mércores, 27 de febreiro de 2013

Feijóo saca adiante uns Orzamentos blindados pola policía

"Os cartos para Galiza e non para Suíza", "menos asesores e máis traballadores", "o PP privatiza, miseria para Galicia", "queremos traballar e non emigrar" ou, simplemente, "non aos recortes en educación". Son algúns dos berros que se escoitaban este martes nos arredores do Parlamento de Galicia, concretamente do outro lado da ringleira de axentes da Unidade de Intervención Policial -antidisturbios- que, chegados en oito furgóns, blindaban o Pazo do Hórreo e as rúas máis próximas durante a aprobación definitiva dos Orzamentos Xerais para 2013. "Menos policía e máis educación", clamaban os manifestantes mentres os deputados e deputadas do PP rexeitaban as máis de mil emendas presentadas polos grupos da oposición ao seu proxecto económico.
Persoal da Xunta dende os servizos xerais ao Sergas, avalado pola totalidade das centrais sindicais uniu aos seus berros aos dos traballadores e traballadoras da Universidade de Santiago e aos estudantes da mesma institución académica. Con matices, a protesta era común: opoñerse aos recortes e ao "atentado" que estes supoñen "aos servizos públicos", explicaba ante a prensa Anxo Louzao, da CIG-Ensino. "Vanse aprobar uns orzamentos antisociais, que van destrír emprego e van poñer en tea de xuízo os servizos públicos, fundamentais en calquera sociedade democrática", abonda. A poucos metros e dun xeito máis retranqueiro dous traballadores da Xunta interpretaban retranqueiramente e por partida dobre o personaxe do ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas. Na súa opinión, quen protestabaneran uns "indecentes" e á prensa cumpría convidala a un "descafeinado", pero "de sobre".
Entre ironías, protestas e tensións cuns antidisturbios que mesmo chegaron a identificar algúns dos xornalistas parlamentarios que cubrían a mobilización, o blindado Parlamento sacaba adiante os primeiros orzamentos do segundo mandato de Feijóo. O proxecto que agora xa é lei retrotrae a Xunta a "niveis de 2006" no que atinxe á súa capacidade de gasto, reducida en algo máis de 220 millóns de euros a respecto de 2012 e que fica limitado en 8.700 millóns. Por tras destas grandes cifras está, por exemplo, un recorte de 160 millóns de euros nas consellerías sociais -Sanidade, Traballo e Benestar e Educación-, sobre as que o gabinete conservador fai recaer o 71,6% da retallada global. De todas as consellerías, a única que manexará máis cartos que hai doce meses é Facenda, con 2,3 millóns de euros máis.
De onde se recorta?
Pero estas tesoiradas non deixan todo o orzamento a niveis de 2006. Ben ao contrario, hai partidas económicas que quedan moi por baixo dese nivel, caso por exemplo dos programas de fomento da lingua galega, financiados en 2013 con 7,5 millóns de euros, 14,5 millóns menos dos que lle asignaba o Goberno de Manuel Fraga no devandito ano 2006. Recórtase en lingua e tamén en cultura, a área que noutrora foi unha consellería e que desta volta ten asignados un 30% menos de recursos que no anterior exercicio económico. Dos 61,3 millóns de euros que manexará o departamento cultural 10,4 van parar á Cidade da Cultura, complexo no que seguen aumentando os gastos de conservación e mantemento mentres baixan os da programación cultural propiamente dita.
Un destino semellante ao das partidas culturais é, por exemplo, o das que financian a cooperación para o desenvolvemento, unha das áreas que saen peor paradas, xa que os seus 4,2 millóns de euros son un 64% a respecto dos derradeiros orzamentos do bipartito. Un chisco menor é a caída que experimentan as políticas activas de emprego, uns programas nos que a retirada dofinanciamento estatal non foi compensado con máis cartos autonómicos, perdendo en 2013 catro de cada dez euros.
De onde non se recorta?
Así e todo, no océano dos recortes hai pequenas illas nas que cabe o mantemento ou mesmo o incremento de fondos. É o que acontece, por exemplo, no apartado que o orzamento reserva ao pagamento da débeda pública, dotado en 2013 con 1.110,9 millóns de euros -en 2012 foron algo máis de 830 millóns-.Dentro deste programa de gasto soben tamén as partidas dedicadas a pagar xuros. Segundo os cadros orzamentarios da Consellería de Facenda durante 2013 sairán das arcas autonómicas 290,91 millóns de euros para a partida de "xuros de debeda pública e préstamos", mentres que no exercicio anterior a cifra quedou en 286,80 millóns.
Tamén no ámbito cultural e lingüístico hai áreas que escapan dos recortes, aínda que non aqueles nos que o sector reclama un maior compromiso da Administración autonómica. É o caso, por exemplo, da Fundación Cela, organismo que agora é público e que en 2013 conta cunha subvención á explotación procedente da Xunta que ascende a 265.334 euros, exactamente os mesmos que na anterior anualidade. Nun sentido semellante, a Secretaría Xeral de Política Lingüística salva da queima determinadas partidas que teñen como destino centros educativos e organismos privados.

