martes, 2 de xuño de 2015

A Xunta recorta fondos para libros de texto e crea un plan de préstamo similar ao que eliminou

Foi unha das grandes controversias provocadas polo PP tras o seu retorno á Xunta e agora, seis anos máis tarde, transita polo terreo da rectificación parcial. No ano 2009 o presidente da Xunta e o daquela novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, defenderon con vehemencia a supresión do préstamo de libros de texto a toda a comunidade escolar do ensino público. Segundo Feijóo e Vázquez aquel "café para todos" provocaba un "moi elevado gasto" que inzaba de "carga burocrática" as direccións dos centros e, aínda por riba, impedía a creación do que daban en chamar "bibliotecas familiares" mediante a acumulación de manuais en cada fogar. Por todo aquilo implantaron a denominada "gratuidade solidaria", un modelo de axudas parciais que agora vai convivir cun novo sistema de préstamo semellante ao noutrora deostado dende a Consellería de Educación.
O Diario Oficial de Galicia publica as dúas ordes nas que se baseará o novo modelo. Unha delas é a convocatoria das axudas parciais, agora restrinxidas aos cursos primeiro, segundo, cuarto e sexto de Primaria e a primeiro e terceiro de Secundaria, límite que lle permite a Educación rebaixar a dotación económica dos subsidios un 23%, ata os 11,5 millóns. Os cursos que non entran no ámbito das axudas, terceiro e quinto de Primaria e segundo e cuarto de Secundaria, están afectados por outra orde, a que crea e regula o denominado "fondo solidario de libros de texto", denominación coa que a Xunta imita a dos bancos solidarios de libros de texto creados polas asociacións de nais e pais e por algúns concellos nos últimos anos para, precisamente, paliar os recortes implantados dende o Goberno galego.
A Xunta cargou durante anos contra o modelo de préstamo e substituíno por axudas parciais
Tras varios cursos desdeñando abertamente o préstamo a Xunta completa así un camiño iniciado en maio de 2014, cando o PP sacaba adiante en solitario unha iniciativa parlamentaria na que instaba a Xunta a "facilitar o acceso das familias galegas aos libros de texto, facendo compatibles as axudas (...) coa solidariedade e coa cooperación na extensión de iniciativas de bancos de libros". Nesta liña, a propia Consellería refírese na orde ao "importante labor desenvolvido polas ANPAS nos últimos anos" para xustificar o novo modelo, segundo o cal "todos os centros docentes sostidos con fondos públicos deberán dispoñer dun fondo solidario de libros de texto" que, nesta primeira edición, estará integrado por "todos os libros" mercados coas axudas do curso 2014-2015 e con "libros e material didáctico vixente e útil voluntariamente cedido ao fondo".

As ANPAS reiteran a esixencia de volver ao préstamo universal

Aínda que a nova normativa fai recaer o peso da xestión dos préstamos nos equipos directivos dos centros mediante unha nova aplicación informática a Xunta tamén prevé que cada colexio poida "solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros, inventario, clasificación e entrega". Este precepto e a propia implantación dun sistema a medio camiño entre o préstamo e as axudas parciais sume na estupefacción as dúas principais organizacións que representan as asociacións de nais e pais en Galicia, que coinciden en reclamar a volta ao sistema de préstamo universal que implantara o bipartito.
"Quen son eles para falar de banco solidario, se foron os primeiros insolidarios?"
"Quen son eles para falar de banco solidario, se foron os primeiros insolidarios?", pregúntase a presidenta de CONFAPA Galicia, Helena Gómez Vecino, que en declaracións a Praza Pública lembra que os bancos solidarios orixinais, os das ANPAS, foron creados precisamente "para paliar o desastre que eles provocaron". "Agora van de bos", di Gómez Vecino, pero impulsan un sistema que queda "a medio camiño para a gratuidade", que vai provocar que "diminúan os libros de texto" para ser prestados e que, ademais "contan" co traballo das ANPAS pero "sen que lles désemos pé" a facelo.
"Van converter o caos actual nun caos infinitamente maior"
Dende a Confederación de ANPAS Galegas o seu voceiro, Fernando Lacaci, augura que estas dúas ordes lograrán "converter o caos actual nun caos infinitamente maior", un "camiño ridículo" no que ademais conviven libros adaptados á Lei Wert con outros adaptados á anterior lexislación educativa. "Se a LOMCE vai abaixo, que hai moitas posibildiades de que ocorra, que facemos cos libros acabados de mercar?", pregúntase Lacaci, que alerta ademais de que o alumnado "cunha discapacidade por baixo do 65%" segue sen axudas específicas. Asemade, nunha liña semellante á expresada dende CONFAPA, Lacaci destaca que "non é normal" que a Consellería poña en marcha un novo sistema contando co traballo das ANPAS, que "batería coa protección de datos: nin podemos nin queremos saber quen pide axuda da Xunta para libros". "Ao final -anticipa- quen pagarán serán as nenas e nenos".

