martes, 8 de febreiro de 2011

O galego na xustiza, programa de www.linguagalega.tv sobre a situación da nosa lingua nos órganos xudiciais

Desde o pasado 28 de xaneiro xa se pode ver o programa O galego na xustiza no portal de televisión por internet www.linguagalega.tv. O programa conta coas opinións da maxistrada Ana López-Suevos Fraguela, do fiscal Benito Montero Prego e dos decanos dos colexios de avogados de Vigo e Santiago de Compostela, Alfonso Álvarez Gándara e Evaristo Noguerol Pol, entre outros. A esta emisión accédese navegando polos diferentes programas da sección A lingua na sociedade.
Este portal de televisión por internet conta ademais con outros programas dedicados á toponimia, ás novas tecnoloxías e o galego, ás institucións responsables da normalización da lingua, etc.

Máis información en:
http://www.linguagalega.tv/

Entrevista a Alba Nogueira n’O Cartafol

O último número d’O Cartafol, revista do Servizo de Normalización Lingüística da USC, publica unha entrevista coa doutora e profesora de Dereito Administrativo da universidade compostelá, Alba Nogueira. A profesora acaba de publicar na revista especializada Revista de Llingua i Dret unha análise da lexislación lingüística aprobada en Galicia no último semestre do 2009, que anexamos en formato pdf.



Pódese consultar a entrevista en:
http://ocartafol.usc.es/cartafol/contidos/novas/novas_0060.html

A lingua galega participa na Expolingua de París

A lingua galega quere contribuír á promoción da diversidade lingüística e cultural coa súa presenza na Expolingua de París 2011. A Secretaría Xeral de Política Lingüística participou nesta feira internacional na que se deron cita un total de 50 idiomas e 200 expositores de múltiples países do mundo. O expositor da Xunta de Galicia ofreceulles aos miles de visitantes información sobre todo tipo de recursos lingüísticos e sobre as posibilidades de aprendizaxe do idioma.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1706
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1709

Política Lingüística aposta por aproveitar a potencialidade da literatura para promover a extensión social do galego

O sistema literario galego é unha vía imprescindible para a extensión e dignificación social da lingua galega, así como para a súa proxección exterior. Por iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende reforzar a súa colaboración coas entidades que mellor coñecen este ámbito. Entre as máis importantes en Galicia atópanse o Centro PEN de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse con representantes destes dous colectivos, co fin de darlle continuidade á colaboración que manteñen actualmente, así como de valorar novos proxectos de cooperación.

Máis información:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1705

martes, 25 de xaneiro de 2011

Concursos de Galeoke, vídeo, manifesto, banda deseñada... en marcha o Correlingua 2011

O Correlingua 2011 incorpora importantes novidades para dinamizar o galego nos centros de ensino ao longo do ano. Así, están abertos xa concursos de vídeo sobre lingua, de karaoke mediante as cancións do Galeoke, de elaboración do manifesto do Correlingua e de banda deseñada. Tamén o Cantalingua, dirixido a grupos musicais.

Máis información en:
http://www.correlingua.org/main.aspx
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=762&desc=concursos_de_galeoke,_video,_manifesto,_banda_desenada..._en_marcha_o_correlingua_2011

Moza de bacharelato denuncia o galego da Xunta nuns exames oficiais

A Mesa pola Normalización Lingüística fíxose eco da queixa realizada publicamente por unha alumna de primeiro de bacharelato que denunciou que a última convocatoria de exames para premio extraordinario da ESO estaba realizada nun galego moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns enunciados, o que forzaba a utilizar a versión castelá, esta si redactada coa corrección debida.
Segundo declarou a estudante, nas probas introducíase y no canto da conxunción galega e, una en lugar de unha, la por a, etc. Ademais, nas probas de matemáticas, o galego da Xunta dificultaba gravemente a comprensión.

Máis información en:
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/moza-bacharelato-denuncia-galego-da-xunta-nuns-exames/idEdicion-2011-01-18/idNoticia-630973/

Convocatoria de subvencións para proxectos de fomento do galego en centros de ensino privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para fomentar o uso do galego desde o ámbito educativo privado durante o curso escolar 2010-2011. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de febreiro. A convocatoria publicouse no DOG do 18 de xaneiro.

Máis información en:
http://www.xunta.es/dog/Dog2011.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/69fc9ed37c5d6cb7c125781b00527bdc/$FILE/01100D004P025.PDF
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1689

O fiscal superior de Galicia pídelle á Xunta que protexa o galego nas zonas fronteirizas

O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, instou a Xunta de Galicia a alcanzar acordos coas autoridades do Principado de Asturias para protexer e fomentar o uso do galego nas comarcas transfronteirizas da comunidade, como as do Eo-Navia.
Varela afirmou que existe unha “total desigualdade xurídica” entre as persoas que falan galego en Asturias, León e Zamora e as que empregan este idioma en Galicia, ao non coincidir os límites administrativos e os lingüísticos na parte oriental do galego. Mentres que na comunidade o Estatuto de autonomía establece a coficialidade entre o galego e o castelán, as zonas limítrofes non dispoñen de “ningún dereito legal ao uso da súa lingua”.

Máis información en:
http://elprogreso.galiciae.com/nova/73136.html

Política Lingüística promove a incorporación do galego ao ámbito das ciencias coa publicación do Dicionario de Bioloxía

A incorporación da lingua galega ao ámbito das ciencias suma un novo impulso coa publicación do Dicionario de Bioloxía. Esta obra de carácter global, que abrangue toda a Bioloxía, inclúe termos en galego relacionados coa Antropoloxía, a Bioquímica e a Bioloxía Molecular, a Zooloxía, a Botánica, a Fisioloxía, a Xenética, a Microbioloxía, a Ecoloxía, a Bioloxía Celular e o Medio Ambiente.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1692

martes, 11 de xaneiro de 2011

As redes sociais e a seguranza persoal


Curso de formación para pais e nais e directivas das ANPA da Federación
Introdución
Unha xeración enteira está crecendo en compañía de webs de redes sociais como Facebook, Twiter, Twenti e MySpace, onde colocan información sobre a súa vida para que a vexan os seus amigos, e todo o mundo. Poucos usuarios se decatan de que a información que revelan, cando se combina con novas tecnoloxías de compilación de datos, pode crear unha especie de rastro dixital do seu comportamento. Esa información xera oportunidades non só para os negocios lexítimos, senón tamén para ladróns de identidade e outros depredadores.
Destinatarios
Persoas usuarias, ou que desexan selo, das redes sociais, pais e educadores, formadores sociais. En xeral toda persoa interesada na seguranza persoal na Internet.
Teñen preferencia á hora de inscribirse as persoas que formen parte dalgunha Xunta Directiva das nosas asociacións e os/as socios/as das ANPA federadas.
Será un curso de grupo reducido, como máximo 12 persoas.
Coñecementos previos
Informática básica de usuario domestico.
Duración, horario e lugar

16 horas presenciais + 4 horas de tarefas para facer na casa
DATA
HORARIO
LUGAR
05/02/2011
10:00/14:00 hrs
Caixanova
12/02/2011
10:00/14:00 hrs
Caixanova
19/02/2011
10:00/14:00 hrs
Caixanova
26/02/2011
10:00/14:00 hrs
Caixanova








Temario a tratar
  • Os riscos da Internet (en xeral), intimidade (privacidade),
  • Normas básicas de protección
  • As imaxes ─ fotografías, Acoso sexual ─ Sexting ─ Ciberbullying ─ Ciber-grooming
  • Os permisos predeterminados (por defecto).
  • Os contrasinais (Xeración, garda e mantemento) Os OpenID
  • Redes sociais para compartir fotografías (Flickr, Picasa)
  • Microblogueo ─ mensaxes curtas (Twitter)
  • Redes sociais “completas” (Facebook)
  • Creación e eliminación dunha conta. Creación e eliminación dunha conta de correo asociada,
  • Política de protección da intimidade. Configuración da intimidade, Uso xeral
  • Ferramentas de control paterno
  • Ferramentas de «monitorización», «OpenDNS» como filtro de contidos web, «ProCon Latte»
  • Linux ─ «Nanny» e «WebContentControl»
  • Windows Vista e Windows7 ─ Configurar o «Control paterno» integrado, «LogProtect» e «Parental Control Bar
 As clases serán impartidas por persoal especializado e con experiencia nestes temas.

