venres, 6 de marzo de 2015

A brecha de xénero crece entre os estudantes españois

  • Elas son mellores en lectura e eles en matemáticas, segundo PISA. As rapazas aspiran a chegar máis lonxe na súa vida profesional que os rapaces

  • A tecnoloxía e a transformación da escola

A brecha de xénero creceu nas aulas na última década. As rapazas españolas empeoraron os seus resultados en matemáticas na proba PISA e os alumnos varóns baixaron na proba de lectura. Esta é unha das conclusións do último informe da OCDE El ABC da desigualdade de xénero en educación que analiza os resultados dos exames realizados a alumnos de 15 anos.
O último traballo da OCDE, que analiza por primeira vez educación e xénero con estatísticas de 2000 a 2012, saca distintas conclusións. En España, a brecha se acrecienta, as rapazas son mellores en clase e repiten curso con menos frecuencia. En liñas xerais, que as alumnas teñen mellores expectativas sobre o seu futuro profesional (agás nas carreiras máis técnicas) pero afrontan con máis nerviosismo o seu día a día. Os cuestionarios de PISA detectan nelas máis "ansiedade" fronte ás matemáticas, por exemplo, que no caso dos rapaces e detectan que se senten máis inseguras.
En todos os países que participaron na proba de 2012, as rapazas superan os rapaces en lectura. A puntuación media de diferenza (38 puntos) é equivalente a un ano de clase. As matemáticas dánselles mellor aos alumnos en 38 dos países cunha media de 11 puntos máis (equivalente a uns tres meses de clase). En ciencias, segundo o informe, a diferenza é moi pequena.
Cos distintos datos, o informe considera que "a brecha de xénero en rendemento académico non se encontra determinada por diferenzas innatas de capacidade". "É posible pechar esta brecha e non resulta moi caro", sinalou Stefan Kapferer, secretario xeral adxunto da OCDE na presentación do estudo, que compartiu coa secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio.

Recomendacións

O informe recomenda aos pais dar o mesmo apoio aos seus fillos que ás súas fillas en relación co seu traballo escolar ou as súas aspiracións profesionais. "Cando as nais traballan ten un impacto positivo sobre o rendemento dos seus fillos, pero sobre todo sobre o das súas fillas", explicou Gomendio, que asegura que non puideron determinar a razón.
Pídese aos profesores que eviten "o posible nesgo de xénero" ao dar as notas aos seus alumnos e reclama o respaldo dos gobernos. España, cunha brecha de xénero en aumento, non deseñou medidas concretas para solucionar este asunto. Preguntada a este respecto en tres ocasións durante a súa comparecencia, Gomendio admitiu que non existe "unha medida específica para resolver ese problema puntual". Pero defende distintos cambios incluídos na reforma educativa (a Lomce). Entre outros, as avaliacións externas (a primeira faise este curso en terceiro de primaria), que poden detectar de forma "precoz" problemas nos alumnos. E un novo programa de Educación que prevé 22 millóns de euros para que egresados universitarios cos mellores expedientes acudan como reforzo ás aulas. Este último aspecto foi moi criticado polos sindicatos educativos, que acusan o ministerio de "substituír docentes con bolseiros".

Expectativas

Os alumnos que fan PISA (preto de medio millón na última edición de 2012) responderon á pregunta de que traballo esperan ocupar aos 30 anos e ata que nivel educativo confían en chegar. Para chegar á conclusión de que as rapazas son máis ambiciosas co seu futuro, os técnicos da OCDE sistematizaron as respostas abertas nunha clasificación internacional (ISEI) que determina o prestixio social de determinadas ocupacións.
Así, en porcentaxe de estudantes que prevén traballar como directores ou profesionais, as mulleres destacan en todos os países, agás Alemaña -onde están equiparados- ou Suíza, onde os rapaces están por diante.
O informe da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) inclúe unha gráfica, con datos de 2006, na que se observa que, de media, preto do 60% das rapazas prevén un posto así fronte a un pouco menos da metade dos rapaces. En España, a brecha é maior, entre o 70% e pouco máis do 50%. Segundo Gomendio, no caso de España cúmprese outro tópico. As mulleres tenden máis ás carreiras de Ciencias da Saúde e eles a Enxeñaría ou Informática.
Á cabeza desa táboa de rapazas que aspiran a grandes futuros profes profesionais están Xordania, Turquía, México ou Colombia. Pero o informe sobre xénero tamén recolle os resultados das chamadas enquisas de habilidades de adultos de 2012. E a realidade rebaixa a expectativa. En 2000, segundo o traballo, o 34% dos rapaces e o 41% das rapazas esperaban traballar como directores ou profesionais aos seus 30. En 2012, só o 21% dos homes de 24 a 35 anos e o 23% das mulleres das mesmas idades ocupaban eses postos.

200 linguas e dialectos europeos, en perigo de extinción

O profesor Xosé Henrique Costas critica a “narcotización” do galego que só goza de “oficialidade no papel, pero que logo non se transforma na realidade”.

“Unha lingua morre cando se extingue a comunidade que a fala ou cando esta deixa de falala”. É o que pensa o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade Xosé Henrique Costas, que alertou do perigo de desaparición que corren en Europa preto de 200 linguas e dialectos.
 
