xoves, 8 de setembro de 2016

A LOMQE complica um ano "conflitivo" pola "imposiçom" das reválidas e novos livros

Ás portas dun novo comezo de curso en Galicia -o día 12 en Primaria e o 15 en ESO e Bacharelato-, a incerteza arrodea estudantes, familias e docentes. Malia que o futuro da Lomce parecía curto tras a perda da maioría absoluta do PP, o ministro de Educación en funcións, Íñigo Méndez de Vigo, deixou claro este martes que os alumnos de 4º da ESO e 2º de Bacharelato terán que afrontar en xuño as reválidas, sen efectos académicos aínda pero si necesaria para poder acceder á Universidade.
Foi un real decreto dun Goberno en funcións e en plenas vacacións -o 31 de xullo- o que acabou por concretar o seu desenvolvemento e garantir a súa celebración. Unhas probas que, no caso de Primaria, sufriron un maioritario boicot en Galicia impulsado por familias e sindicatos, que volven advertir dun ano "conflitivo" e "moi movido". "Haberá que desempoar as camisetas verdes, non queda outra", din.
Son arredor de 30.000 alumnos os que en Galicia están pendentes deses exames finais de etapa de ESO e Bacharelato. Contan para poder seguir estudando e, no Bacharel, torna na nova Selectividade e marca a nota de acceso á Universidade, aínda que neste ano, de suspendela, os alumnos non quedarán sen título, algo que a Lomce si prevé que ocorra a partir do curso 2017-18.
"Non é de recibo e non o imos consentir", advirte Helena Gómez, presidenta da Confapa-Galicia, que se pregunta "que se pode esperar dun Executivo que, en funcións e a finais de xullo, saca un real decreto para confirmar as reválidas que contan con tan maioritaria oposición". Todo, malia que o posterior pacto con Ciudadanos prometía a paralización da Lomce. Desde as anpas apostan con rotundidade por "paralizar a reválida como primeira medida para paralizar a lei".
E nos sindicatos, todos amosaron tamén o seu rexeitamento total. “Centraremos todas as nosas forzas en conseguir que non se realicen as reválidas de Bacharelato e ESO”, aseguraba o pasado luns Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que insistía no prexudicial para o alumnado dunhas problas "letais" e "segregadoras" e que advertía dunha nova chamada "á insubmisión", toda vez que este ano as probas serán só orientativas e prescindíbeis para conseguir a titulación.
Con todo, o das reválidas non son, nin moito menos, o único problema que trae consigo a Lomce. "O que máis nos preocupa agora é que a lei impón novos libros que supoñen un importante gasto para as familias, de arredor de 300 euros", explican desde Confapa, que acusa directamente as editoriais de "facer negocio xunto coas administracións.
Ocorre que a implantación da Lomce supuxo o cambio -en detalles mínimos- de libros que, loxicamente, non hai nos bancos de material que teñen os centros. As axudas da Xunta van destinadas ás familias con moi pequenos ingresos pero "unha inmensa maioría de familias vense obrigadas a asumir un importante esforzo" para adquirir uns materiais "que apenas varían con respecto ao ano pasado". Desde Confapa insisten aos profesores "que non esixan estes libros, que os teñan na aula ou que aposten por outras ferramentas como as dixitais ou os seus propios apuntes". Pero non é así na maioría dos casos.
"A Lomce é así. Hai unha intransixencia total e non dan unha solución. Os libros que hai son os da nova lei e os do ano pasado non valen", insiste Gómez, que insiste en advertir de mobilizacións e protestas ante a "imposición" dunha norma rexeitada maioritariamente. Ademais, advirte tamén "dun profundo recorte" -outra máis- no profesorado e na diminución das axudas comedor.
Desde CCOO-Ensino lembran que Galicia perdeu 1.200 docentes no ensino público nos últimos sete anos. E desde CIG-Ensino recordan que a Xunta suprime 84 unidades e 13 escolas, "mentres acrecenta e beneficia o ensino concertado, coa  creación de 58 novas unidades". Unha situación que, lembrou, "repítese curso tras curso e que ten provocado que nos últimos 5 anos se suprimiran 411 unidades e 59 escolas no ensino público cando, nese mesmo período, se crearon 243 unidades no ensino privado concertado".