Inscrición

Por mail en info@nontedurmas.org ou no teléfono da FANPA 986 843 412 en horario de 9:30 a 13:30 hrs.
Sexamos responsables, se nos anotamos adquirimos un compromiso, se por calquera razón non puideran asisitir deben comunicalo inmediatamente para dispoñer desa praza.
A data límite para a inscrición será o 28/01/2011.

TODOS OS/AS PARTICIPANTES RECIBIRÁN UN DIPLOMA DE PARTICIPACIÓN E UN LIBRO DE "REDES SOCIALES Y ADOLESCENCIA".


 Mais información en:
http://www.nontedurmas.org/actividades/article/as-redes-sociais-e-a-seguranza

Cúmprense 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, felicitou o escritor Xosé Neira Vilas polo aniversario da obra Memorias dun neno labrego. Fíxoo durante o acto de entrega do VI Premio Estornela de Teatro para Nenos, que tivo lugar o 19 de decembro na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, no concello pontevedrés de Vila de Cruces.
Anxo Lorenzo tamén felicitou o gañador da sexta edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos, Carlos Labraña, pola súa obra Teatro de xoguete, así como a Xosé Luna, que recibiu unha mención especial polo traballo Tulipáns vermellos.
Ademais, o Concello da Estrada organizou un acto conmemorativo con motivo do aniversario deste clásico da literatura galega.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1661
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/acto-multitudinario/idEdicion-2011-01-06/idNoticia-627133/

Especial no suplemento “Luces” de El País (17/12/2010) sobre Memorias dun neno labrego:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Memoria/Balbino/elpepiautgal/20101217elpgal_29/Tes
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Coma/quen/dis/ninguen/elpepiautgal/20101217elpgal_18/Tes
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/neno/labrego/Black/Power/elpepiautgal/20101217elpgal_30/Tes

Phonogal, conversor fonético galego

Está na rede Phonogal, un conversor fonético automático para galego que xera a transcrición fonética e mais a estrutura silábica de palabras escritas tanto en galego coma con ortografía portuguesa. Esta ferramenta xera a transcrición no Alfabeto Fonético Internacional (IPA) e no Speech Assessment Methods Phonetic Alphabet (SAMPA) e mais analiza a estrutura silábica, tanto de palabras escritas en galego coma con ortografía portuguesa.

Máis información en:
http://www.phonogal.net/
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=754&desc=phonogal,_conversor_fonetico_galego

A Irmandade Xurídica Galega celebrará en Pontevedra a súa cuarta asemblea anual

A Irmandade Xurídica Galega celebrará en Pontevedra, o próximo mes de xullo, a súa xuntanza anual. Así llo trasladaron varios directivos da entidade ao alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, que comprometeu o apoio do Concello ao evento. Benito Montero Prego e Xosé Xoán Barreiro Prado, membros fundadores da Irmandade Xurídica Galega, indicáronlle ao alcalde que na IV Asemblea pretenden homenaxear o xurista Fermín Bouza Brey.

Máis información en:
http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2010/12/31/0003_8939382.htm
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/irmandade-xuridica-busca-normalizar-utilizacion-gallego-judicatura/idEdicion-2010-12-31/idNoticia-625477/

O BNG pide que a lingua portuguesa entre nos centros de ensino públicos

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Carme Adán instou a Xunta de Galicia a ofrecer o idioma portugués como segunda lingua estranxeira en todos os centros públicos da comunidade que impartan educación secundaria, para o que reclamou que se doten “do profesorado necesario”.

Máis información en:
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/bng-pide-portugues-centros-publicos/idEdicion-2010-12-21/idNoticia-622916/