martes, 26 de febreiro de 2013

"O falso debate entre lingua propia e plurilingüismo é unha aberración"

La Bressola, escoles laiques catalanes de la Catalunya del Nord, é unha asociación que, dende os anos setenta, impulsa unha rede de escolas populares nos territorios administrativamente pertencentes á Francia que teñen o catalán como lingua propia. Na Catalunya do Norte atenden uns 800 alumnos e alumnas cada curso académico dende os dous anos de idade ata o remate do ensino obrigatorio, as xeracións das que depende a "supervivencia" da lingua catalá neste territorio, explican. Durante unha visita á asociación compostelá A Gentalha do Pichel para compartiren a súa experiencia a directora da asociación, Eva Bertrana, o seu director pedagóxico, Francesc Franquesa, e o membro da súa xunta directiva Joan Ridaura conversan con Praza Pública sobre o labor educativo das escolas a as semellanzas e diferenzas da súa realidade lingüística a respecto da galega.
Parte das reformas lingüísticas desenvolvidas polo actual Goberno galego asentáronse nunha dicotomía entre inmersión e plurilingüismo na escola. Ten sentido, dende o punto de vista educativo e pedagóxico?
Francesc Franquesa: Utilizando verbas que non son nosas, que son de Joan-Loís Blenet, presidente de Calandreta [Confederación Occitana de Escolas Laicas]: "ninguén pode aprender nada mollándose ata a cintura". É moi difícil aprender unha lingua e ser quen de utilizala sen estar no sistema de inmersión, onde debas utilizala para poder vivir dentro da escola. Nós somos partidarios do sistema de inmersión.oan Ridaura: O falso debate da dicotomía inmersión versus plurilingüismo é unha aberración, porque a aprendizaxe dunha lingua, máis aínda cando é a propia, non é un impedimento para aprender outras. É un falso debate.
Esta dicotomía pode ser unha vía para, socialmente, tender a tratar a lingua propia como un idioma estranxeiro?
Eva Bertrana: Cómpre termos en conta o tempo de exposición dos nenos e nenas á lingua. Se non é en inmersión, ese tempo fica moi limitado cando fóra da escola, no noso territorio todo se desenvolve en francés. Máis horas terán os nenos nun ambiente inmersivo en catalán, aínda que sexa de oito da mañá a seis da tarde, na aula, no comedor, no patio... Isto representa un terzo do tempo de exposición da persoa. No noso caso, a maioría das familias son francófonas, despois a televisión, as tendas... todo está en francés.
É dicir, que o francés non está en perigo... igual que aquí non o está o castelán
Eva: É, por así dicilo, a lingua do imperio e hai que compensalo cunha exposición á lingua propia, á do territorio.
Quen coñece máis dun idioma ten máis posibilidades de acceder a outras linguas?
Joan: No caso que estamos falando, de escolas inmersivas cun entorno con outra lingua dominante, hai estudos de Jean Petit e doutros moitos que mesmo din que un neno bilingüe ten moitas máis facilidades para aprender outras linguas, ademais de desenvolver partes do cerebro que non desenvolven os nenos e nenas monolingües. Mesmo hai teorías que apuntan que os críos que teñen este bilingüismo natural son moito máis respectuosos coa diversidade que os monolingües. Quen sabe que isto, dependendo do entorno, é unha taula, unha table ou unha mesa, dalgún xeito saben que a verdade absoluta non existe.
En Galicia creouse o programa das Galescolas dende a Xunta, que o actual goberno eliminou. Agora desenvólvense experiencias comunitarias a pequena escala, como a Semente en Compostela, como as valoran como vía, en ausencia de recursos oficiais?
Francesc: Vista a realidade do territorio, parécenos imprescindible que existan estas vías. É moi positivo que sexan iniciativas populares, asociativas, cooperativas. No noso caso son escolas asociativas e aí está o outro debate típico, do público e do privado. Parece que só hai dous modelos e custa moito facer chegar este terceiro modelo, que non é nin público nin privado, que é popular e asociativo. Hai un traballo constante no que nós, despois de trinta anos, seguimos...
Eva: ... xustificándonos. Cando interesa, as institucións públicas dinnos que somos privados. Custa moito facer entender esa terceira vía, de escola popular.