Dotación inicial das axudas para a compra de libros de texto

O crédito de exercicios anteriores tivo que ser ampliado por non ser dabondo os fondos iniciais
CC BY-SA Praza Pública

Movistar, a unha clienta galega: ‘’No atendemos en gallego’’

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un caso de discriminación lingüística na empresa de telecomunicacións, que lle negou atención a unha cidadá por se expresar en galego.

Unha traballadora do 1004 de Movistar negouse a atender a chamada dunha cidadá porque esta se expresaba en galego. Así o denuncia a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), en referencia a un feito que decorreu o 26 de maio. “Unha clienta chamou por teléfono ao 1004, liña de atención telefónica de Movistar A Coruña, porque o seu teléfono móbil non se ouvía ben. Despois de varias opcións, na de Reparar e substituír tiña que dicir Terminal. A continuación atendeuna unha persoa que cando a clienta comezou a falar en galego colgoulle o teléfono despois de dicirlle: “En este departamento no atendemos en gallego”.
A Mesa salientou que o feito de non ser atendida só polo feito de se expresar no seu idioma supón “un grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para esta cidadá. É unha falta de atención grave, unha agresión persoal e un maltrato polo feito de empregar o galego”.
Esta situación vulnera, afirma A Mesa, claramente a lexislación vixente sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía. A Mesa dirixirase a Movistar para denunciar estes feitos e exixir que cumpra a lexislación e se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, dixo que este tipo de actitudes por parte das empresas que ofrecen servizos de atención teléfonica á súa clientela, están ademais a repercutir gravemente na economía galega. O sector da teleatención ocupa agora mesmo a cerca de 5000 persoas en Galiza, só entre o ano 2010 e 2012 (último ano do que se dispoñen datos), 2040 persoas perderon o seu emprego vítimas da deslocalización, á que contribúe o feito de só 5% destas empresas ofertaren opción de atención en galego.

luns, 1 de xuño de 2015

Os fogares reduciron a súa renda na última lexislatura

A Estrada e Rodeiro foron dous dos municipios da zona máis afectados.

Os últimos catro anos, coa crise aínda en pleno auxe, foron difíciles para moitas das familias da zona nun panorama no que o peche de empresas foi unha das tónicas da actualidade na zona, especialmente na comarca de Deza. Un panorama que se plasma no descenso xeneralizado dos ingresos por parte dos fogares da zona. Nos nove municipios das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes redúcense os ingresos medios aínda que si temos en conta os de fogares, estes só aumentan e moi lixeiramente en Agolada. Son os datos dun estudo elaborado por Ais Group e ESRI España
O municipio da Estrada foi un dos máis afectados. No 2011 os ingresos netos medios mensuais nos fogares eran de 1.956,33 euros pasando a ser de 1.657,54 euros no 2014, o que supón un descenso en 298,76 euros netos mensuais. Nas familias activas os ingresos pasaron de 2.384,02 a 2.017.52.
Nas familias de xubilados pasouse dos 1.589,50 euros do 2011 aos 1.469,94 do pasado ano. Por membro da unidade familiar os ingresos pasaron de 611,51 no 2011 a 598,85 no 2014. Tamén se reducen os ingresos mensuais netos por membro ocupado que pasan de 1.305,80 no 2011 aos 1.171,86 no 2014.
Publicidad
O estudo arroxa tamén un descenso moi elevado nos ingresos dos fogares de Rodeiro, neste caso de 442,03 euros de ingresos mensuais netos por familia, nun concello eminentemente gandeiro e onde a crise do sector lácteo afecta especialmente. O estudo establece uns ingresos mensuais netos por fogar de 2.196,19 euros no 2011 fronte aos 1.753,97 euros no 2014. En canto ás familias activas os ingresos medios foron de 2.651,74 euros no 2011 e de 2.288,79 o ano pasado. Por membro os ingresos foron de 582,03 no 2014 fronte aos 603.96 de media do 2011. Por membro ocupado no 2011 foron de 1.261,52 e no 2014 de 1.036,68 euros. En Dozón os fogares perderon nese período 208,16 euros mensuais netos de ingresos pasando de 2019,49 no 2011 aos 1.811,33 do 2014. Os de familias activas pasaron de 2.606,73 a 2.263,11 e as de xubilados de 1.545,93 a 1.528,69. Por integrante o descenso foi de 634 a 549,29 e por membro ocupado de 1.191,56 a 1052,55 euros.
Séguelle Vila de Cruces cun descenso de 180,93 euros pasando de 2.088,90 á 1.907,96. Por familias activas baixa de 2.553,85 a 2.241,06 e sobe de 1.368,74 a 1.831,56 nas de xubilados.