“Están morrendo de inanición”, dixo nunha conferencia que foi organizada pola Comisión PEA-Unesco na Universidade de Vigo con motivo da recente conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Uha situación na que, dixo, ten que ver moito o "lingüicidio", a ocultación dunha fala, fronte o "ecolingüismo", fomentar de que cada lingua “poida vivir con normalidade no seu propio hábitat”.
 
Así, criticou os “moitos métodos perversos” que poden contribuír a unha “morte intencionada de moitas linguas”, como “facerlles ver aos seus falantes que esa lingua non é válida, xa que con ela non poden saír da súa pequena comunidade”. Deste xeito, introdúcense “dunha maneira sutil” na poboación unha serie de prexuízos que poden levar, relatou, “a que os propios pais e nais vexan que non é o bo transmitir a súa lingua natural aos seus fillos e adopten a que vén sendo a lingua do Estado”. 
 
Neste senso, Costas incidiu en que, para facer desaparecer unha fala, “xa non fai falla que persigas aos seus falantes ou o seu uso”, senón que basta con “ocultala, non dándolle ningún tipo de presenza na escola, nos medios de comunicación...”, dixo.
 
Esta situación, explicou, provoca que “das 230 linguas que hai aproximadamente en Europa, a maioría, unhas 200, estean en perigo de desaparición”. Neste grupo, Costas inclúe tanto falas propias de pequenas comunidades como variantes locais de “idiomas importantes” e que, fóra do seu país de orixe, son minoritarias noutros puntos do continente, “como podería ser o caso do alemán en Italia, onde se falou desde hai moitos séculos, ou en Bielorrusia”. 
 
Neste senso, este docente alertou de que “por toda Europa hai centos de exemplos de linguas que son ocultadas a súa propia poboación, algúns deles moi próximos”, e referiuse tamén á situación que atravesa o galego, un idioma que está a perder falantes entre a xente máis nova, como constatou unha recente enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE). Neste senso, alertou do proceso de “narcotización” ao que está a someter un idioma que, ao seu xuízo, só goza de “oficialidade no papel, que logo non se transforma na realidade”.
 
O “lingüicidio” que se estaría a producir en múltiples puntos de Europa viría motivado, segundo Costas, por “múltiples factores, xa que cada lingua ou variedade lingüística ten unha circunstancia moi particular”. Non obstante, este docente apuntou que existen tamén motivacións “universais”, como sería o caso do “esforzo por parte dos estados por negar toda pluralidade interna, por facer coincidir fronteiras políticas con fronteiras lingüísticas a medio ou longo prazo”, un intento que que atribúe en primeiro termo “a unha cuestión de mercado”, posto que “se existe unha lingua minorizada e asumes o compromiso de protexela, iso supón un investimento”. 

Revista ponte-vedresa O Facho entrevista entidade estudantil Agir

Com motivo da greve estudantil do 26 de fevereiro de 2015, entrevistamos a Agir.

Pergunta.Que avaliaçom fazedes da greve estudantil do 26-F?
 
Resposta. Consideramos que a greve foi um sucesso, tanto no trabalho prévio, que implicou centos de estudantes por todo o país, como no próprio dia, no que o paro foi quase total nos ensinos médio e universitário, e no que houvo maciças manifestaçons em todas as cidades e concentraçons em várias vilas que juntarom miles de jovens em contra dos recortes no ensino e das últimas reformas educativas, nomeadamente a LOMQE (Lei Orgânica para a Melhora da Qualidade Educativa) e o 3+2.
 
P. Que estratégias seguides para fomentar a organizaçom do estudantado e a luta contra a LOMQE?
 
R. A estratégia a seguir deve ser, por um lado, pedagógica, que explique ao estudantado do ensino médio que supom esta nova lei, e que obtenha informaçom e análises de primeira mão; por outro lado, tem que estar a estratégia de denúncia e de protesta, fazendo agitaçom, assembleias e todo tipo de atividades coas que construir um movimento estudantil forte mas que já tem um percorrido feito, já que, em dous anos académicos, saiu à rua em três ocasions e de jeito maciço, como fôrom as greves do 24 de outubro de 2013, do 20 de fevereiro de 2014 e do 26-F.
 
P. Qual é a vossa opiniom ao respeito da unidade de açom entre Agir, os Comités e a Liga Estudantil Galega (LEG)?
 
R. A unidade de açom entre as organizaçons da esquerda nacionalista e independentista começou no início do passado ano académico, e sentou as bases para um trabaho unitário partindo duns mínimos e duns pontos comuns entre as três organizaçons. O objetivo básico desta unidade, que segue vigente a dia de hoje, é reforçar a auto-organizaçom nacional do estudantado e situa-lo no centro da luta, que sejamos quem de ter os nossos próprios ritmos e de ter a iniciativa mobilizadora sem uns ritmos impostos. E isto tem os seus frutos, como se puido comprovar na greve do 20-F ou nesta última, onde, junto com outros agentes estudantis, se conseguirom umhas exitosas convocatórias de greve desde a base e em chave nacional.
 
P. E sobre a coordenaçom con organizaçons doutras naçons do Estado espanhol?
 
R. Na atualidade, Agir participa dumha iniciativa internacionalista que se chama «#ParaOsPovos» (#ParaLosPueblos), que consiste numha pequena coordenaçom entre as organizaçons estudantis independentistas das naçons oprimidas polo Estado espanhol. Dentro disto, fam-se alguns posicionamentos públicos e minicampanhas nas redes sociais en assuntos mui concretos. No fundo, o que se intenta é dar a conhecer os movimentos estudantis de cada naçom e defender os princípios de auto-organizaçom nacional e estudantil.
 