Xuventude Galicia Net volve a Silleda a vindeira fin de semana

Do 9 ao 11 de setembro celebrarase no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA unha nova edición de Xuventude Galicia Net, LAN party que congregará competicións de videoxogos terán un papel protagonista e repartirán premios valorados en máis de 6.000 euros. Entre elas destacarán os torneos oficiais, os cales contarán con premios de maior relevancia e serán cinco, centrados nos populares videoxogos League of Legends, Hearthstone, FIFA 2016, Counter Strike: Global Offensive e Rocket League, sendo este último unha nova incorporación. A estes torneos oficiais engadiranse, tamén como novidade, tres non oficiais, dos videoxogos Overwatch, Heroes of Storm e DOTA 2.
As restantes competicións da festa informática serán propostas diversas, tales como a de Seguridade, na que os participantes poderán poñer a proba todos os seus coñecementos rompendo a seguridade dun sistema, a de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos ou unha xincana.
Neste programa de competicións soamente poderán participar os inscritos na zona Intranet da party, os cales desfrutarán nesta área dun posto de altas prestacións para o seu equipo informático e terán dereito a acampar no pavillón.
Aos torneos súmanse moitas outras actividades, as cales estarán orientadas tanto aos inscritos como a todo tipo de público que acuda ao recinto, polo que se celebrarán na Extranet, é dicir, na zona de acceso libre da party.
Entre outras zonas, haberá unha de ordenadores e unha de consolas de última xeración, canchas de fútbol, baloncesto e tenis, un campo de paintball e unha pista de karting, zona Nerf (nela os asistentes poderán competir nun campo con obstáculos con diferentes armas de combate, como pistolas nerf ou armas de gomaespuma), zona Radiocontrol (orientada a xogos con coches teledirixidos), zona Drone (un circuíto onde os asistentes utilizarán minidrones para superar obstáculos) e tamén área de xogos con futbolíns, pimpón, air hockey, frisbie, xadrez e tiro con arco de ventosa. A elas sumaranse, entre outras actividades, exhibicións de tiro con arco olímpico, talleres de maquillaxe zombie, snookball (billar xigante no que se empregan pelotas de fútbol en lugar de bolas de billar), o (lan) piadas (parodia das olimpíadas con probas como petanca informática ou lanzamento de DVD), exposicións de artigos friki e de esculturas de súper heroes ou actividades relacionadas con Star Wars e a visita de personaxes desta saga da man da asociación Tropa Korriban.
As conferencias tamén formarán parte das actividades da nova edición de Xuventude Galicia Net, centrándose en temas como os e-sports, a creación de videoxogos e o radiocontrol.

Os novos galegofalantes reivindican a lexitimidade do castrapo

Estudantes de 4º da ESO demostran o "elevado poder simbólico e emocional" que ten para eles o uso desta variedade do galego, nun estudo de Ana Iglesias Álvarez, profesora da Universidade de Vigo.