Forcarei, Silleda e Lalín foron os que menos perderon

O estudo arroxa descensos xeneralizados nos ingresos netos medios das familias en todos os municipios da zona, porque en Agolada, aínda que a media é lixeiramente máis alta, e soben tamén os ingresos nas familias de xubilados, baixa no resto. Diminuíron os ingresos por familias activas baixou de 2.178,60 a 2.068,60 no 2014, por membro de 663,69 a 663,59 e por membro ocupado de 1.285,77 a 1.211,63.
En Forcarei a perda de renda é unha das baixas con 65,27 euros menos de media por fogar. Os ingresos netos mensuais medios pasan de 1.943,17 a 1877,90; os de familias activas de 2.486,08 a 2.374,85, os de familias de xubilados de 1.492,76 a 1.488,44. Por membro redúcese de 606 a 549 e por membro ocupado de 1.243,34 a 1.091,50. Séguelle Lalín con 128,97 euros menos, por fogar pasando de 2.028,63 a 1.899,66; as familias activas de 2.368,53 a 2.227,47, as de xubilados de 1.652,77 a 1.689,04; por membro de 630 a 605,95 e por membro ocupado de 1.227,36 a 1.150,13. Silleda perde 129,45 pasando os fogares de 1.898,14 a 1.768,55,; as familias activas de 2.376,55 a 2.134,1; as de xubilados de 1.368,74 a 1.513,81; por membro de 597,47 a 574,48 e por membro activo de 1.136,37 a 1.091,43. En Cerdedo baixou 150,74 pasando os fogares de 1.674,44 a 1.523,7 en 2014; por familias activas reduciuse de 2.182,93 a 1.946,86; de 1.369,5 a 1.348,52 nas de xubilados. Por membro pasou de 691,64 a 653,9 e por integrante ocupado de 1.250,71 a 1.170,92. En Cruces por membro baixa de 625 a 5898,61 e por integrante ocupado de 1.243,53 a 1.160,6

Agolada sumou preto de 18 euros

En Agolada aumentaron os ingresos por fogar, aínda que nunha cifra moi pouco significativa cun aumento mensual medio de 17,93 euros por fogar nos últimos anos. Deste xeito pasou duns ingresos de 1.620,98 euros no 2011 a 1.638,91 o ano pasado. O que si aumentou tamén foron os ingresos por familias de xubilados que pasaron de 1.251,55 euros no 2011 a 1.468,07 no pasado ano.

AR-K: unha aventura gráfica ‘indie’ de Galicia para o mundo

A desenvolvedora coruñesa Gato Salvaje Studio coloca o seu videoxogo nas principais plataformas de descarga.

Cando falamos de escena indie inmediatamente pensamos en grupos musicais curtidos en garaxes, selos discográficos alternativos ao mainstream, emisoras de radio discrepantes coas propostas hexemónicas da cultura popular e a comunicación de masas, e concertos en salas alleas ao circuíto comercial. Non obstante, o indie —é dicir, as propostas independentes— abriuse paso nas últimas décadas no mundo do cine, do cómic ou dos videoxogos, conformando unha subcultura que abrangue propostas culturais e de ocio alternativas á estandarización e homoxeneización da cultura de masas dominante. É aquí, concretamente na escena dos indie games, onde atopou o seu espazo Gato Salvaje Studio, unha desenvolvedora independente da Coruña nacida en 2010 que conseguiu colocar a súa aventura gráfica AR-K na maior plataforma mundial de venda de videoxogos mediante descarga dixital, converténdose na primeira empresa galega presente en Steam, con máis de 80 millóns de usuarios.
ar-k
Cun préstamo participativo convertible en capital de Xesgalicia, a Xunta de Galicia, a través desta sociedade xestora de entidades de capital risco, apoiou a campaña de expansión internacional do estudo coruñés, que puido lanzar os dous primeiros episodios, dos catro que compoñen a súa aventura gráfica, o 21 de xullo de 2014 en plataformas como Steam, Desura, Gamersgate, Windows Store, Google Play e Mac App Store. A isto hai que sumar os 101.564 dólares que AR-K logrou recadar en Kickstarter para rematar os capítulos da súa aventura, situando o proxecto galego dentro do 2% de iniciativas que obtiveron maior recadación nesta plataforma mundial de crowdfunding para o financiamento de proxectos creativos.