P. Como avaliades as práticas do Sindicato de Estudantes (SE)?
 
R. Pois a verdade é que vimos denunciado as práticas do SE na Galiza desde hai muitos anos. Como dixemos em muitas ocasions, é um agente desestabilizador que o único que fai é romper o movimento estudantil nacional, convocando jornadas de greve em solitário e de jeito unilateral sem umha base de trabalho prévia que, posteriormente, se convertem en meras jornadas de «descanso» para muitas das estudantes. Intentam impor uns ritmos marcados desde Madrid sem contar coa imensa maioria do movimento estudantil galego.
 
P. Que opiniom vos merece a repressom que sofre o estudantado galego?
 
R. A repressom é um dos mecanismos que o Estado espanhol utiliza para intentar calar os movimentos sociais e de protesta, e o estudantado nom é alheio a isto. Nestes últimos anos, o estudantado galego foi um dos agentes sociais mais ativos e, como tal, sofre a repressom nas suas carnes. Som muitos os casos, mas todos tenhem os mesmos objetivos: amedrentar para que menos pessoas se sumem às lutas e desgastar a base de multas económicas. Como exemplo, dizer que a nossa organizaçom, desde a greve do 20-F, acumula um total de nove imputaçons pola via penal por participar em distintos atos de protesta, assim como dúzias de multas administrativas, com todo o que isto supom, em desgaste persoal e económico, para umha organizaçom estudantil.
 
P. Algo que acrescentar?
 
R. Mui obrigadas por contar connosco para esta entrevista e deixar-nos expressar a nossa opiniom arredor de todos estes assuntos, assim como animar a todo o estudantado galego a participar ativamente na luta por um ensino galego que estea verdadeiramente ao serviço do povo.

Os relatores da xornada Xogar coa Cultura coinciden no valor do xogo como porta de acceso á ciencia

Este xoves estase a celebrar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago) a xornada Xogar coa cultura, unha cita sobre o valor cultural dos xogos (xogos como parte indisolúbel da nosa cultura e como ferramentas para a divulgación da mesma e a información científica e tecnolóxica) que arrancou ás 10.00 cun relatorio do profesor da Universidade Pompeu Fabra, Manuel Garin, e que proseguiu con meas redondas sobre aprender xogando e que ten continuidade á tardiña co módulo Xogar cos públicos, no que participan Inforpress e Best Relations. A xornada conclúe cunha mesa redonda sobre videoxogos na que toman parte Gago Salvaje, Imaxin Software, Iberian Games e Glue.gl.
O evento, como dixemos, vén da man do CCG e está coordinado pola profesora da Universidade da Coruña, Carmen Costa. A cita quixo pór de manifesto a potencialidade dos xogos para a educación, a divulgación ou o desenvolvemento persoal e cultural.
Respecto aos relatorios, Código Cero tivo a oportunidade de acudir á mesa redonda A ciencia en xogo, na que se forneceron diferentes puntos de vista, dabondo complementarios, sobre a oportunidade que brindan as actividades lúdicas para protexer e reivindicar a cultura galega, as vocacións científicas e artísticas e as carreiras tecnolóxicas. Na mesa participou Eva Balsa (CSIC Galicia), responsábel do proxecto Kaleidolabs, unha iniciativa liderada polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que ten canle de seu no YouTube e que se encamiña a levar a investigación mariña que se desenvolve en Galicia ao público infantil. Trátase dunha serie de obradoiros de creación artística e científica nos que participan arreo estudantes dos nosos centros educativos e máis usuarios de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral). O proxecto KaleidoLabs, fixo saber Eva Balsa, desenvolveuse dende decembro de 2013 a través de diversas actividades de divulgación inseridas en cinco laboratorios (Valoriz@lab, Dibu@lab, Foto@lab, Especi@lab e Kaleid@lab) nos que o alumnado elaborou múltiples recursos gráficos para as achegas audiovisuais. Ademais, engadiu, a produción dos monicreques e a realización das escenas correu a cargo de Monicreques Babaluva e o alumnado do CPI Panxón.
Para Eva Balsa, un dos principais obxectivos da iniciativa “é romper cos estereotipos acerca de quen somos os científicos”. Segundo lembrou, “se miramos no Google veremos que os científicos son persoas excéntricas facendo cousas que o resto a xente non comprendo; nós queremos romper con isto, entre outras cousas porque non se axusta á realidade”. Para facelo, dende o IIM e o CSIC Galicia constataron a necesidade de falar a mesma linguaxe cá mocidade. De aí xorde precisamente Kaleidolabs, sinalou.
Na mesa redonda tamén participou Irene Lapuente, responsábel de La Mandarina de Newton, unha iniciativa posta en marcha dende Barcelona dende a que se programan actividades lúdicas para nenos e maiores e dende a que se promove a cultura científica e tecnolóxica xogando. “A Mandarina”, dixo Irene, “xoga a xogar coa investigación”. Dende a devandita empresa-plataforma catalá téñense desenvolvido iniciativas como ArgumentaTIC, que segundo fixo saber é un xogo de mesa dispoñíbel en liña e accesíbel para a súa impresión, no que se mesturan os xogos de rol e os de mesa e dende o que se propoñen retos de investigación científica.
Outro dos exemplos de propostas TIC abrolladas da Mandarina (coma no caso anterior coa colaboración do CSIC) foi un videoxogo no que os nenos deben xestionar unha viaxe a Marte. Chámase precisamente Viaxe a Marte e acubilla actividades lúdicas e outras de meirande complexidade onde se convida directamente ao cálculo e a busca de probabilidades. A través deste xogo, poderemos descubrir as características dun hipotético desprazamento ao Planeta Vermello e investigar coas cousas que cumpriría levar na súa viaxe e as cousas das que deberiamos prescindir.
A mesa redonda do mediodía pechouna Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, quen achegou unha ollada ao noso xeito de xogar, a todas luces un bo referente (polo participativo que é, por como estimula o maxín e a creatividade cos mínimos recursos) para a revolución tecnolóxica que estamos a vivir, unha revolución cuxa parte máis social entronca claramente con actividades colectivas ligadas ao lúdico. Paco Veiga tamén avogou pola necesidade de defender a cultura do xogo como unha parte fundamental da nosa cultura, igual que a lingua e outros elementos que nos son propios. “Para falar en galego, temos que xogar en galego”, dixo. Nesta ampliación das marxes do que se entende por pobo galego, o xogo convértese unha peza clave, engadiu, ao tempo que sinalou que dende a asociación que el representa non se pechan en absoluto á investigación das posibilidades do xogo tecnolóxico, as videoconsolas e demais trebellos. Segundo fixo saber, dende a asociación “interésanos todo, dende o tradicional ao dixital, en boa medida porque confiamos na humanidade” e no seu poder para adaptar o espírito das actividades lúdicas popular ás novas contornas, linguaxes e formatos”. Paco Veiga tamén lembrou que a entidade ten a día de hoxe catalogados até 123 tipos de xogos tradicionais galegos. Asemade, convidou aos presentes a consultar a páxina web da asociación, inzada de recursos e documentación sobre os nosos múltiples xeitos de xogar, incluído o devandito catálogo de actividades lúdicas populares.
A xornada foi inaugurada por Carme Costa, coordinadora de evento, quen dixo que “os xogos forman parte da nosa actividade diaria desde sempre pero foron considerados como algo secundario”. E engadiu: “As dinámicas lúdicas teñen un gran potencial vinculadas a outros ámbitos como a educación ou a divulgación científica”. A continuación falou Manuel Garín, profesor de Narrativa Serial, Estética Cinematográfica e Banda Sonora da Universidade Pompeu Fabra quen lle deu unha dimensión téorica ao xogo. Citou ao profesor Johan Huizinga ao destacar que “o acto de xogar é consubstancial á natureza humana”. Para Garín o xogos achegan pluralidade, un novo punto de vista sobre a realidade e unha maior liberdade ao individuo.

