O auxe dos drones leva a Xunta, INTA e Aeronáuticas Lucenses a por en marcha o ciclo no CEIFP As Mercedes.
O próximo curso escolar, o instituto de Formación Profesional
As Mercedes, incorporará un novo ciclo superior de
mantemento aeromecánico.
Será o primeiro desta especialidade que se impartirá na comunidade
galega e nacerá ó amparo das actividades que se desenvolverán no
aeródromo de
Rozas. O ciclo, que contará con
13
módulos, está deseñado para realizar actividades de reparación tanto de
avións tripulados coma de drones. Os alumnos recibiría, ademais,
formación adicional en seguridade e adestramento específico no eido da
aeromecánica.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
Román Rodríguez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde; visitaron o
CIFP As Mercedes,
onde coñeceron de primeira man os proxectos innovadores que este centro
de referencia na provincia está a desenvolver. Neste sentido, o
conselleiro de Educación salientou a importancia de transmitirlle ás
empresas as potencialidades, calidade e talento do alumnado e
profesorado da
FP galega, e o que isto supón como
oportunidade para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con
profesionais da máis alta cualificación e preparados para dar resposta
ás necesidades das empresas.
O polo aeronáutico de Rozas ten previsto crear máis de seiscentos postos de traballo
Román Rodríguez tamén salientou a oportunidade que
agora se abre coa posta en marcha neste centro do ciclo de grao
superior, que se impartirá o vindeiro curso en colaboración co Instituto
Nacional de Técnica Aeroespacial ‘Esteban Terradas’
(INTA) e a empresa
Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L.
Unha iniciativa que se completará con diversas colaboracións en materia
de FP, innovación, emprendemento, formación do profesorado e
recoñecemento das competencias profesionais dos traballadores.
Estes acordos constitúen unha oportunidade única para a implantación dunhas
ensinanzas de futuro, que están a experimentar un gran auxe ao abeiro dos novos usos que se lle está a dar a aparellos como os
drones,
contemplados nesta formación. Deste xeito, introdúcese un novo ciclo da
man dos axentes principais que están a desenvolver estas tecnoloxías,
as empresas, o que supón un valor engadido á formación do alumnado de
FP unha clara vantaxe á hora da súa incorporación ao mercado laboral.
Pola súa parte
Francisco Conde salientou que o novo
ciclo supón un novo paso para que o polo tecnolóxico e industrial de
avións non tripulados, “se constrúa sobre unha base de talento galego”.
Conde resaltou que para acadar esa meta é necesaria unha oferta
formativa sólida tanto no que se refire á educación superior, como no
relativo á
Formación Profesional.
Neste senso, subliñou que a nova titulación de
Enxeñería Aeronáutica no campus de
Ourense dá
resposta a unha desas necesidades, deses ocos, un papel completado por
ciclos de FP como o de Mantemento Aeromecánico, “que se aliña
perfectamente coas necesidades do noso polo de avións non tripulados, no
que precisamente
Indra e Inaer trasladarán a Rozas o mantemento das súas aeronaves”.
É un programa de formación que responde de forma específica ás necesidades da compañías galegas, xa sexa no polo de
Rozas ou
do resto de empresas aeronáuticas. “O programa axudará a que o ciclo
superior en aeronáutica sexa unha auténtica fonte de talento da que se
nutra Rozas, xunto á titulación de Ourense” para abastecer a un polo de
avións non tripulados que xerará inicialmente
600 empregos.
Respecto da impartición do ciclo de grao superior en
Mantemento Aeromecánico, desenvolverase de forma conxunta nas instalacións do
CIFP As Mercedes e das devanditas entidades, cunha duración de
2 cursos académicos. A vixencia do convenio é de
4 anos, polo que se poderían beneficiar desta iniciativa case
90 rapaces (22 por curso académico), sendo posible tamén a renovación do acordo ao seu remate.
O ciclo súmase á titulación universitaria que comezará o vindeiro curso no campus de Ourense
Do total dos
14 módulos dos que consta o ciclo formativo,
6 desenvolveranse no
CIFP e os outros
8 nas instalacións de
INTA e de
Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L;
especialmente módulos específicos que requiran da experiencia de
persoal destas entidades para a súa impartición ou de maquinaria e
equipamento do que dispoñen tanto o
Instituto Nacional ‘Esteban Terradas’ como Aeronáuticas Lucenses. Respecto do módulo de
FCT, cómpre
sinalar que durante este período as alumnas e alumnos recibirán
formación adicional en seguridade, un adestramento específico neste eido
que contribuirá de forma significativa a completar a cualificación dos
estudantes e a mellorar o seu currículo de cara ao seu ingreso no mundo
laboral.
Cómpre sinalar que, ademais de aos propios alumnos deste ciclo, as
devanditas entidades poderán acoller nas súas instalacións a outros
alumnos de
FP para a realización do módulo de
FCT.
Todos aqueles que finalicen de forma satisfactoria esta formación
incorporarase á base de datos curricular da empresa, podendo participar
en futuros procesos de selección.
Durante o seu percorrido polo centro, os conselleiros tiveron a
oportunidade de coñecer o proxecto innovador “Montaxe, instalación de
central frigorífica didáctica para estudo e avaliación do funcionamento
de equipos frigoríficos industriais de supermercados”, desenvolvido polo
alumnado e profesorado dos ciclos da familia profesional de
Instalación e Mantemento. Así mesmo, o equipo do
CIFP amosoulles algúns dos equipamentos cos que se traballará no novo ciclo de Mantemento Aeromecánico.