Grazas a estas vías de financiamento e ao grande impacto internacional que conseguiu AR-K entre a comunidade de xogadores —chegou a ser o videoxogo máis vendido en portais especializados como Games Planet, The Adventure Shop ouMedia Markt—, os seus desenvolvedores puideron atraer ao seu proxecto un ilustre guionista de cómics para escribir os episodios 3 e 4: o estadounidense Greg Rucka, gañador de 4 premios Eisner e merecedor de 16 nominacións. Rucka é coñecido mundialmente por ser o autor da saga Gotham Central, publicada por DC Comics; os seus guións para series como Batman, Superman, Lobezno, Spiderman ou The Punisher; a trama Syphon Filter: Logan’s Shadow de PSP ou a novela gráfica galardoada Whiteout, levada ao cine por Kate Beckinsale en 2009, “aínda que é especialmente recoñecido como escritor de fortes personaxes femininos como Electra, Wonder Woman ou Renee Montoya, entre outras, o que supón todo un atractivo de cara ao personaxe principal de AR-K, Alicia van Volish”, segundo os desenvolvedores do videoxogo.
Aos guións de Rucka sumouse a voz en inglés de Ash Sroka, dobradora de Tali’Zorah vas Normandy na triloxía Mass Effect, para dotar de personalidade a protagonista de AR-K.
O equipo de Gato Salvaxe Studiocompóñeno Sergio Prieto, socio fundador, director e guionista inicil do xogo; Javier Vara, cofundador e director de animación; Javier Vilar, animador; Fernando Prieto, responsable do desenvolvemento do negocio, ademais do ilustrador Víctor Guerra, a montadora Amina Abdien e Juan Nieto en comunicación dixital.

Aventura gráfica point and click

AR-K enmárcase no xénero da aventura gráfica point and click, baseada nas interaccións co cursor en escenarios, obxectos e personaxes. Os seus episodios, con textos e voces en inglés e español, desenvolvéronse co motor gráfico Unity 3D. Ademais, a dobraxe realizouse coa colaboración doutros actores e dobradores profesionais de primeiro nivel que traballaron en series como Los Simpson e películas como Jurassic Park.
Gato Salvaje Studio tamén lanzou unha campaña para conseguir 5.000 descargas en Galicia para facer rendible unha actualización automática para que todos os episodios do xogo poidan ser dobrados en galego e converterse así no primeiro videoxogo neste idioma na plataforma Steam.
Dende o seu lanzamento, AR-K recibiu numerosas melloras no que se refire a usabilidade e calidade: modificacións da interface, animacións máis coidadas, nova dobraxe, escenarios máis detallados…
Os seus dous primeiros episodios –Sexo, mentiras e traballos de clase e A rapaza que nunca estivo alí— están dispoñibles dende xullo de 2014 con máis de 8 horas de xogo, e espérase que os dous seguintes capítulos se lancen proximamente.

Tramak-6

“Alicia van Volish é unha ex-policía que intenta converterse en xornalista. Hoxe ergueuse cunha terrible resaca. Semella que se pasou coa bebida e o pouco que lembra é que pasou a noite cun descoñecido. Quen é? A única pista que logra conseguir é unha esfera dourada, que parece ser a clave para descubrir que sucedeu…”
Así comeza a trama dun videoxogo que é un canto aos títulos clásicos do xénero, segundo os seus propios autores. Humor, misterio, suspense, intriga e romance mestúranse nunha aventura cunha estética 3D e con elementos de ciencia ficción, nun escenario futurista e utópico onde se desenvolve Alicia, a deslinguada e irreverente protagonista de AR-K, á que unha serie de acontecementos lle fan formularse a súa forma de vida e o sistema social no que se criou. A través do enigma que lle formula o achado dun misterioso obxecto vese envolvida nunha complicada trama de investigación que lle desvelará que o mundo no que vive non é o que parece…

A Xunta inxecta un millón de € aos medios tras o batacazo do PP o 24M

Destina 165.000 euros ás edicións electrónicas dos grandes medios sen contar cos medios nativos en Internet, nin os medios en galego. As novas subvencións súmanse aos 5,5 millóns que a Xunta repartiu na precampaña eleitoral.