A CIG-Ensino presenta un estudo que constata a desigualdade de xénero no exercicio dos cargos directivos nos centros educativos

A CIG-Ensino xa solicitou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galiza que elaborase un Plan de Igualdade para o Ensino.

Con motivo do 8 de marzo, a CIG-Ensino realizou un estudo sobre a representación que teñen as mulleres nos cargos directivos. No estudo pódese comprobar que tamén neste sector existe desigualdade á hora de ostentar cargos directivos. Se se ten en conta que o 81% do profesorado de Primaria son mulleres, cabe esperar que a porcentaxe de directoras nos centros de primaria sexa a mesma. Mais a realidade é ben distinta, pois a diferenza entre directoras (2,67%) e directores (9,60%) non reflicte a diferenza do censo en canto á composición de xénero. Extrapolado a un censo en que os dous xéneros estivesen igualmente representados, sería como dicir que os directores son o 78%. En Secundaria a realidade é similar. Se atendemos ao censo, as mulleres en Secundaria representan o 64%, mais son directoras o 5,35% das mulleres, fronte ao 7,61% dos homes. Extrapolado do mesmo xeito, é dicir, a un censo sen diferenzas de xénero, o peso porcentual dos directores é do 71%.

Aínda que a igualdade entre homes e mulleres é hoxe un “principio universal” non cuestionado explicitamente por case ninguén na nosa sociedade, a realidade é que, na práctica, as desigualdades seguen existindo e a posición da muller está en clara desvantaxe coa dos homes. Por este motivo as Administracións deben tomar cartas no asunto elaborando plans que favorezan a integración da muller en todos os ámbitos e o seu acceso aos cargos de dirección. Neste aspecto é onde quere pór o foco a CIG-Ensino con este estudo, poñendo en evidencia que a ausencia dun Plan de Igualdade na Consellaría de Educación é unha neglixencia que só produce consecuencias negativas para a igualdade de oportunidades entre profesoras e profesores.