A relación coas administracións públicas é difícil, polo tanto? Ou préstanlles apoio?
Eva: Temos experiencia de trinta e sete anos. Durante os primeiros cinco anos víannos como catro chalados que queríamos facer unha escola. Tivemos decontado a posibilidade de termos locais municipais, ao cabo de dous anos. Pero o obxectivo insitucional era que, como estábamos chalados, dábannos un local e dicían "que empecen, van marchar e van caer e nós non teremos ningunha culpa". Despois, ao cabo de cinco, seis, dez anos... Cando vían que a cousa non caía e pedíamos axuda, xa fose en forma de financiamento ou doutro xeito, tivemos unha etapa de moita dificultade. Cando a cousa comezou a se facer grande  comezamos a molestar. E está a terceira etapa, na que se decatan de representamos a 800 alumnos, o duplo de pais co duplo de votos, avós, tíos... e que é unha realidade que cómpre ter en conta, agrade ou non. Algúns cren máis e outros menos, pero agora hai unha boa aceptación do proxecto. Traballouse moito co noso método pedagóxico, ven que é un método que funciona e temos unha moi boa reputación
Joan: Ao formarmos parte do territorio e da realidade norcatalá hai efectos secundarios moi positivos. Coa existencia da Bressola como asociación e con vontade de crecemento fixo que municipios que non tiñan ningunha liña bilingüe no seu municipio, ao pensar Bressola en implantarse, [o Ministerio de] Educación Nacional abre unha liña bilingüe. O efecto da Bressola non é só sobre os alumnos que nós acollemos, senón que acaba provocando un movemento de fichas nas institucións.
En Galicia un dos debates máis intensos foi o provocado pola intención gobernamental de que as familias decisisen se querían galego ou non nas aulas. Como o ven, dende unha experiencia como a súa?
Eva: En Catalunya Nord fixéronse enquisas que demostraron que máis da metade das familias querían que os nenos aprendesen en catalán, pero non se puxo en práctica.
Joan: Dixeron que se abriría un maior acceso á escolarización en catalán sempre e cando as familias o solicitasen. Fíxeron unha enquisa hai uns doce anos para saber as porcentaxes e cando as viron, remataron as preguntas porque non lles interesaba o resultado.Francesc: Esas liñas bilingües son complementarias e positivas. É un traballo distinto, de menor alcance que o que facemos nós, pero axuda a construír e a dar unha certa normalidade á lingua dentro do territorio.
Eva: Nós temos unha demanda duns 100 alumnos ao ano que quedan na porta e as liñas bilingües veñen compensala. Fáltannos medios e locais e isto é complementario, aínda que a inmersión é imprescindible en Catalunya Nord, porque nos últimos trinta ou corenta anos o nivel de lingua baixou ata o punto de que xa non se trata da recuperación, senón da supervivencia, e iso depende da xeración que nós podemos formar no uso da lingua. Unicamente no sistema de inmersión se sae da latinización e se pon ao alcance a posibilidade de utilizar a lingua con naturalidade.
Joan: Ás liñas bilingües teñen un handicap: que dependen de cada profesional que está por tras. Pódense atopar centros onde o alumnado só aprende un par de cancións en catalán e noutros con docentes con boa vontade e dinamismo que chegan a case un 50% do horario.
Ante todo isto, podemos concluír que o alumnado que sae educado de escolas inmersivas non ten ningunha carencia, senón todo o contrario?
Eva: Aínda que a escola sexa de inmersión total, o neno sae bilingüe total. Non sae falando catalán unicamente. O obxectivo é que o alumnado saia bilingüe, e a única maneira é que a escola sexa unicamente en catalán, non hai outro segredo. Manexamos outras posibilidades, pero non hai outra solución.
Joan: Os nenos en cuxo entorno teñen como lingua o catalán, saen tamén cun perfecto dominio das dúas linguas. Os medos que se pretenden inculcar son falsidades absolutas.
Francesc: Hai casos de alumnos coa nai chinesa e pai inglés, que na escola falan catalán e con cinco ou seis anos falan francés, porque é imposible non falalo, dado o contexto. Non hai ningún risco posible de non aprendelo, é unha garantía absoluta.