A Xunta de Galicia, gobernada polo PPdeG, está a utilizar o diñeiro de todos os galegos para manter os medios tradicionais de comunicación de Galicia. O Diario Oficial de Galicia deste xoves recollía, novamente, unha nova subvención aos medios de sempre por máis dun millóns de euros. Unhas axudas que se suman aos máis de 5,5 millóns que a Xunta xa gastou en encher as contas das grandes familias mediaticas do país.
 
En total, nos últimos meses, o Goberno de Núñez Feijóo leva gastados, cando menos e dos que Galicia Confidencial teña constancia, 6.5 millóns de euros neste tipo de convenios. As últimas axudas chegan, ademais, logo cun gran batacazo eleitoral do PPdeG, coa perda de tres cidades e dúas deputacións, ademais de numerosos concellos.
 
As últimas subvencións foron ordeadas pola Secretaría Xeral de Medios en dúas convocatorias diferentes. Así, nunha delas decidiu ampliar o crédito inicial das axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radidifusión en 540.000 euros, de forma que o importe total que recibirán os medios tradicionais será de 1.675.000 euros.
 
Por outra banda, esta mesma secretaría destinará 475.000 euros a diversos convenios cos medios para fomentar as novas tecnoloxías e a lectura entre os centros. Así, baixo o pomposo nome de “convenio de colaboración para o fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no ano 2015”, a Xunta decidiu repartir máis de 165.000 euros. Esta é a relación:
 
El Progreso de Lugo recibe 6.593,32 
La Opinión de La Coruña Media, S.L.U. recibe 12.632,07
La Región, S.A., 5.484,17
Faro de Vigo Media, S.L., 32.535,28
Rías Baixas de comunicación, S.A. --editora do Atlántico--, 2.464,79
Editorial Compostela, S.A., 8.626,78
Editorial La Capital, S.L., 2.279,93 (para o Ideal Gallego), 1.786,98 (Diario de Arousa) e 1.786,98 (Diario de Ferrol)
Canal Voz, S.A., 94.709,70
 
Curiosamente, e a pesar de que estas axudas van destinadas a edicións electrónicas, ningún dos medios nativos en internet,  entre eles GC, con 11 anos na rede, foi suxeito destas subvencións. Tampouco ningún medio en galego recibiu esta axuda a pesar de ir destinadas estas axudas a centros docentes onde está vixente o decreto plurilingüe de Feijóo no que o galego debe ter unha presenza do 33%.
 
O resto da subvención, máis de 300.000 euros foron destinados a outro convenio para o “fomento da lectura da prensa escrita polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no 2015”.  A relación de axudas é a seguinte:
 
Editorial Compostela, S.A. (El Correo Gallego), 16.863,18
El Progreso de Lugo, S.L., 25.420,61
Faro de Vigo, S.A.U., 68.207,77
Lérez Ediciones, S.L. (Diario de Pontevedra), 10.822,64
Editorial La Capital, S.L. (El ideal Gallego), 6.292
Editorial La Capital (Diario de Ferrol), 6.292,23
Editorial La Capital (Diario de Arousa), 3.271,96
La Voz de Galicia, S.L., 149.000
La Región, S.A., 18.121,62
La Opinión de La Coruña, S.AL., 9.312,50
Rías Baixas de Comunicación, S.A. (Atlántico Diario), 3.775,34
 
Novamente, e como soe acontecer, La Voz de Galicia percibe máis da metade das axudas, seguida polo Faro de Vigo, cun terzo. Así, o reparto entre os medios queda do seguinte xeito: El Progreso de Lugo, máis de 32.000 euros; Prensa Ibérica (Faro de Vigo, case 101.000 e La Opinión de A Coruña, case 22.000); La Región, 23.600 cos 6.200 de Atlántico Diario;  El Correo Gallego, case 25.000; Editorial La Capital, 21.700; La Voz de Galicia, case 244.000 euros.
 
Outras axudas
 
Esta subvención súmase a outras que a Xunta concedeu nos últimos meses. Unha de 2,5 millóns de euros de fondos europeos para “sensibilizar”, aínda máis, á poboación galega e “aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia. Tamén aportou 600.000 euros para contratar unha nova campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galicia para o 2015 e 300.000 que a Secretaría xeral de Medios da Xunta acaba de concederlle aos medios tradicionais galegos a través de convenios.
 