A CIG-Ensino xa solicitou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galiza que elaborase un Plan de Igualdade para o Ensino deste país. Un plan que, á vista dos resultados, non só é legalmente preceptivo, senón completamente necesario para evitar as diferenzas e que estas sigan aumentando. Un plan en que a propia Administración actúe de xeito responsable neste eido, establecendo os mecanismos necesarios para facilitar ao profesorado a conciliación da vida familiar e laboral e que esta non repercuta no acceso aos cargos de dirección. Neglixencia que, por certo, non é a única que se produce, pois tal e como veu denunciando a CIG-Ensino semanas atrás a Consellaría non cumpre o que establece a Lei de Prevención sobre a determinación de postos de risco para o embarazo e, cando unha profesora ten que solicitalo, non actúa coa axilidade necesaria.
A Consellaría debe artellar mecanismos para que haxa igualdade real entre quen forma o colectivo e quen toma as decisións e, para poñer un exemplo, os mecanismos de elección e formación das direccións non favorecen, hoxe por hoxe, a igualdade de acceso para profesoras e profesores. O ensino ten a responsabilidade de contribuír á eliminación dos condicionamentos sociais que prexudiquen a creación dunha sociedade igualitaria para todos e todas. Para a CIG-Ensino cómpre formar para vivir nunha sociedade entre iguais, e dar exemplo desde o propio centro educativo e, para iso, urxe que a Consellaría asuma o papel que lle corresponde.
OUTRAS NOVAS
Sen emigración e infraemprego a cifra de mulleres desempregadas en Galiza chegaría ás 300.000

A patronal carga contra o galego tras cobrar un millón de Normalización Lingüística

Eran outros tempos, como para case todo. O 8 de xullo de 2006 a daquela secretaria xeral de Normalización Lingüística, Marisol López, asinaba con quen daquela presidía a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, un convenio para poñer en marcha o Servizo de Normalización Lingüística da patronal galega. O Goberno galego substituía as axudas puntuais a empresas por un acordo global con "vontade de continuidade" que procuraba o "apoio para a galeguización das empresas", á que a CEG se sumaba con entusiasmo. Case unha década e máis dun millón de euros públicos despois, a confederación empresarial xa non conta con esa vía de financiamento e o que noutrora eran declaracións de adhesión á promoción do galego tornan en belixerancia contra a lingua propia de Galicia.
Os xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña daban conta o pasado mércores do ditame do Consello Galego de Relacións Laborais sobre a orde que rexerá a concesión de axudas da Xunta para organizar cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas neste 2015. Nese documento a organización empresarial alzou a voz contra o que vén sendo unha práctica habitual na Administración, a ponderación do uso do do galego para condecer as subvencións. E non o fixo para pedir unha modificación, senón para esixir, directamente, a súa supresión.
A CEG esixe que a lingua galega non sume puntos na orde de axudas para cursos de formación
Ao xeito do que acontecería cun idioma estranxeiro a patronal alega que "a utilización da lingua galega na impartición das accións debe estar supeditada ao coñecemento que os alumnso teñen da mesma", polo que "debe ter carácter potestativo polo profesorado e o seu uso non debe ser motivo de baremación", isto é, non debe ser un mérito que dea puntos á hora de obter estes fondos públicos. "De non ser así -sinalan- deberíase esixir ao alumnado un nivel mínimo da lingua acreditado a través do correspondente CELGA". Caso contrario, non se podería "garantir a calidade da formación e a eficiencia na súa impartición".
Así as cousas, a CEG solicita en solitario "a supresión da referencia ao uso do galego na impartición" que se inclúe nas condicións das axudas e expresa, ademais que a "penalización" por non utilizar a lingua galega é "excesiva". Reclaman, polo tanto, que o galego non poida chegar a sumar ata cinco puntos sobre un total de 80 que é posible acadar nesta orde de axudas -o mínimo para obter algunha concesión é de 25-.

As subvencións á normalización

Esta posición da CEG difire notablemente da vontade que amosaba cando os fondos gobernamentais de Normalización Lingüística chegaban ás súas arcas mediante as sinatura de sucesivos convenios. Así, tras o devandito acordo do ano 2006, dotado con 371.460 euros, segundo informou daquela a Xunta, a patronal aseguraba ser "consciente da necesidade de estender o uso e o coñecemento da lingua galega entre o empresariado". Por iso apostaba por "transformar este acordo nun marco estable de colaboración" que "permita darlle continuidade a esta importante colaboración".
A patronal pechou o seu Servizo de Normalización cando deixou de recibir cartos públicos
Unha vez posto en marcha o Servizo de Normalización Lingüística da CEG con esta importante achega económica patronal e Goberno seguiron asinando sucesivos acordos na mesma materia. Para "potenciar o papel da CEG como axente dinamizador do uso da lingua galega no ámbito socioeconómico de Galicia" a Xunta puxo sobre a mesa 149.000 euros en 2007 e outro tanto en 2008 e 2009. En 2010, xa co Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a iniciativa estivo dotada con 155.000 euros para ese ano e o seguinte. Xa en 2012, a achega volveuse producir, pero reducida a 50.100 euros. En total, as achegas sumaron 1'01 millóns de euros.
O actual presidente da CEG apoiou en 2008 un informe do Club Financiero de Vigo contra o uso do galego no ensino
Case tres anos despois desa última sinatura a antiga web do Servizo de Normalización Lingüística desta organización empresarial indica que xa non está operativa por "falta de apoio financeiro" e convida a dirixir as solicitudes de asesoramento directamente á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Mentres, a patronal semella rexerse agora abertamente pola doutrina lingüística que o seu actual presidente, José Manuel Fernández Alvariño, xa expresara en 2008, cando como presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra apoiou publicamente un informe do Club Financiero de Vigo que arremetía con dureza contra o uso do galego no ensino e afirmaba que no mundo empresarial "es mejor entenderse en castellano". Daquela Alvariño considerou que "non é impensable" que haxa empresas que renuncien a operar en Galicia por mor da existencia e utilización do galego.

Fondos percibidos pola CEG a través de convenios de normalización lingüística coa Xunta

Os ‘ouvidos xordos’ do novo conselleiro de Educación á oferta de diálogo do colectivo Celga

Os afectados lamentan a ‘’calada por resposta’’ de Román Rodríguez e interprétana como un exemplo do ‘’desinterese’’ dom departamento pola problemática.

Silencio. Esa é a resposta que o colectivo de profesorado Celga e linguaxes específicas asegura que leva recibindo por parte do novo conselleiro de Educación ás súas peticións de manter unha xuntanza. Este colectivo leva desde febreiro “intentando que o novo conselleiro de Educación, do que orgánica e administrativamente depende, fixe unha data de reunión para chegar a un entendemento tras as últimas sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”. Resolucións que desestimaban os recursos da Xunta preentados contra as sentencias favorábeis ao profesoraso Celga.
Mais a reunión non sería só para falar desa cuestión. “Tamén para preguntarlle cal está a ser o problema para que, a primeiros de marzo, aínda non saísen convocados os cursos de formación en galego para as persoas adultas”, afirma Anxo Otero, un dos portavoces do colectivo.
“Despois de realizaren, infrutuosamente, varias chamadas e enviaren varios correos electrónicos solicitando esta data de reunión, o colectivo de profesorado da SXPL interpreta a “calada por resposta” coma unha clara mostra de desinterese polo diálogo por parte do novo conselleiro de Educación”, engade.

Seis medidas urxentes para reverter a situación do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta seis medidas “urxentes, rápidas e eficaces” para reverter o proceso de substitución do galego. Faille a proposta ao conxunto da sociedade e agarda resposta do Presidente da Xunta. 


O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Marcos Maceira presentou esta quinta feira un conxunto de seis propostas para reverter o proceso de substitución lingüística. A Mesa propón as medidas de actuación ao conxunto da sociedade galega, “como protagonista que ten que ser do proceso de recuperación galego” e, de maneira especial ás organizacións sociais, sindicais e políticas. As medidas serán presentadas tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo como responsábel máximo da política lingüística se finalmente pon data á xuntanza que a Mesa vén de solicitarlle.
O punto de partida da Mesa á hora de elaborar a batería de medidas urxentes está na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas e no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado hai dez anos por unanimidade no Parlamento con máis de 445 propostas concretas das que se tiran as seis que se poden comezar a aplicar “de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo. Onde está o problema para non cumprir co acordado? A nosa man está tendida para facelo”, sinalou Marcos Maceira que destacou a sinxeleza e facilidade de facer efectivas as medidas propostas “que se poden iniciar mañá mesmo e que só poden ter un efecto positivo sobre o conxunto do pobo galego”.
Da CRTVG á administración
As seis iniciativas propostas esixen a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un “plan de choque” para o galego no ensino, accións concretas no uso do galego nas administracións públicas, acordos para a recepción mutua do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG e condicionar as axudas públicas ao uso do galego.
Malia dirixiren a proposta ao conxunto da sociedade, desde a Mesa sosteñen que a loita pola normalización precisa do respaldo dos poderes públicos. “A Xunta, co seu Presidente á cabeza debe iniciar as accións políticas para repor e normalizar o uso do galego”, sinalou Maceira que agarda a resposta da proposta de xuntanza que lle remitiron 4 este día ao presidente da Xunta.

xoves, 5 de marzo de 2015

Varios colexios carecen xa de vacantes para algúns cursos

O prazo de reserva de prazas está aberto ata o 23 e no Manuel Rivero, Lourdes e Figueiroa para algúns niveis de ensino non hai prazas.

Os colexios da zona abriron o prazo de reserva de matrícula para o curso que vén ata o día 23. E mentres uns buscan alumnos para manter unidades, noutros as prazas escasean e están máis que solicitadas. O Manuel Rivero en Lalín e o Figueiroa e en Lourdes na Estrada son tres nos que as reservas xa se están movendo. Neles hai cursos para os que non hai ningunha praza libre.
O Manuel Rivero oferta 25 prazas para tres anos (22 máis tres reservadas a nenos con necesidades educativas específicas). Para catro anos só hai catro prazas libre e para cinco anos, a clase para o curso que vén xa está ao completo, igual que para quinto de Primaria. Neste último nivel, para segundo só hai unha vacante, outra para terceiro, tres para cuarto e outras tres para sexto de Primaria.
No de Figueiroa ofértanse outras 25 para nenos de tres anos, 22 máis tres para necesidades educativas específicas; quince en catro anos, unha en cinco anos, tres en terceiro de Primaria, unha en cuarto, seis en quinto e cinco en sexto. Para o curso que vén o centro non ten vacantes para segundo de Primaria nin para primeiro, onde só quedan libres dúas de necesidades educativas específicas. Ambos son dous dos centros que adoitan acabar cada ano con lista de espera. Pero os colexios da zona que teñen un maior número de estudantes son o Xesús Golmar de Lalín e o Pérez Viondi na Estrada. Neste último explican que hai dous anos xa suprimiron unha unidade de infantil, o que fai que teñan máis demanda que prazas.
As vacantes para o próximo curso volven ser 50 (seis delas reservadas en principio para alumnos con necesidades educativas específicas). Unha cifra que xa este ano quedou insuficiente porque o número de pequenos de tres anos é este curso de sesenta. Haberá que esperar agora ás reservas, ver si alcanzan e si Educación decide ampliar ao final, segundo as cifras.
O Xesús Golmar conta este curso cuns 640 estudantes e para o curso que vén agarda ter unha cifra similar. O centro oferta 75 prazas para nenos de tres anos, oito para catro anos, nove en cinco anos, en primeiro de Primaria quedan as nove de educación de necesidades educativas específicas; en segundo de Primaria o centro conta con 19 vacantes, sete en terceiro, 21 en cuarto, quince en quinto e oito en sexto. E mentres que nestes centros os pais danse présa, no resto non hai problemas de prazas.