luns, 25 de febreiro de 2013

A Rede de Dinamización Lingüística festexa o Día Internacional da Lingua Materna


A RDL celebrou esta data (o 21 de febreiro) coa aprobación dunha declaración conxunta das máis de 130 entidades que compoñen a Rede, declaración que leron o alcalde e deputado provincial Carlos Calvelo Martínez e mais o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, durante o acto central da conmemoración, que tivo lugar na Escola Infantil Municipal de Arteixo.
A lectura da declaración foi seguida do concerto "Arrolos no colo da fala" para os nenos e nenas da escola infantil, acompañados das súas familias, a cargo de Xavier Díaz e Guillerme Fernández.

O libro, eixe da educación en lingua materna

O lema elixido este ano pola UNESCO para a conmemoración do 21 de febreiro foi "O libro, eixe da educación en lingua materna". Deste xeito, quérese chamar a atención sobre a importancia do material escrito e lembrar que o apoio ás linguas maternas consiste tamén en promover a produción de libros –incluídos os materiais escolares e as publicacións en formato dixital– nos idiomas locais.

Máis información e declaración no web da SXPL.





"Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta"

Lecturas colectivas, ofrendas florais, videos e unha Alborada interpretada por medio cento de grupos de gaiteiros homenaxearon a Rosalía conmemorando o nacemento da poeta. Os actos de homenaxe comezaran o venres coa lectura de poemas de Cantares Gallegos en ducias de centros de ensino de todo o país e continuaron o sábado con lecturas colectivas en todas as cidades e vilas. Pero os actos centrais das homenaxes desta fin de semana estaban reservados para este domingo 24, Día de Rosalía e aniversario do nacemento da poeta.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou hoxe en Santiago e en Padrón senllos actos institucionais. Ás 10 da mañá o seu presidente Anxo Angueira, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, fixeron unha ofrenda floral no monumento a Rosalía na Praza de Vigo, preto de onde naceu a escritora. Ás 12 horas tivo lugar na Casa-Museo o acto nacional do Día de Rosalía, ao que asistiron múltiples autoridades, encabezadas por Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, e os alcaldes de Vigo, Santiago, Padrón e Ames. Anxo Angueira, presidente da Fundación, aproveitou o acto para presentar o proxecto do 150 aniversario de Cantares Gallegos. En decembro a Fundación espera reinaugurar a Casa de Rosalía.
De igual xeito, no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG celebrou un acto nacional onde se leron poemas de Cantares gallegos, ademais de realizarse unha ofrenda floral. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Xina Vega, leron o manifesto, e Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro leron poemas.
O outro gran evento da xornada foi a interpretación colectiva da Alborada de Rosalía a cargo de case setenta grupos de gaiteiros e gaiteiras en toda Galicia e tamén en Cork, Madrid, París ou Bos Aires. O seu seguimento en redes sociais tamén foi masivo, utilizando o hashtag #AlboradaRosalía. O manifesto da Asociación de Gaiteiros Galegos, a Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo péchase dicindo que "puxo o maior coidado en reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos punteiros todos das gaitas. Somos atrevidos, queremos mil, cen mil gaiteiros máis para Galicia, e guiados por aqueles Cantares queremos tocar unha alborada de gloria. Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta".

Rosalía vibra durante tres días en centros de ensino, asociacións e concellos

Máis de cen centros de ensino responderon á chamada da AELG e están a organizar hoxe sexta feira recitais poéticos arredor da obra de Rosalía de Castro. Asociacións e concellos súmanse mañá á festa Rosaliana que rematará o domingo, aniversario do seu nacemento, no Panteón de Galegos Ilustres nos actos organizados pola Asociación de Escritores.
Por todo o país e destinado a todas as xeracións. Así foi a festa de tres días que preparou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que hoxe, día lectivo, está a se desenvolver en máis de cen centros de ensinos que remitiron á entidade as súas propostas de actividades para hoxe. Recitais poéticos, proxectos audiovisuais e literarios son as principais iniciativas das que a web da AELG se fai eco e recolle para mostrar a dimensión social da conmemoración e o dinamismo das novas xeracións á hora de facerlle a Rosalía a súa festa de aniversario. Neste sentido, a secretaria xeral da AELG, convida a través dun artigo en Sermos a converter a Rosalía en trending topic co hastag #Díade Rosalía.
A ritmo de rap e blues soarán hoxe tamén os versos de Rosalía en Pontevedra, no espectáculo "Rosalía Agora" que prepara a Concellaría de Cultura da cidade no Teatro Principal para as 20 horas. Aid e Sés porán a música nun encontro conducido por Comba Campoy e no que recitarán os seus versos Marga do Val, Rosalía Fernández, Elvira Ribeiro e Anxo Angueira.
Tamén o sábado será día rosaliano e arredor de corenta concellos e asociacións preparan a súa celebración polo país enteiro, alén doutras localidades do exterior como Madrid ou Bruselas. Roteiros, recitais e conferencias terán lugar con distintos formatos a través de todo o territorio galego.
A AELG pechará as tres xornadas de actos o día do aniversario da escritora, cando no Panteón de Bonaval se lle renda a homenaxe máis solemne con recital poético, a intervención do coro de Solfa, unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto no que se reivindica a figura de Rosalía e a apertura pública do espazo no que está soterrada.
Nese día a Fundación Rosalía e a Academia desenvolverán tamén actos institucionais na Praza de Vigo de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro en Padrón, nunha xornada que comezará coa Alborada a soar polo país enteiro da man da iniciativa promovida pola Asociación de Gaiteiros.

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva"

 A proposta tamén da AELG, un grupo de escritoras, con convocatoria a través das redes sociais, elaboraron un video colectivo que ten como obxectivo "seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente". A cineasta Raquel Rei encargouse de editar e montar as imaxes nas que participaron, entre outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.

venres, 22 de febreiro de 2013

E por fin, twitter en galego!

Hai case dous anos Twitter comezou a traballar nas versións da súa páxina noutros idiomas distintos do inglés. Escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución á lingua que queiran. Pero antes Twitter tiña que darlles acceso ás linguas aspirantes, en función do seu número de usuarios entre outros factores, ao servizo de tradución para que aí si, os tuiteiros completen o proceso. Foi o inicio dun longo camiño que hai unhas horas se completou con éxito para a lingua galega.
Para mudar a lingua abonda con entrar en settings e despois en account para cambiar en language para o galego. Hai que ter en conta que a versión en galego aínda está en beta. Polo tanto, pode haber erros e os termos poden ser aínda postos en discusión a través do Centro de Tradución. Dende agora Follow é Seguir, Tweet dise Chío, os Trends son Tendencias e cando un chío é repetido por un usuario dise que foi rechiado.
Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. Ás veces deu a impresións de que este día non daba chegado, pois despois do traballo de tradución de termos e expresións, que se completou con rapidez, quedaba un proceso máis farragoso de votación e validación das propostas, no que o traballo conxunto da comunidade foi fundamental. E mesmo aí houbo obstáculos inesperados e mesmo pareceu que o Twitter en galego topara co Vaticano e déronse casos de supostos boicotadores, que escacharon parte do traballo feito.
O proceso aínda non está completo. Este mesmo mércores Twitter tamén anunciou que se poñían en marcha as versións en catalán e vasco para os dispositivos móbiles. A versión en galego terá que agardar uns meses.

Dous anos de traballo

É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores.Cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademáis de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema". Neses meses, conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións. Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores. Xa en setembro se criticara que dende a Xunta se lanzase a idea de que o twitter en galego chegaria pola acción da administración cando fora a intensa actividade da comunidade tuiteira galega a que acadou o obxectivo.