A última foi unha subvención da Consellería de Economía e Industria por valor de outros dous millóns de euros para desenvolver unha campaña publicitaria para que os medios falen do ben que vai a economía do país e das súas posibilidades futuras. En total, 6,5 millóns de euros de fondos públicos, é dicir, de todos os galegos, para pagar páxinas, espazos radiofónicos e televisivos e bánners dixitais, principalmente, nos medios de sempre, os dos grandes grupos de comunicación de Galicia.

A CIG-Ensino levará á Mesa Sectorial diferentes propostas para modificar o calendario escolar para o curso 2015-2016

Tamén de se van tratar as ordes de adxudicación de destinos provisionais.

O próximo martes realizarase Mesa Sectorial e un dos temas a tratar é o calendario escolar. A proposta que nos achegou a administración prevé para educación infantil e primaria que o curso se inicie o 10 de setembro e remate o 21 de xuño e no resto do ensino obrigatoria iniciaríase o 15 de setembro e remataría o 21 de xuño.

A proposta de calendario evidencia a descompensación dos día lectivos por trimestres que están condicionados e marcados  polas festas relixiosas cuestión que se debe considerar no futuro para fixar os períodos de descanso de maneira equilibrada segundo os días lectivos

Mais unha vez a Consellaría non inclúe, a pesar das nosas continuas solicitudes, o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Todas as culturas teñen personalidades de relevo, é unha proposta que non inflúe nos días lectivos e agardamos que a Administración sexa receptiva.

A CIG-Ensino defenderá que se restaure a xornada reducida de xuño e setembro, considerando ademais que o calendario galego é o de máis horario lectivo.


Unha das modificacións que vimos propondo e que volveremos levar á Mesa e que o período de descanso de Semana Santa se inicie o xoves santo e se prolongue durante a semana seguinte. É dicir desde o 24 de marzo ao 4 de abril 2015 en lugar do 21 ao 28 de marzo que propón a consellaría. Con esta proposta equilibrando os días lectivos por cada trimestre. A Consellaría elimina o mércores de cinza como non lectivo. A CIG_Ensino defenderá que se manteña como non lectivo.


En relación ao inicio do curso tanto nas ensinanzas especiais, como na FP, remata a matrícula antes de que remate a selectividade. Desde o noso punto de vista as aulas non poden comezar até que remate o período de matrícula, porque iso provoca que haxa alumnado que comeza máis tarde e con materia dada. Antes do 25 de setembro é imposíbel, pedimos que esa data nestas ensinanzas quede aberta.



A CIG-Ensino defenderá que o remate do curso escolar sexa o 17 de xuño tanto para primaria como secundaria. A Administración continúa condicionando a xornada escolar ao transporte escolar, cuestión que baixo ningún concepto de pode permitir.



Estas serán algunhas das nosas propostas que defenderemos na Mesa Sectorial do próximo martes na que tamén de se van tratar as ordes de adxudicación de destinos provisionais

VALORACIÓN DO STEG DESPOIS DE CELEBRADA A REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA

Velaquí a valoración que fai o sindicato STEG da mobilización dos pasados días 27 e 28 de maio contra a "reválida" de 3º de Primaria implantada pola LOMCE, que consistiu, principalmente, na inasistencia do alumnado aos centros esas dúas xornadas, para non teren que realizar esa proba.

 A resposta que a comunidade educativa galega acaba de dar á “reválida” de 3º de Primaria implantada pola LOMCE constitúe unha clara e rotunda deslexitimación democrática desta nefasta lei e o STEG non pode menos que felicitarse e felicitar a toda a comunidade por este exercicio de responsabilidade co futuro da escola pública que acabamos de facer entre todos/as con éxito rotundo e indiscutíbel.


Se a LOMCE xa naceu lastrada por carecer do imprescindíbel consenso e por ter sido apoiada unicamente por un partido e se, así mesmo, xa durante os dous pasados cursos as folgas e mobilizacións deixaron ben patente o rexeitamento masivo de profesorado, pais/nais e alumnado a respecto da nova lei, o sucedido os días 27 e 28 de maio de 2015 coa “reválida” de 3º de Primaria visualiza de maneira rotunda unha evidencia que a Consellería, cegada no seu sectarismo e na súa inflexibilidade política (esa que acaba de castigarse de maneira contundente nas urnas o pasado 24 de maio), négase incomprensibelmente a recoñecer: a comunidade educativa galega non respalda nin ten confianza nin quere que siga adiante a implantación da LOMCE.