Rodeiro celebra a natalidade e o rural busca nenos ampliando área xeográfica

E mentres nuns centros, os pais móvense xa en busca de prazas, noutros son os profesores os que fan contas en busca de alumnos. Hai anos con sorpresas como será o curso que vén en Rodeiro onde calculan ter vinte nenos fronte aos seis que hai este ano na clase de tres anos. Agora hai que esperar que se apunten todos, de fóra matriculáronse xa catro, aos que engaden dezaseis nacementos que se produciron fai tres anos. No resto das clases hai unha media de vacantes de dezaseis alumnos por aula. No colexio de Cerdedo hai este curso en Infantil dezanove nenos e na gardería oito para empezar o cole, aos que se engade algún máis que non utilizou este servizo. En Oca, na Estrada, a previsión en tres anos para o curso que vén é, de momento, boa, e no de Codeseda xa reservaron tres en tres anos e esperan contar cuns sete. No de Vexa apuntan que as novas xeracións van minguando. Este curso había trece de tres anos, pero creen que serán menos para o próximo. En Cercio, en Lalín, hai xa seis reservas para tres anos e agardan poder sumar algún alumno procedente de Lalín. En Merza este curso non hai nenos de tres anos e para que vén un xa foi a matricularse e esperan outros dous, mentres que en Dozón teñen xa catro apuntados de tres anos e en Soutelo calculan ao redor de cinco posibles. Neles igual que en Piloño, Prado, Vilatuxe, Oca, Vexa, O Foxo, Agolada, Cerdedo, Forcarei ou Cruces a loita cada curso é manter alumnos.

O Sacro Corazón ofrece canguraje gratuíto en infantil

Nos colexios concertados da zona as reservas xa están animadas. En Nosa Señora de Lourdes da Estrada non hai prazas vacantes nin para segundo nin para sexto de Primaria. Para tres anos ofértanse 25 e xa recibiron unha avalancha. Os nenos con irmáns no centro teñen xa reservada praza. No Sacro Corazón de Lalín ofrécese servizo de canguraje gratuíto para os nenos de tres, catro e cinco anos de 7.45 a 20.30 horas. O centro ten 50 prazas vacantes para tres anos, 23 para catro anos e 26 para cinco anos, con prazas libres no resto dos cursos ata cuarto da ESO, comedor e internado desde terceiro de Primaria. O María Inmaculada de Silleda ten 25 vacantes para tres anos, cinco en catro anos e catro en cinco, en primeiro só quedan tres para necesidades específicas e vacantes no resto dos cursos.

A FANPA organiza xornadas de convivencia para familias con actividades ata xuño

O albergue de Mouriscade acolle un dos campamentos - A inscrición remata o 18.

A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FANPA) organiza para os próximos meses unhas xornadas de convivencia en familia. Trátase de actividades que levarán a cabo durante o fin de semanas dos meses de abril, maio e xuño. Pretenden fomentar o lecer en familia con actividades variadas de aventura, sendeirismo, ecoloxía ou patrimonio entre outros ámbitos.
A inscrición permanecerá aberta ata o próximo día 18 deste mes. A reserva debe formalizarse mediante correo electrónico actividades@nontedurmas.org ou nas oficinas da FANPA. Para a tramitación debe achegarse unha fotocopia que acredite pertencer a unha ANPA federada, así como o xustificante do ingreso bancario.
Algunhas das anpas da zona, como o colectivo Agromar de Agolada, informa destas actividades aos seus socios. Na comarca realizarase unha das vivencias. A xornada levará a cabo no albergue de Mouriscade (Lalín) entre o 6 e 7 de xuño. Inclúe un taller de cestería, xantar, merenda e cea e ao día seguinte exponse un taller de quesería, unha visita ao museo Casa do Patrón. O prezo desta xornada é de 36 euros para socios federados e 44 euros para o resto.
Ademais, prográmanse actividades en Cotobade, o 12 de abril, con sesión de paintball, xogos tradicionais, unha sesión de horta ecolóxica e ecogranja. En Marín realizarase o 1 de maio, cun circuíto arbóreo, unha sesión de hípica e un taller de manualidades. No Espazo Natural A Barosa (Barro) realizarase o 2 de maio, cunha explicación do funcionamento dos muíños, un seminario sobre o pan e unha ruta de sendeirismo. Nas Pallozas de Arenteiro (O Carballiño) a convivencia será o 16 e 17 de maio, con visita á antiga fábrica de papel e a piscifactoría, taller de pegadas e ruta de sendeirismo. O cámping no Grove será a última vivencia, o 13 e 14 de xuño, con actividades acuáticas e rutas

