencia reducida desta partida, puxéronse en contacto coa Consellería de Educación para advertir do que supoñían un erro. Non era tal. O recorte foi masivo e en 21 centros superou o 20%, chegando nalgúns casos a un descenso do 55% e ata do 73% en centros como os de Navia de Suarna ou Carballeda de Valdeorras. En 42 centros o axuste supera o 15%.
Porque este novo recorte únese á ampliación do copago nos comedores escolares, á redución do profesorado ou á diminución orzamentaria da Consellería de Educación, polo que pon en serias dificultades o funcionamento diario de moitos centros. "Estamos na alta montaña lucense e só en calefacción xa se nos van 10.000 euros", insiste Dolores Vázquez, que pode "entender" un pequeno axuste, pero non que se lle recorte tanto, "precisamente a quen foi capaz de aforrar mantendo a calidade educativa e de servizos no centro". "Nin valoran nin teñen en conta o esforzo que fixemos, pero tampouco parecen ter en conta que podemos ter momentos de dificultade; aínda por riba de aforrar, recórtannos máis", insiste.
 Xa no ano 2012, a partida destinada ao gasto de funcionamento destes centros foi de 31,1 millóns de euros fronte aos 28,3 deste ano 2013. A este decrecemento do 9% respecto do ano 2012 habería que lle engadir o incremento dos prezos dos gastos que os centros teñen que facer fronte con esta partida, pois a calefacción, a luz, a auga, gastos de departamentos, material ou trasporte para actividades complementarias sufriron un notable incremento.

"Con eses cartos pagamos o mantemento dos ascensores, a calefacción, as alarmas, a caldeira, os taboleiros dixitais, un programa informático... Pero agora hai arranxos dalguha infraestrutura que se cadra non poderemos facer", asegura Teresa Berdía, directora do IES Urbano Lugrís de Malpica, que sufriu un recorte de case o 28% na partida, uns 13.000 euros menos. Ela, ao contrario que a súa compañeira de Navia, non recibiu aínda explicación ningunha por parte da Consellería. "E iso que mando carta de protesta por cada recorte que nos fan", lembra.
"É unha vergonza e claro que afecta gravemente ao funcionamento e á calidade da escola; non imos poder facer todas as actividades que desexamos", recoñece Berdía, que recorda tamén que os centros afastados das grandes áreas urbanas teñen que, por exemplo, contar coa axuda dos pais para sufragar excursións ou visitas culturais a algún museo das urbes. "Pero hai moitas familias en paro ou cobrando unha axuda mínima; o 40% dos pais sofren unha situación precaria e achegada ao limiar da pobreza, así que non lles podemos exixir que paguen estas cousas", quéixase, mentres segue esperando unha explicación por parte da Consellería.
 Ademais,  hai centros aos que aínda incrementando o número de alumnado redúceselles a partida destinada a gastos de funcionamento para este ano. A merma de cartos destinada a este concepto, tal e como explica a CIG, reduce a dotación de recursos en relación aos centros concertados. Un novo golpe ao ensino público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario