Emilio Xosé Ínsua non esquiva preguntas.
Cuestionado sobre o papel da política no galego, cuestiona o uso
“partidista” tanto do PP por asumir o delirante discurso de Galicia
Bilingüe como “certo segmento do nacionalismo” e as súas “correas de
transmisión”. Autor dunha nova monografía sobre as Irmandades da Fala,
asegura que aínda perviven os prexuízos que motivaron o seu nacemento e
pide a “tirios” e “troianos” que reflexionen sobre a experiencia da
xeración que introduciu o galego na escola. O impacto do 'decretazo',
as escolas Semente e a visión da lingua entre os seus alumnos son outros
temas desta entrevista.
Emílio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) é un dos estudosos da
Literatura Galega moderna máis prolíficos. Escritor, poeta e profesor de
galego no ensino público, ao longo da súa traxectoria, participou en
numerosas organizacións (cofundou a Mesa pola Normalización e colaborou
en ADEGA, Letras da Cal, STEG, etc.).
Baia Edicións acaba de sacar do prelo o seu quinto ensaio publicado A
nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931);
un completísimo volume que, co gallo do seu centenario, desmiúza o
percorrido ideolóxico e político das persoas que foron protagonistas do
nacemento da defensa organizada do idioma e do galeguismo político.
As Irmandades da Fala é un tema clásico na historia do estudo do nacionalismo galego. Que aporta de novo a súa monografía?
Intenta achegar un relato completo, mesmo diría exhaustivo, da
traxectoria das Irmandades, non centrado unicamente no plano político
(máis que ben estudado xa por Beramendi, Núñez Seixas, Vázquez Souza,
Antón Capelán, Xavier Castro, etc.), senón abranguendo tamén a
reivindicación idiomática, o labor doutrinario e o inmenso traballo
cultural e xornalístico que despregaron.
En certos capítulos corríxense algunhas interpretacións mistificadoras
preexistentes e noutros achéganse dados descoñecidos ata o de agora, que
permiten interpretar ou entender máis cabalmente a dinámica interna das
Irmandades nalgúns instantes digamos “chave”. En todo caso, trátase
dunha obra con evidente vocación enciclopédica, unha monografía que bebe
de moitas fontes e tenta explicar a fondo a historia desta entidade tan
decisiva na historia do país.
Unha das iniciativas chave das Irmandades foi a creación das
"Escolas do Insiño en Galego" para rematar coa marxinación do idioma no
sistema educativo. Hoxe son consideradas un exemplo inspirador por
varios colectivos organizados ao redor das escolas Semente. Son
comparábeis as situacións daquela e a de hoxe, onde o galego é parte do
currículo oficial?
As “Escolas do Ensiño” foron unha iniciativa tan ben orientada como, no
entanto, limitada no seu decorrer: só existiron na Coruña, só daban
traballo a dous docentes (Casal e Acuña) e, por último, só albergaron
uns escasos douscentos rapaces ao longo de varios anos. Eran, nese
sentido, unha pinga de auga no mar educativo desa época. Serven hoxe,
sobre todo, como referente simbólico, como proba evidente de que era
posíbel, daquela coma hoxe, outro modelo de ensino máis sensíbel á
lingua e ao país que o que existía oficialmente.
Paréceme ben toda iniciativa privada no ámbito escolar que dea
relevancia ao uso e aprendizaxe da lingua de noso, mais tamén entendo
que o ideal a que debemos aspirar como colectividade é que o sistema
público de ensino outorgue ao galego o lugar que lle corresponda como
lingua propia do país, en todos os colexios e para todo o alumnado. A
nivel particular, como docente e como afiliado do STEG, esa é a miña
loita.
Visto con perspectiva histórica, acertaron as Irmandades a disolverse no seo do Partido Galeguista?