Unha fin de semana para lembrar a Rosalía

O 24 de febreiro conmemórase coma todos os anos o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Pero este non é un ano máis: o 17 de maio farán 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o fito que marcou o inicio do rexurdimento cultural de Galicia. Dende hai meses son moitas as entidades e persoas que veñen reclamando que coincidindo con esta efeméride o 2013 se dedique ao coñecemento e á reivindicación da poeta e se dote á celebración dun carácter oficial.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, pero non figura oficialmente no calendario escolar. A CIG reclamou recentemente que se recoñeza "como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura" e pediu que "a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta". Oficial ou non, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) celebra lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino de todo o país. Ademais, anima a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía.
No pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.
Alén das lecturas colectivas que terán lugar o venres e sábado, o prato forte chegará o domingo 24 ás 12 horas. No Panteón de Galegos Ilustres terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral acompañada da lectura dun manifesto a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Xina Vega.
Tamén dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra. Na mañá do domingo 24 de febreiro animan a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto que explica o motivo e razón da iniciativa. De igual xeito tamén organizarán actos de homenaxe ao longo da fin de semana O terzo da fala en Bos Aires, a Asociación de Mulleres Floralba de Ponteareas, o Concello de Fisterra, ou a Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada.

xoves, 21 de febreiro de 2013

O 'Chamamento polo Galego' supera as mil sinaturas

O manifesto que lle pide a Feijóo que "non leve o galego ao Tribunal Supremo"segue sumando apoios, unha semana despois de ser presentado. O texto conta co apoio dos órganos executivos de PSdeG-PSOE, AGE, BNG e CxG e tamén recolleu as sinaturas de representantes de numerosos colectivos, entre os que destaca a gran presenza de avogados e xuristas. Alfonso Álvarez Gándara, Carlos Aymerich, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Manuel Beiras, Fermín Bouza Álvarez, Manuel Bragado, José Ángel Brandariz, Francisco Caamaño, Iolanda Díaz, Agustín Fernández, Lourenzo Fernández, Francisco Jorquera, Xoán Bascuas ou Suso de Toro figuraban xa entre os primeiros asinantes.
Nos últimos días incorporáronse outros nomes, coma o director da editorial Galaxia, Victor Freixanes, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, o presidente de AGAL, Miguel Penas, ou os de Helena Gómez Vecino e Lois Uxío Taboada, presidenta e secretario da CONFAPA-Galicia. Ademais, incorpóranse numerosos concelleiros, profesores universitarios e xornalistas. O texto seguirá sumando apoios ao tempo que concerta entrevistas cos propios responsables da Xunta de Galicia para instalos a que non recorra as sentenzas do TSXG que botan por terra boa parte do Decreto de Plurilingüismo aprobado en solitario polo Partido Popular.
O texto critica que a Xunta "condicione a non presentación ou retirada do recurso a que os recorrentes e a oposición acepten a proposta do presidente para que dean aval ao decreto do pluriilingüismo". Ademais, os asinantes consideran "lamentable" que o Executivo e o PP "non tirasen as conclusións derivadas" das sentenzas do TSXG, en tanto que estas "desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo". Os asinantes denuncian o "escándalo" que supón que o Executivo do PP pretenda "que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía".

A Fundación Curros Enríquez quere crear a Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega

A Fundación Curros Enríquez vai impulsar a creación da Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega. Tomará a decisión formalmente este sábado nunha xuntanza que se celebrará a partir das once da mañá na casa do poeta en Celanova.
O obxectivo máis inmediato é que a RAG poida acadar un orzamento anual dun millón de euros mediante a posta en marcha dun sistema semellante ao crowdfunding ou financiamento colectivo: así, 15.000 galegos aborían cotas de 10 euros, a fin de lograr a suma de 150.000 euros; e a isto sumaríanse as achegas que está previsto que realicen os concellos galegos: 100 euros, os que teñen menos de 5000 habitantes; 200 euros, os que teñen entre 5001 e 10.000; 300, os que teñen entre 10.001 e 20.000; 500, os de máis de 20.000; e 1000, as sete grandes cidades de Galicia.
A Fundación Curros Enríquez realizará unha convocatoria sectorial para a constitución formal da Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega, aberta a persoas a nivel individual e mais a representantes de colectivos culturais, sociais, empresariais, etc., co fin de redactar a acta de constitución e posteriormente facer unha convocatoria pública nun acto que se realizará na sede da RAG a xeito de asemblea constituínte.
Información tirada de Faro de Vigo.