As cifras de inasistencia á “reválida” no conxunto do ensino público galego superaron claramente o 50%, cifra de seu extraordinaria e sen precedentes nunha mobilización deste tipo, e nun número ben significativo de centros de cidades como Vigo e de comarcas como O Morrazo, O Salnés, Baixo Miño e Deza, por non citarmos máis que exemplos da provincia de Pontevedra, acadaron porcentaxes que van do 80% ao 100%. Engánase o conselleiro unha vez máis e engana á comunidade metendo no saco porcentual centros privados concertados e centros públicos para minimizar o impacto da protesta dicindo que só foi secundada por un 20% do alumnado. Na escola pública galega, a repercusión do boicot á reválida de 3º de Primaria é, sinxelamente, extraordinaria e cómpre felicitar por iso a todas as ANPAS, federacións e grupos de pais/nais que fixeron posíbel co seu esforzo altruísta unha campaña informativa que non deron contrarrestado nin a propaganda de certos medios de comunicación obedientes ás consignas da Consellería nin as presións da Inspección sobre moitas direccións de centros.

Resultaron patéticos, xaora, os intentos da Consellería por negar o carácter esencialmente segregador do sistema de “reválidas” que implanta a LOMCE e por desautorizador a eficacia e o traballo do profesorado na avaliación continua do seu alumnado. Desde o STEG só acreditaremos na idoneidade e autenticidade das probas de avaliación diagnóstica cando a Administración escoite primeiro a opinión dos profesionais da educación que traballan día a día nos centros e cando, sobre todo, se comprometa a responder ás necesidades que se detecten con medidas e medios de reforzo concretos, como reducir ratios de alumnado/aula, dotar os centros dunha rede de orientación estable, enviar máis profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, incrementar agrupamentos específicos, desenvolver programas de enriquecimento curricular, facer desdobres nalgunhas materias, crear grupos de adquisición das linguas ou de adaptación da competencia curricular para alumnado estranxeiro … Se non é así, seguiremos denunciando que este sistema de probas ou “reválidas” o único que pretende é comezar a segregar alumnado desde os 8 anos de idade e permitirlle á Administración a elaboración de ránkings de centros e acabar rompendo a equidade e a igualdade de oportunidades que debe presidir a nosa escola.

A derrogación definitiva desta infausta LOMCE está hoxe un paso máis perto. Sigamos traballando para que ocorra canto antes e para que se abra ese ilusionante proceso de confección dunha nova lei educativa consensuada que garanta a escola de todos/as para todos/as pola que loitamos.

Secretariado Nacional do STEG

Doutorand@s enfurecid@s contra a USC

O reitor da Universidade compostelá dá largas ás persoas afectadas pola mudanza do regulamento que adianta case 4 meses a data de entrega das teses de doutoramento. "É unha trapallada" e "unha afrenta á comunidade educativa", denuncian @s doutorand@s. 

Desde que presentaron a primeira reclamación formal até hoxe non foron recibid@s por Juan Viaño. Até en 3 ocasións se comunicaron co reitor da USC para solicitárenlle unha xuntanza na que expor as súas demandas perante unha orde que deixa no ar o futuro da maioría das persoas dedicadas á investigación na universidade compostelá. Porén, Viaño aínda non @s recibíu.
"Ao comezo díxonos que nós nos eramos ninguén, que el só se reunía con representantes", sinalan desde a Coordenadora Doutorand@s Enfurecid@s en conversa con Sermos Galiza. "Logo díxonos que tiñamos que reunirnos con Ramón Leis", acrecentan ao tempo que, din, "nós non queriamos ter unha xuntanza con el porque a orde foi asinada polo reitor que é quen ten capacidade executiva".
"O problema é que eles cambiaron as regras de xogo cando o xogo xa comezara"
Viaño foi dando largas ás persoas afectadas e, embora acceder a escoitar as súas demandas, o encontro aínda non ten data. "Din que accederán a algunha das nosas reclamacións mais é unha trampa", explican.
Trampas na USC
"Propoñen pasarnos a todos a tempo parcial", apuntan en relación á matrícula "e así prorrogar o tema" até se esgotar o decreto mais "iso supón resolver cada caso de maneira individualizada e através de xustificacións que permitan esa excepción". Eis a trampa. As persoas afectadas terán que recoñecer algún impedimento que condicione o tempo de dedicación á tese como unha doenza ou un traballo nocturno. "Exixirán a nosa connivencia". E por iso non pasan.
"É unha chapuza, unha trapallada", afirman. "O problema é que eles cambiaron as regras de xogo cando o xogo xa comezara" polo que manteñen as súas exixencias, entre elas a recuperación da data de depósito orixinal en febreiro de 2016 [o regulamento en cuestión adiántaa ao 30 de setembro de 2015]. De non ser así exixirán que se contemple a USC como "responsábel subsidiaria" polos prexuízos que este novo marco poida carrexar ás persoas bolseiras, entre outras.
Ás súas demandas continúan a se sumar máis apoios, para o que iniciaron unha campaña na plataforma change.org. Para alén das máis de 200 persoas que, coa súa sinatura, apoiaron a primeira reclamación administrativa, as máis afectadas; titores/as catedráticos/as e mesmo grupos de investigación solidarizáronse cun conflito que atinxe o conxunto da comunidade investigadora da USC. "É unha afrenta á comunidade educativa", sinalan, "non só é cousa dos doutorandos, é un problema xeral".
"Está claro que hai desidia" na actitude da universidade, conclúen.