Non creo que interese tanto un xuízo de valor sobre se as Irmandades
“acertaron” ou non disolvéndose no seo do PG (calquera opinión ao
respecto chocaría coa evidencia empírica de que o fixeron,
efectivamente), como, pola contra, unha análise pormenorizada, que é a
que intentei plasmar nos capítulos correspondentes do libro, sobre como
afrontaron as Irmandades, debates incluídos, ese período tan intenso
politicamente da “Dictablanda”, a proclamación da 2ª República, as
eleccións a Cortes Constituíntes, o debate constitucional republicano,
etc.
Na VI Asemblea, en abril de 1930, as Irmandades non se deron posto de
acordo sobre a liña estratéxica a seguir. O grupo coruñés, o máis
importante e numeroso con A. Villar Ponte, Ánxel Casal, Alfredo Somoza,
Vítor Casas, etc., apostaba por facer que o galeguismo participase da
O.R.G.A. para loitar pola república federal, entanto outros sectores,
liderados por Castelao, Risco, Otero e Paz Andrade receaban da
definición republicana, desconfiaban do liderado de Casares Quiroga e
apostaban organicamente por constituír unha miríade de agrupamentos
especificamente nacionalistas, que só darían confluído finalmente en
decembro de 1931.
Isto que relata garda similitudes co que pasa hoxe ...
O nacionalismo galego vive hoxe debates e diferenzas estratéxicas que
xa se deron, mutatis mutandi, nesa conxuntura histórica e tanto “tirios”
como “troianos” deberían reflexionar moito sobre esa experiencia. Uns,
porque a “autónoma” O.R.G.A. acabou engrosando a Izquierda Republicana
de Azaña e o seu líder, Casares Quiroga, facendo obstrucionismo do
plebiscito estatutario. Outros, porque en momentos históricos decisivos a
súa “pureza” pode derivar en irrelevancia política, cousa ben negativa
para o país, e porque a propia confluencia do Partido Galeguista na
Fronte Popular, en febreiro de 1936, non puxo en cuestión para nada a
firmeza do seu ideario nacionalista nin a súa independencia orgánica.
No seu volume vostede narra o "conflito soterrado" entre a
xeración que lanzou as Irmandades e os vellos galeguistas da Real
Academia. Por que se produciu? Foi un conflito xeracional ou ideolóxico?
As Irmandades constitúen, de facto, un intento feliz de superación das
insuficiencias e das contradicións entre teoría e praxe do rexionalismo
finisecular. No caso concreto da Academia, cómpre dicir que desde moi
axiña, tras a polémica que rodeou a súa fundación, ficou neutralizada
como axente galeguizador. Como forma de “protexerse”, deu entrada no seu
seo a moitos individuos de nulo compromiso coa lingua, investiuse do
título de “Real” nunha cidade de alma republicana como era A Coruña,
publicou o seu Boletín en español, etc. As Irmandades, coa súa aposta
polo monolingüismo e coa súa coherencia entre discurso e praxe
“retrataron” todas esas insuficiencias da Academia. Numerarios como
Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya, Jaime Solá ou Fernando
Martínez Morás, etc. significáronse ademais como detractores das
Irmandades en non poucas ocasións.
Foi sorprendente para min constatar o absoluto desencontro que se
produciu entre Murguía e Antón Villar Ponte cando este esixiu do daquela
presidente da Academia un pronunciamento público favorábel á
mobilización catalanista de xaneiro de 1916, en demanda da oficialidade.
O silencio de Murguía determinará que as Irmandades nazan sen o seu
concurso e que nunca colabore nin en actos nin en publicacións súas, a
diferenza dos seus máis fieis discípulos, como Lugrís, Carré,
Tettamancy, Vaamonde…
Posteriormente, é ben significativa a escasa presenza de académicos
entre os asinantes do Manifesto de Lugo ou a actitude de entusiasmo
dalgúns deles (Carré Aldao, Eladio Rodríguez, etc.) cara á ditadura de
Primo de Rivera.