O contacto entre o galego e o castelán deu lugar ó uso de moitos castelanismos na fala galega e de galeguismos no español que se fala en Galicia; variantes que foron tradicionalmente menosprezadas polos puristas. Porén, a profesora Ana Iglesias Álvarez, do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, reivindica a lexitimidade destas variantes nun estudo no que analiza as ideoloxías dos falantes sobre as linguas e no que comprobou que as novas xeracions de galegofalantes asumen con absoluta normalidade a existencia e o uso do castrapo, ao que outorgan a mesma lexitimidade que ao galego estándar.
No seu estudo 'Castelanismos e galeguismos. A súa relación co estándar', publicado na revista Estudos de Lingüística Galega, da Universidade de Santiago, a profesora Iglesias Álvarez conclúe: "A maior parte dos planificadores do proceso de estandarización do galego, ao defenderen unha ideoloxía purista, sitúanse na cultura da monoglosia ou ideoloxía da estandarización, que conduce a solicitar a converxencia cara á variedade elevada á categoría de estándar, en detrimento das diferentes variedades dialectais, englobadas polos falantes baixo a etiqueta xenérica de castrapo. Así, a súa sobrevaloración dos castelanismos (léxicos) no galego tradicional (castrapo) provoca que se acentúen as diferenzas entre este e a variedade estándar, mentres que no caso do castelán, ademais, acontece á inversa: tende a minimizarse a distancia existente entre o castelán de Galicia —con todos os seus galeguismos— e o castelán estándar (peninsular)".
E se ben os galegofalantes obxecto da súa investigación (alumnado de 4º da ESO) "reproducen en parte esta ideoloxía purista, sobre todo no que respecta á importancia outorgada aos castelanismos léxicos no seu galego (castrapo)", comprobou que "desde unha perspectiva heteroglósica defenden o mantemento dun repertorio plurilingüístico e pluridialectal, o que lles permite presentar a súa variedade tradicional como «lexítima» para os usos familiares e coloquiais".
Para estas novas xeracións de galegofalantes, o castrapo  —que definen na súa maioría como o "galego con influencias do castelán no léxico"— "é a variedade «auténtica»", a que "contén valor simbólico, fronte ao estándar, ao que asignan un valor puramente instrumental (variedade para ser usada nos contextos máis formais e públicos)", argúe a investigadora da Universidade de Vigo.
Para a súa análise, Iglesias traballou con alumnos de 4º da ESO de entre 15 e 17 anos, escolarizados na última fase, ata o seu momento, do proceso de estandarización da lingua galega, "a que comeza coa aprobación en 2003 da coñecida como «normativa de concordia», que consensúa as opcións ata daquela en pugna (mínimos e oficial) e continúa vixente na actualidade, tamén chamada «normativa de consenso»", explica a autora. Trátase, polo tanto, de "individuos que xa non viviron en primeira persoa o debate normativo e dos que en consecuencia podemos esperar unha visión do estándar galego como variedade máis consolidada que en xeracións anteriores".
No estudo traballouse con dous grupos nun hábitat urbano (a cidade de Pontevedra), tres en vilas (un en Vilalba e dous en Caldas de Reis) e dous no hábitat rural (Guitiriz e contorna, por unha parte, e zona de Cuntis, Portas e Moraña, pola outra). "Isto permitiunos acceder a representantes dunha ampla variedade de perfís sociolingüísticos: desde monolingües en castelán ata monolingües en galego, pasando por diferentes tipos de combinación de ambas as linguas", indica a investigadora.
"O castrapo é a variedade lingüística que se transmite na familia e constitúe a lingua materna ou inicial destes falantes".
PODER SIMBÓLICO E EMOCIONAL
Entre o alumnado galegofalante que participou na investigación atopuse "unanimidade á hora de caracterizar a súa forma de falar pola presenza de castelanismos léxicos", como revela a seguinte selección de extractos das conversas recollidas pola investigadora: 1) “Eu por ejemplo nunha frase podo dicir tres palabras en castelán e tres en galego aínda que sea galegofalante”; 2) “Aquí en galego por cada tres palabras que soltamos dúas delas son castelanismos”.
En xeral, Iglesias atopou que "o castrapo é a variedade lingüística que se transmite na familia e constitúe polo tanto a lingua materna ou inicial destes falantes, con todas as implicacións identitarias e afectivas que isto supón". Así, a profesora encontrou que os estudantes se refiren a esta variante como “galego da familia, galego dos meus pais, galego de toda a vida”. Polo tanto, Iglesias conclúe que se trata dunha "variedade dentro do galego", pero non unha variedade máis, senón unha variedade cun "elevado poder simbólico e emocional".
Pero no mantemento do castrapo tamén pesan moito outros factores, "a comodidade e o hábito e incluso ás veces o descoñecemento, aínda que en xeral o alumnado participante recoñece que o uso dos castelanismos se debe máis a unha falta de interiorización que á ignorancia", describe a autora do estudo. Proba disto é que os alumos "son quen de poñer numerosos exemplos nos que exemplifican como na súa fala cotiá espontánea «escollen» os termos non estándar, mais saben indicar cales son os termos normativos correspondentes. Esta falta de interiorización da variedade normativa acentúase debido ao seu escaso contacto con ela", continúa a investigadora, quen engade: "De aí que por unha parte cualifiquen o castrapo e, polo tanto, o que eles falan, como incorrecto, «que non está ben dito», e por outra, en cambio, intenten reivindicalo e rexeiten a súa cualificación de incorrecto, por exemplo por parte do profesorado".