mércores, 20 de febreiro de 2013

Educación convoca 2.000 bolsas de inmersión lingüística en inglés

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convocou un máximo de 2.000 bolsas para a estanza e participación nun programa intensivo de inmersión lingüística en inglés en España, que conta cun presuposto de 1,8 millóns de euros, tras suprimir as axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante o verán, segundo publica este martes o Boletín Oficial do Estado (BOE).
Cada unha destas bolsas ten unha semana de duración, en réxime de internado e pensión completa, a partir do 30 de xuño e durante o mes de xullo deste 2013, e a súa contía máxima ascenderá a 900 euros. Destinaranse a estudantes de Bacharelato, de Grao Medio de Formación Profesional, de Artes Plásticas e Deseño, de Ensinanzas Deportivas, de Ensinanzas Profesionais de Música e Danza e de Idiomas de nivel intermedio e avanzado.
Todos os solicitantes deberán acreditar ter totalmente aprobado o curso inmediato anterior, cunha nota final mínima de 7 puntos na materia de inglés. No caso de solicitantes que estean matriculados en ensinanzas bilingües, pero que non cursasen a materia de inglés como materia individualizada o curso anterior, se terá en conta a cualificación obtida na materia de inglés de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, entre outros requisitos.
Así, a selección de candidatos farase ordenando os alumnos en función da nota obtida na materia de inglés. Á devandita nota sumaráselle 1,50 puntos cando o solicitante sexa de nova adxudicación, é dicir, aqueles que non tivesen obtido esta modalidade de bolsa con anterioridade aínda que terán preferencia os alumnos que obtivesen unha puntuación superior. En caso de empate, resolveranse atendendo á menor renda 'per cápita' dos membros computables da unidade familiar.
Por outro lado, convocáronse un máximo de 14.000 axudas para participar en cursos de inmersión en lingua inglesa organizados pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). O importe máximo de cada bolsa será de 592,28 euros, segundo se especifica no BOE deste martes.

MANTÉÑENSE AS BOLSAS PARA FRANCIA

A supresión das axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante os meses de verán non afecta ás axudas para viaxar a Francia, que si se manteñen, segundo precisaron a Europa Press fontes do ministerio. Ademais, manteranse 500 bolsas para estudar en España e suprimiranse o resto de estanzas.
No seu lugar, o ministerio destinou axudas para levar a cabo cursos de inmersión en España. Neste sentido, o ano pasado, Educación destinou axudas para aprender idiomas, tanto en cursos de inmersión como no estranxeiro, un total de 24 millóns de euros.
Tamén en 2012, un total de 14.000 alumnos universitarios e de Formación Profesional realizaron cursos de inmersión en España e, segundo o Ministerio, o 86 por cento mostrouse moi satisfeito co resultado. Así mesmo, outros 2.000 alumnos de Bacharelato realizaron estes cursos e, segundo a mesma fonte, o nivel de satisfacción chegou ao 98 por cento.

A Galipedia celebrará o 9 de marzo o seu décimo aniversario

O 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI creaba a primeira versión da portada da Galipedia e, cinco días despois, o 13 de marzo, creaba o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Pouco despois, e tal como se reflicte no texto dedicado á propia Galipedia, chegaron os seguintes termos: cal, ciencias experimentais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánica. Dez anos máis tarde a enciclopedia libre en galego achégase á cifra dos cen mil artigos, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ao traballo de miles de voluntarios e aos mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.
A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade. A Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son o Galizionario, Galilibros, Galifontes e Galicitas.
Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Será unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas.
O encontro, que terá lugar no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca da USC ás dez da mañá, contará con conferencias de José Manuel Abuin Mosquera, técnico de proxectos do CESGA, Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia, e de Manuel Gago, director de culturagalega.org. A xornada pecharase coa intervención do avogado Javier de la Cueva, experto en propiedade intelectual, que falará sobre Coñecemento Libre e Democracia. Tamén haberá unha mesa redonda na que participarán varias empresas galegas que empregan licenzas libres e na que intervirán Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Óscar Otero, de A Navalla Suíza, e Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública.