Non hai dúbida que a defensa do idioma foi clave para o
nacemento do nacionalismo como proxecto político organizado. Ao longo da
súa historia, a defensa do idioma sempre foi un dos eixos das súas
reivindicacións. Con todo, hai quen sostén que esta defensa a ultranza
da lingua puido ter consecuencias sociais contraproducentes para a
promoción do idioma, como a nai que quere tanto a un neno que o afoga de
tantos abrazos. Cal é a súa opinión sobre isto?
“Política” é todo o que afecta á “polis” e a lingua, que é un feito
social e cumpre entre moitas outras funcións a de identidade, non pode
deixar de ser por iso mesmo algo “político”. As propias Irmandades, que
comezaron como unha entidade máis ben de tipo cultural, axiña
comprenderon a necesidade de afrontar tamén desde a política, no sentido
máis nobre da palabra, as súas reivindicacións e demandas.
A defensa da lingua galega ten sentido desde o mesmo momento en que o
idioma propio de Galiza foi condenado historicamente a unha marxinación
intensa que aínda non está hoxe corrixida de todo, nin moito menos, e
tamén desde o punto e hora en que os galegofalantes non gozamos no día a
día dos mesmos dereitos e oportunidades de uso lingüístico que os
castelánfalantes na nosa propia sociedade. Moitas das causas polas que
loitaban as Irmandades hai agora cen anos seguen infelizmente en pé.
Que determinados sectores fixeron e fan un uso “partidista” da lingua é
un feito indiscutíbel. Fíxoo Núñez Feixó dando por bo o discurso
delirante de certas entidades, capaces de deformaren a realidade ata o
punto de colocaren o galego como lingua “imposta” en Galiza, que xa é
dicir; pero fíxoo tamén certo segmento do nacionalismo, político e
sindical, convertendo en meras correas de transmisión algunhas entidades
que naceran coa vocación de xuntar toda caste de persoas amantes da
lingua galega para pular pola normalización.
Melloraría a saúde do idioma se un pacto saca a súa promoción do debate político?
Non acredito nun pacto para “sacar” o galego do debate político, senón
máis ben nun debate e mais nun pacto político, o máis amplo e xeneroso
posíbel, para tirar o galego da situación de devalo en que vive
actualmente.
Vostede é profesor no ensino secundario. Os mozos da
actualidade perciben o galego como parte da súa identidade que cómpre
conservar ou veno unicamente como unha ferramenta de aprendizaxe do
sistema escolar?
Non me atrevo a dar unha resposta categórica, porque entre o meu propio
alumnado vexo que hai de todo, nese sentido. O que si percibo é que
ningún discurso, nin o identitario, nin o pragmático/utilitario, ten
capacidade “per se” en exclusiva para orixinar mudanzas. Á mocidade
fáltanlle espazos e ferramentas básicas de socialización en galego e
tamén padece o efecto de prexuízos novos que foron xurdindo nos nosos
días, como a identificación mecanicista entre lingua e determinadas
opcións partidarias ou esa certa “hostilidade ambiental” entre os seus
iguais que rodea ás mozas e mozos neofalantes.
O polémico "decreto do plurilingüismo" leva en vigor case un
lustro. Coa perspectiva que dan os anos e tendo en conta a súa
experiencia, até que punto prexudicou o galego nas aulas?
Ese decreto está a pasar xa aos manuais de sociolingüística e aos
libros de texto feitos con rigor como a máis grave agresión perpetrada
contra a lingua galega por un gobernante posterior á ditadura de Franco e
como o primeiro obstáculo a remover, sen dúbida, para unha nova
política lingüística imprescindíbel que volva colocar a normalización de
usos como horizonte e que combata os prexuízos que ese decreto non fixo
máis que alimentar.
E que anda a ler Emilio Xosé Ínsua esta primavera?
Unha novela da escritora de orixe palestina Randa Jarrar titulada Un
mapa do lar, a última de Xavier Queipo (Os Kowa), unha noveliña de
Francisco A. Vidal escrita xa hai bastantes anos que me interesa pola
ambientación mariñeira e cambadesa (O botín da inmortalidade) e o
poemario de Carlos Negro Masculino singular.