Así, os novos galegofalantes "néganse a aplicarlle ao castrapo adxectivos pexorativos como «vulgar»", impostos dende os posicionamentos máis ortodoxos e puristas. Contra esa imposición ideolóxica, e "co fin de desfacer a contradición na que eles mesmos incorren con respecto á corrección ou non do castrapo, introducen a diferenza entre as variedades en función do grao de formalidade e o tipo de ámbito (público ou privado)", explica a profesora da Universidade de Vigo, que tamén atopou mozos que "amosan unha clara vontade correctora, no sentido de converxencia cara ao estándar na súa fala cotiá, aínda que son posturas minoritarias".
Polo tanto, os novos galegofalantes xustifican o castrapo como "unha variedade diafásica coloquial e, en consecuencia, totalmente lexítima para ser empregada nos usos cotiáns espontáneos da lingua".
Deste xeito, "mentres o galego estándar é unha variedade homoxénea (común e supradialectal), o castrapo inclúe as diferentes variedades dialectais máis os castelanismos léxicos, en diferentes graos", esclarece Iglesias.
A profesora detalla que o castrapo que usan os novos galegofalantes caracterízase principalmente pola "presenza de castelanismos léxicos", pero tamén "por trazos dialectais, sobre todo pola gheada", característica fónica moi criticada nos discursos públicos máis puristas, malia que "é cuestionable que teña a súa orixe na lingua dominante".
"A variedade que desempeña para eles a función simbólica é o castrapo, mentres que a variedade estándar cumpre só unha función instrumental".
Segundo Iglesias, "os galegofalantes demostran ter interiorizada a ideoloxía purista que os planificadores difundiron con respecto ao galego, de xeito que nos seus discursos metalingüísticos o tema dos castelanismos acada grande relevancia, nalgúns casos expresado de maneira moi semellante á dos discursos públicos [...], ata o punto de que necesitan recorrer a unha etiqueta diferente para identificar o seu galego oposto ao estándar".
Non obstante, a investigadora aclara que "isto non significa que os falantes asuman todas as implicacións que a ideoloxía purista e de calidade da lingua intenta impoñer, no sentido de abandonaren a súa variedade dialectal en función da variedade estándar", pois "a variedade que desempeña para eles a función simbólica é o castrapo, mentres que a variedade estándar cumpre só unha función instrumental, isto é, para ser usada nos contextos máis formais, que en realidade son moi escasos, polo menos na franxa etaria estudada", dilucida.
PURISMO VS VARIEDADE
Nunha comparación entre os enfoques sobre o uso de castelanismos no galego e de galeguismos no español que se fala en Galicia, Iglesias observa que existen criterios diferentes. Así, "cando se fala do castelán de Galicia, rexéitase aplicar o termo «interferencia» aos galeguismos que o definen", mentres que "cando se fala da calidade lingüística do galego, insístese reiteradamente na abundancia de castelanismos, denominados «interferencias», «deturpacións», «solucións espurias», «formas foráneas» [para cualificar o «mal galego], en oposición a «voces patrimoniais galegas», «vocábulos autóctonos», «solucións propias» ou «formas propias» [para referirse ó «galego auténtico»]", describe a profesora.
"Os planificadores do galego están a reproducir as estratexias e os discursos puristas aplicados ás linguas dominantes".
Na opinión de Iglesias Álvarez, baixo este tipo de afirmacións que diferenzan o galego bo do malo, "está actuando a ideoloxía que reduce a lingua á norma estándar, de acordo coa cultura monoglósica e a ideoloxía da estandarización". E neste proceso, "os planificadores das linguas minorizadas e, no caso concreto que nos ocupa, do galego, o que fan é imitar e reproducir as estratexias e os discursos puristas aplicados ás linguas dominantes", considera a profesora da Universidade de Vigo.
Nas súas conclusión, Ana Iglesias Álvarez recomenda "modificar os esquemas conceptuais impostos pola cultura monoglósica" para elaborar "un novo discurso no que os galegofalantes tradicionais e o seu castrapo teñan cabida tamén na calidade da lingua".
"Se provocamos que os galegofalantes se sintan excluídos do proceso de estandarización da súa propia lingua, dificilmente imos ter éxito non xa na difusión do estándar, senón no propio mantemento e recuperación de falantes", argúe a profesora. Por iso, considera necesario "potenciar a variación diafásica e o dominio dun amplo repertorio lingüístico, de xeito que os falantes poidan escoller entre diferentes opcións segundo os contextos".
"Desta maneira, poderemos ser «puristas» con respecto á variedade estándar pero sen a concibirmos como a única lexítima", e sen que isto sexa incompatible coa "esixencia nos usos públicos e formais dun estándar coidado", pero "sempre sen excluírmos da lingua de calidade os galegofalantes tradicionais e o seu castrapo", conclúe a investigadora.