As artes escénicas piden a dimisión de Vázquez e Lorenzo polo "desmantelamento" da cultura

Hai unhas semanas, naquela famosa asemblea improvisada ás portas do Salón Teatro -pola negativa da Consellaría a ceder o uso deste espazo público- Antonio Durán Morris afirmaba que “hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa". O sector das artes escénicas propúxose dar a coñecer a situación límíte e denunciar a falta de resposta por parte da Xunta. E vaia que o fixo: dende entón realizou -por fin- a anunciada asemblea no Salón Teatro ocupándoo ao remate dunha representación, deixou oír a súa voz no Parlamento e este luns pola noite tentou realizar un peche na sede de AGADIC, no Gaiás. O peche foi finalmente desaloxado pola policía pero esta mañá os traballadores e traballadoras do teatro, da músíca, do círco ou da danza de Galícía expuxeron as súas reivindicacións ás portas da institución e anunciaron novas mobilizacións.
As reivindicacións son as mesmas que levan xa meses repetindo, co agravante do paso do tempo e de que dende o Goberno galego séguese sen achegar unha solución. A Plataforma Galega das Artes Escénicas denuncia que o sector está paralizado e en vías de desmantelamento pola paralización das catro principais redes de distribución: rede galega de teatros, rede galega de música ao vivo, rede galega de salas e Camiños da Cultura. Sen elas non hai espectáculos escénicos na meirande parte de Galicia e sen elas non hai traballo para os centos de persoas que fixeron destas artes a súa profesión. E o que debera estar aprobado hai xa moitos meses aínda nin se albisca. Está habendo movementos porque ás salas se lles está dicindo dende a Xunta que vai haber espectáculos, pero non din nin cando nin con que orzamentos se van abrir.
O pasado martes de Entroido a Consellaría citou a algúns dos representantes do sector -non a todos- e nesa reunión non houbo resposta ás demandas da Plataforma: "Todo se fiaba á aprobación dos orzamentos e ao nomeamento sen data do novo director de AGADIC. A falta de Orzamentos non é excusa e tampouco o é que nos digan que non hai director", di Salvador del Río que denuncia tamén o atraso dun ano nos pagamentos: "Non se pode traballar con esta incerteza. Estamos traballando sen saber cando imos cobrar". Outros integrantes da Plataforma engaden que Feijoo "mentiu dicindo que Galicia non tiña débeda. Se cadra non a ten cos mercados pero si que a ten con nós cos seus usuarios e clientes".
A Plataforma denuncia que na base deste desmantelamento do sector das artes escénicas galegas está a procura "dun cambio de modelo para a cultura en Galicia". A Consellaría estaría promovendo "un novo modelo para atender os grandes fastos e os grandes mausoleos en vez de potencíar a cultura que se fai día a día ou de potencíar as bibliotecas de cada localidade". E conclúen: "pedimos un plan, o mesmo que se fixo un plan estratéxico para o Gaiás. Solicitamos que non se hipoteque a cultura nas rúas e nas cidades".
A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais volverá concentrarse este xoves con motivo da celebración da cerimonia de entrega dos Premios á Cultura Galega que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia. O colectivo está convocando a unha concentración na rotonda de acceso ao mausoleo do Gaiás ás seis da tarde.

24 de febreiro, Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a toda a cidadanía a festexar o vindeiro 24 de febreiro o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares Gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.
Ao abeiro desta iniciativa diferentes institucións, concellos e centros de ensino están a organizar actividades para homenaxear a escritora cando se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.
Na web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.
Información tirada do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

martes, 19 de febreiro de 2013

O PSOE anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias contra a LOMCE

A secretaria de Cultura e Educación do PSOE, Mar Villafranca, anunciou este luns que a súa formación poñerá en marcha unha batería de iniciativas durante a tramitación parlamentaria da lei para a mellora da calidade educativa (Lomce) para denunciar que se trata dunha norma "segregadora, retrógrada e que vai contra todos".
Tras reunirse na sede socialista de Ferraz con secretarios rexionais de Educación do PSOE e voceiros parlamentarios socialistas do ramo, Villafranca incidiu en que o PSOE "ten que facer valer a súa voz e liderar xunto coa comunidade educativa e as plataformas que xa están constituídas polo ensino público" a defensa dun consenso nesta materia que "o PP rompeu".
Fronte a el e en busca dese "consenso roto polo PP", o PSOE recordou que xa traballa unha "alternativa crible" a unha lei como a Lomce que é "profundamente antisocial e non conformou a ningún colectivo".
"Alternativas cribles que permitan corrixir o que haxa que corrixir na Lexislación, pero tamén alternativas que afiancen aqueles aspectos que, con criterios de en igualdade e equidade nosa Lei posúe e os indicadores europeos avalan", concretou.