comunicado de CONFAPA GALICIA



CONFAPA-GALICIA FELICITA ÁS FAMILIAS, AS ANPAS E FEDERACIÓNS DA ESCOLA PÚBLICA GALEGA POLA SÚA EXEMPLAR, CÍVICA E COMPROMETIDA RESPOSTA E IMPLICACIÓN NA EDUCACIÓN DOS SEUS FILLOS E FILLAS, DOS SEUS DEREITOS E DA CALIDADE DO ENSINO PUBLICO. IGUALMENTE AGRADECEMOS MOI SENTIDAMENTE A SINTONÍA E APOIO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO DE GALICIA, COMO REPRESENTANTES DO CONXUNTO DA COMUNIDADE EDUCATIVA GALEGA.

As familias da escola pública amosamos unha vez máis o noso rexeitamento á LOMCE expresando dun xeito cívico activo a resistencia e oposición a unha proba irracional, antipedagóxica, clasificadora, estandarizadora que non ten en conta as características particulares de cada neno e nena e de cada centro educativo nin a evolución do alumnado de terceiro curso de Primaria.
Un 60% do alumnado non se presentou a facer a proba, o que calificamos como unha desautorización en toda regla á irracionalidade da LOMCE. Resultou ser un éxito rotundo a mobilización contra a reválida a pesares das presións por parte da Consellería de Educación e a súa falta de veracidade na información, con unha información confusa, contradictoria co que dí literalmente a LOMCE respecto do impactos académico, rankings de centros, etc. O Sr. Conselleiro non quixo respostar o escrito da CONFAPA, (30/04/15), onde pedíamos ser informados sobre as pautas dadas desde a Consellería aos diferentes centros educativos en relación a:
- As medidas ordinarias e extraordinarias que deberán ser adoptadas polos centros educativos referidas ao alumnado no caso de que a avaliación individual de terceiro de Educación Primaria dun alumno ou dunha alumna resulte desfavorable segundo os parámetros de corrección da mesma.
- As medidas ordinarias e extraordinarias que deberán ser adoptadas polos centros educativos referidas ao profesorado no caso de que a avaliación do grupo de alumnos/as de terceiro de Educación Primaria resulte maioritariamente desfavorable segundo os parámetros de corrección da mesma.
- Como afectará ao expediente dun/dunha alumno/a no caso de que a avaliación individual de terceiro de Educación Primaria resulte desfavorable segundo os parágrafos de corrección da mesma.
Non recibimos resposta ata hoxe, o cál calificamos como unha falta de educación para esta organización e as familias representadas, así como unha grave eiva nun sistema democrático de convivencia onde a administración ten a obriga de atender as demandas informativas dos administrados e das súas organizacións representativas. Nesa misma data, solicitábamos ao conselleiro unha reunión a que tampóuco respostóu.
Reiteramos a nosa total oposición a esa lei retrógrada, ideolóxica, imposta contra o consenso abrumador da comunidade educativa, familias, alumnado e docentes.
Agardamos a derogación a LOMCE, unha lei, con data de caducidade, e namentras, instamos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a:
- a paralización e retirada das probas externas de 3º e 6º de Primaria
- a paralización da LOMCE en Galicia con vistas á súa derrogación
- a inmediata resposta do Conselleiro de Educación á reunión solicitada por CONFAPA GALICIA.

A Coruña, 28 de maio de 2015

Área de Comunicación e Publicacións.
Xunta Diretiva.