CIG vaticina un curso “problemático” pola Lomce e o desmantelamento do ensino público

Reválidas, supresión de unidades no ensino público mentres se aumenta o orzamento para a concertada, recortes en profesorado, marxinación do idioma galego... O sindicato nacionalista considera que o curso que comeza vai ser “conflitivo”.

A Mesa propón aos partidos que concorren ao 25S seis medidas a prol do galego

A Mesa propón ás formacións que concorren as eleccións unhas propostas concretas, sen apenas custos e asumíbeis que axudarían “reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”. 

A Mesa pola Normalización Lingüística propuxo aos diferentes partidos que concorren ás eleccións do 25 de setembro seis propostas que teñen como finalidade “que por fin se actúe para reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”. Son medidas que, en palabras de Marcos Maceira, presidente da Mesa, son “asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”. Que as organizacións políticas asuman estas 6 medidas sería toda unha declaración de intencións e compromiso destas para co idioma propio do país.
“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa elaboración contou coa participación de case 1000 persoas representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo”, engadíu Maceira.
Cumprir
A recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega. Eis esas seis propostas que A Mesa pon sobre a mesa.
Segundo explicou Maceira, “son medidas sinxelas, con apenas custe e que só poden ter un efecto positivo”, engadindo que “non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”. Lembrou, ademais, que as multitudinarias mobilizacións nestes anos en defensa do galego apontan a que a maioría da sociedade apoia este tipo de compromisos a prol do idioma.
Debate público
A Mesa pola Normalización Lingüística tamén chamou os partidos a debatiren sobre a lingua publicamente, na televisión e na radio, “para que coñezamos as súas propostas para reverter a situación do galego”.

En Marea quer anular o calendario da LOMCE e rematar co encerramento de escolas no rural

O candidato de En Marea, Luís Villares, elixiu A Coruña para apresentar esta cuarta feira as propostas desta formación en materia de educación.

As propostas básicas de En Marea son a anulación do calendario imposto pola LOMCe, pór fin ao encerramento de escolas no rural, recuperar a gratuídade dos libros de texto, fiscalizar os concertos educativos coa escola privada ou incrementar no mínimo o 5 por cento o investimento dedicado á universidade.
En Marea tamén propón acabar coa precariedade laboral do profesorado.
Villares deixou esta frase: “Fronte os valores da coalición Feijóo-Baltar En Marea defende a honradez, a decencia e un sistema educativo pública como vía de transformar o país e convertelo nun país xusto”.

xoves, 1 de setembro de 2016

Continúa en Pontevedra o ciclo de seminarios científicos do CSIC en torno ás Ciencias Agrarias

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), continúa esta semana en Pontevedra co ciclo de seminarios científicos en torno ás Ciencias Agroforestales.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), continúa esta semana en Pontevedra co ciclo de seminarios científicos en torno ás Ciencias Agroforestales.
Así, mañá xoves, 1 de setembro, ás 10.00 horas no salón de actos da MBG, Kailen Andrews Mooney, profesor no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Evolutiva da Universidade de California, impartirá o seminario 'Causes and community-level consequenciaes for clinal adaptation in a foundational plant species'.
"O cambio climático está a alterar as interaccións entre as plantas e os seus inimigos naturais (os herbívoros), incrementando tanto os seus niveis de ataque como o seu rango de distribución, explica o experto, que apuntará na charla como o drástico incremento na temperatura e diminución na precipitación que sofre a costa de California durante as últimas décadas afectan ás defensas dun arbusto nativo 'Artemisia californica'' contra os seus herbívoros.
O relator colabora co grupo de Xenética e Ecoloxía Forestal da MBG e o seminario diríxese, fundamentalmente, ao público con coñecementos científicos, se ben é de entrada libre ata completar auditorio.

O Concello de Pontevedra amplía o seu proxecto Memoria en rede

O pasado mes de abril o Concello de Pontevedra abría unha canle para conectar dous mundos mediante un proxecto ben interesante: Memoria en rede, unha idea que unificaba a tecnoloxía e a memoria. Dito doutro xeito, servíase das novas novas tecnoloxías para ir á procura da memoria perdida, entendendo por isto último: historias, lendas, vivencias, en definitiva, vidas… Memoria en rede botaba a andar na parroquia de Mourente e agora volta cun “proxecto redeseñado e adaptado” segundo anunciaba o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña. Nesta segunda quenda a Memoria en rede, que comezará en setembro, chegará á parroquia de Lérez.
Así, desta volta a Memoria en rede terá unha dupla versión: Cerdeiras e Carballos. As Cerdeiras, para aqueles con menos coñecementos (ou ningúns) dispostos a aprender e a tentar participar no proxecto. E os Carballos, para persoas con algúns coñecementos informáticos que farán un pequeno repaso ao comezo do curso para ir ao miolo do proxecto: recuperar a memoria.
Con esta Memoria en rede perséguese, amais de achegar as persoas á informática, que todas as historias contadas polos participantes fiquen á disposición do público xeral nun blog no que se poderán ler e engadir comentarios de experiencias partilladas ou impresións persoais. Memoria en rede comezará os días 19 de setembro en Lérez e o 20 de setembro en Mourente.
Para aquelas persoas interesadas, os horarios serán os seguintes: luns e mércores, en Lérez; e martes e xoves en Mourente. De 16:15 a 18:15 horas, curso básico (Cerdeiras) e de 18:30 a 20:30 horas, o curso intermedio (Carballos). A distribución horaria das Cerdeiras será de 40 horas aprendendo e 10 horas de práctica. E nos Carballos, xustamente á inversa: 10 horas repasando e 40 horas recuperando (con voz gravada, textos, imaxes escaneadas, vídeos…).
Para inscribirse é preciso chamar en horario de mañá ao teléfono do Concello 986 80 43 00 e premer a extensión 7107. Aí, indicarase o nome e apelidos e o teléfono de contacto. Ou ben, acudindo pola alcaldía do Concello. Hai 15 prazas por curso.

Cursos de inglés para turismo

O Servizo de Cohesión Social e Xuventude, promove e organiza actividades destinadas á xuventude.

"Cursos de inglés para turismo", céntrase na formación en linguas estranxeiras. Está dirixida a mozas e mozos que, debido ao labor profesional que prevén desenvolver no seu futuro ou que están a desempeñar na actualidade, teñan interese en adquirir unha competencia comunicativa a nivel intermedio que lles permita desenvolverse no contexto específico do sector turístico e da hostalería.

Máis información:
http://www.depo.es/temas-formacion/cursos-de-ingles-para-a-xuventude

O Concello de Malpica marxina o galego na rotulación das praias de Area Maior e de Canido

A “Concellaría de Seguridade e Protección Civil” pasa a ser “Concejalía de Seguridad y Protección Civil”.

 A sección da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños rexistrou un escrito no concello de Malpica de Bergantiños exixindo a reposición do uso do galego en todos os rótulos públicos que o exclúe, concretamente nas praias de Area Maior e na de Canido onde foron instalados recentemente varios letreiros sen teren en conta a lingua propia de Galiza.
A sección comarcal da Mesa denunciou que “a exclusión do galego na sinaléctica pública vulnera a lexislación vixente en materia lingüística” e lembroulle ao concello de Malpica de Bergantiños que a Lei de Normalización Lingüística estabelece que “Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns” e que tamén a Lei 5/1997 da Administración Local de Galiza di que “O galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, mostrándose moi clara ao respecto ao dictaminar que: “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”, o que inclúe os rótulos e sinais da vía pública e dos edificios municipais.

A agrupación comarcal da entidade en defensa da lingua mostrou a súa sorpresa pola instalación das novas rotulacións coa denominación en castelán “Concejalía”, algo “insólito na comarca” que a sección comarcal da Mesa cualificou como “un paso atrás no uso do galego pola administración local de Malpica”.

O responsábel da Mesa na comarca, Xosé Cotelo, preguntou ironicamente ao goberno local se tamén ten pensado substituír “Concello” por “Concejo” e reclamou ao goberno malpicán “respecto pola lingua propia de Galiza e o cumprimento da lexislación en materia lingüística”

Xosé Cotelo declarou que “a lingua galega precisa de reposición do seu uso, de promoción e de prestixio” pois “de agresións e reducións de dereitos ao galego xa está o caixón cheo”.

Un pupitre está 400 veces máis sucio que un inodoro

Un informe advirte de que só o 22% dos estudantes se lava as mans antes de comer no colexio, o que, sumado á sucidade dos escritorios, provoca o contaxio do 60% das enfermidades.

Un pupitre está 400 veces máis sucio que un inodoro porque este límpase a diario con produtos desinfectantes. Un estudo da empresa de solucións hixiénicas de PHS Serkonten advirte de que só o 22% dos docentes e estudantes se lava as mans antes de comer no centro educativo, un aspecto que, xunto á sucidade dos escritorios, provoca o contaxio do 60% das enfermidades nas escolas, sobre todo en nenos de tres a seis anos.

Para evitar a acumulación de sucidade, esta empresa aconsella aos centros contar cunha subministración de produtos e materiais cos que combater o po, a desorde e os residuos; aplicar produtos de limpeza contra os microbios aptos para mobiliario e materiais de traballo compartidos; ou colocar felpudos en lugares estratéxicos porque o 70% da sucidade nas aulas provén das solas dos zapatos. 
Sobre a hixiene persoal, recomenda pór nun lugar visible instrucións de como lavarse ben as mans e asegurar que haxa suficiente xabón e toallitas ou que os secadores automáticos funcionan adecuadamente. En canto á limpeza ambiental, esta compañía advirte da importancia que ten este aspecto nos centros, nos que alumnos, docentes e resto de persoal pasan unha media de sete horas diarias. Neste sentido, afirma que a mala calidade do aire no interior do centro é responsable dunha perda media de produtividade do 10%. Respecto diso, aconsella a colocación nos colexios de plantas naturais que absorben impurezas e dióxido de carbono e producen osíxeno, ademais de "aumentar os niveis de positividad e reducir a sensación de ansiedade, irritabilidade e tensión".

Sobre a iluminación, propón facelo de forma eficiente naquelas estancias do centro que non dispoñan de luz natural e aproveitar ao máximo esta cando sexa posible. E sobre o consumo da auga, propón que se faga de forma racional mediante cisternas con dobre pulsador, billas auto regulables e fontes de pechado automático.

Tamén expón contar con protocolos ambientais para reducir o uso do papel, reutilizar e reciclar libros ou apuntamentos, ademais de aproveitar o uso novas tecnoloxías.

Axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo para o curso académico 2016-2017

Convócanse as seguintes axudas:
a) Axudas directas para o alumnado que requira por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta.
b) Subsidios por necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade ou trastorno grave de conduta para familias numerosas.
c) Axudas para programas específicos complementarios á educación regrada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades intelectuais.
.Segundo. Beneficiarios.
Poderán solicitar as axudas os alumnos que non superen unha determinada renda e/ou patrimonio familiar e que presenten necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastornos graves de conduta e que se atopen cursando en centro específico, en unidade de educación especial de centro ordinario ou en centro ordinario que escolarice alumnos que presentan necesidades educativas especiais, algún dos niveis educativos non universitarios.
Para obter o subsidio requirirase ser membro de familia numerosa.
O alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades intelectuais
Orixe: BOE.es – Documento BOE-B-2016-37709

Nace o primeiro clube de lectura ecoloxista de Galicia

Este luns anunciouse o lanzamento de Terra Livre – Rede Ibérica de Espazos de Lectura Ecoloxista, que ten como obxectivos principais fomentar o estudo, a reflexión e o debate sobre ecoloxismo para, así, formar os seus e as súas integrantes e aumentar a conciencia ecoloxista da sociedade. Constitúe o primeiro clube de lectura ecoloxista que funcionará en Galicia.
Ten como obxectivo fomentar o estudo, a reflexión e o debate sobre ecoloxismo para formar os seus integrantes e aumentar a conciencia da sociedade
A denominación Terra Livre rende homenaxe a unha das primeiras publicacións da península que fixo referencia a postulados ecoloxistas: o semanario anarquista Terra Livre, que se publicara ao longo do ano 1913, durante a Primeira República Portuguesa, e que no seu primeiro número sinalaba que "Terra Livre é o amor pela natureza, de que a humanidade é apenas uma parte minima, sem superioridade!”
A rede organízase de maneira horizontal e defende como valor fundamental a diversidade lingüística e cultural. Para cumprir os obxectivos os coordinadores de cada espazo de lectura traballan a través dunha lista de correo electrónico interna que servirá para potenciar o apoio mutuo na difusión das distintas convocatorias de cada espazo de lectura, o fomento da aparición de novos espazos de lectura ecoloxista en distintos puntos tanto dentro da Península Ibérica coma fóra dela e a preparación dun encontro anual entre os diferentes espazos de lectura ecoloxista da Rede.
A Rede dispón dun grupo aberto de Facebook que, ademais de servir para a difusión das súas convocatorias, funciona como espazo virtual principal para colgar referencias, debater sobre diferentes temas, e punto de encontro entre os integrantes dos distintos espazos de lectura e calquera persoa interesada na materia.
O primeiro nodo desta rede en Galicia é o Espazo de lectura ecoloxista na Coruña, en proceso de creación
O primeiro nodo desta rede en Galicia é o Espazo de lectura ecoloxista na Coruña, en proceso de creación. O seu email de contacto é ecoespazolectura@gmail.com. A Rede Terra Livre anima a todas as persoas interesadas nestas cuestións a participar nos espazos de lectura da súa localidade e, en caso de non existir aínda, anima a crealos, ofrecendo para iso todo o seu apoio.

As estudantes expedientadas por protestar contra Luciano Méndez acusan a USC de "amparar" o seu "discurso de odio"

"Xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote. Empéñaste en traer escote ata o embigo". O pasado mes de febreiro, estas palabras de Luciano Méndez, profesor da Facultade de Economía da USC, deron lugar a unha protesta dun grupo de alumnos e alumnas, que abandonou a aula. A reacción da USC limitouse a cambiar de clase á estudante á que se dirixira Méndez e a abrir unha investigación, incrementando o malestar nunha parte da comunidade universitaria. En marzo nove alumnas do Máster de Xénero, Igualdade e Educación decidiron levar a cabo unha acción noutra das clases impartidas polo docente. Hai unhas semanas, a USC anunciou a imposición dunha sanción de dous meses sen emprego e soldo ao profesor Luciano Méndez que, con todo, manterá as súas horas de clase no curso que está a piques de comezar. Ademais, notificoulles a dúas das estudantes que levaran a cabo a acción de denuncia a apertura dun expediente disciplinario, considerando a súa protesta como posible falta leve, o que pode desembocar mesmo na perda de matrícula.
Este grupo de alumnas e alumnos da USC considera "inaceptable" a apertura deste expediente disciplinario, "posto que implica que esta institución ampara o reiterado discurso de odio de Luciano Méndez"
Este grupo de alumnas e alumnos da USC considera "inaceptable" a apertura deste expediente disciplinario, "posto que implica que esta institución ampara o reiterado discurso de odio do profesor Luciano Méndez". Defenden que levaron a cabo unha "protesta pacífica e lexítima que reivindicaba un trato igualitario e o dereito a unha educación comprometida cos valores da igualdade e da non discriminación, e garante do principio da igualdade de xénero, tal como consta no Decreto 14/2014 do 30 de xaneiro polo que se aproban os propios estatutos da USC". Engaden que a Universidade de Santiago só actuou contra Méndez "ante a presión da atención mediática e a opinión pública" e consideran que "a sanción de dous meses sen emprego e soldo é totalmente insuficiente, posto que se ten reafirmado repetida e publicamente no seu discurso de odio".
Salientan que Méndez "demostrou a súa incapacidade para dar aulas, especialmente a mulleres novas, con declaracións que poden incluso chegar a xustificar a violación". Refírense a un artigo publicado en La Voz de Galicia, a xeito de xustificación, no que afirmaba que “a testosterona é unha hormona complicada, pode ser unha aliada que estimule e motive e pode ser tamén o peor dos inimigos, que faga o varón vulnerable e débil. Controlala, manexala en beneficio propio é labor de toda unha vida”.
Salientan que Méndez "demostrou a súa incapacidade para dar aulas, especialmente a mulleres novas, con declaracións que poden incluso chegar a xustificar a violación"
Así mesmo, sinalan que "todo o proceso disciplinario deuse de xeito opaco, sen garantías legais, imputando feitos inespecíficos e intentando relacionar o protesto pacífico con danos materiais sen especificar, dos que non sabemos nada, coa intención de deslexitimar a nosa protesta ideolóxica".
As alumnas e alumnos acusados pola USC presentaron esta mañá un recurso de alegacións, no que esixen a desestimación do expediente disciplinario. Así mesmo, reiteran a súa petición de que o profesor sexa apartado da docencia. No documento enumeran algunhas das intervencións de Méndez, tanto na aula (“se queres levar un escote até o embigo por favor diríxete á última fila”, “para vir así ven sen nada, ou vente directamente en pezonera ou directamente ensínanos as tetas”, “se fose machista dábache unha hostia”, “vou desfrutar das tetas das túas compañeiras”,) coma nos medios de comunicación ("A min vai a seguir alterándome un escote excesivo").
Convocan, finalmente, unha concentración diante do Rexistro Xeral da USC (praza do Obradoiro) o xoves 8 de setembro ás 12h da mañá, "onde son benvidas todas as persoas que queiran amosar o seu apoio, reclamarlle á USC un posicionamento claro respecto ao dereito á liberdade de expresión e á non discriminación, ou descubrir se pasan a proba do escotímetro".