Tras o éxito do 25- 26 de febreiro, volvemos á loita en institutos e universidades

A folga convocada polo Sindicato de Estudantes os pasados 25 e 26 de febreiro foi un rotundo éxito: máis de 2.550 institutos e máis de 250 facultades de universidades de todo o Estado quedaron desertas, e en máis de cen cidades e localidades organizáronse manifestacións multitudinarias con decenas de miles de estudantes. A prensa tivo que recoñecer o tremendo seguimento, e tamén o propio Ministro Wert cando nunha manobra desesperada intentou "desconvocar" pateticamente a folga e as manifestacións. A chamada do Sindicato de Estudantes á loita contra un decreto pretende que privatizar definitivamente a universidade e pechala a cal e canto para os fillos das familias traballadoras, contou cun respaldo cidadán impresionante; foron multitude de organizacións e colectivos sociais os que nos apoiaron, e só en catro semanas máis de 140.000 persoas asinaron contra o 3 +2 apoiando a causa dos estudantes. 
O PP quere destruír a Universidade Pública

E non é para menos. Dende que o PP chegou ao goberno non vivimos outra cousa que ataques á educación pública: recortes de máis de 1.500 millóns de euros no presuposto das universidades públicas; unha suba salvaxe das taxas do 66%; máis de 5.000 profesores despedidos das nosas universidades e un decreto de bolsas que penaliza aos que menos teñen e que rebaixou as axudas en miles de euros por alumno. Todo este conxunto de medidas supuxo que 45.000 estudantes fosen expulsados da Universidade por non se poder pagar uns estudos, algo que se está a converter nun privilexio ao alcance dunha minoría.

Por se isto non fose suficiente, agora, nos catro días que lle quedan ao PP no Goberno, quérennos impoñer o decreto 3 +2. Isto significará a desaparición de carreiras; a depreciación do título de grao, que pasará de 4 a 3 anos e se converterá en papel mollado no mercado laboral; a imposición na práctica de dous anos de máster a prezo de ouro para ter un título válido, ademais do despedimento de miles de profesores. Está moi claro que o PP quere devolver a Universidade aos tempos da ditadura franquista, cando só os fillos de familias podentes podían gozar deste dereito Que familia traballadora pode permitirse pagar 15.000 ou 20.000 euros para que o seu fillo estude na Universidade? Se este decreto se aplica o próximo setembro, tal e como Wert planea, seremos centos de miles de mozos os que veremos as portas da Universidade pechadas para sempre Pero non o imos permitir!

O 3 + 2 non é nin Europa, nin aforro para as familias. Wert, non nos enganas!

Nestes días tivemos que soportar as mentiras do Ministro Wert e da multimillonaria número dous do Ministerio de Educación, Montserrat Gomendio. Primeiro afirmando que o "3 +2" será un aforro para as familias, cando a realidade é xustamente oposta. Logo dicindo que isto nos axudará a confluír con Europa. Pero de que demos falan? No 70% dos países europeos a Universidade Pública é gratuíta ou con taxas moi baixas. En Francia un ano de grao custa 89 â?¬, en Alemaña custa 200 â?¬ ao semestre e iso inclúe un aboamento de transporte para viaxar gratuitamente por todo o país. Que teñen ver esa realidade coa que aquí quere impoñer o PP? Absolutamente nada!

Ademais teñen a desvergonza de dicir que o modelo da Universidade Pública no Estado español é insostible a non ser que haxa unha suba drástica de impostos. Que impresentables! Só con que deixasen de roubar das arcas públicas para rescatar bancos ou autoestradas, para financiar ilegalmente ao seu partido, para darse a vida pai a custa do sufrimento da maioría ou facer amnistías fiscais para os seus amigos das altas finanzas, sería máis que suficiente! O que pasa realmente é que queren destruír por completo a Universidade Pública: que deixe de ser un dereito e convertelo nun negocio moi saboroso para as súas amiguetes das universidades privadas.
A loita continua ata derrotar o 3 +2!
¡24 de Marzo, folga xeral estudantil xunto cos profesores!

A folga do 25 e 26 FARADIOS foi unha auténtica lección de dignidade por parte da xuventude, pero a loita debe continuar ata que logremos a retirada completa do 3 +2 e a dimisión dun Ministro impresentable. Hai que estender a loita e facela máis forte. Por iso o próximo 24 de Marzo, chamamos a todos os estudantes de institutos e Universidade a organizar unha nova folga estudantil igual de contundente, pero esta vez ademais contando co apoio dos nosos profesores e do persoal laboral de todas as universidades públicas do Estado.

Somos moi conscientes de que o que non consigamos coa loita nas rúas dificilmente o lograremos noutros ámbitos. Dende o Sindicato de Estudantes facemos un chamamento aos sindicatos do profesorado e ás organizacións de nais e pais a continuar a mobilización ata o final, e que o 24 de marzo sexa unha auténtica folga en todos os sectores do ensino, dende a infantil ata a universidade. O que nos xogamos é moito.

Chamamos a todos os colectivos sociais e a todas as organizacións de esquerdas a manter e redobrar o seu apoio á nosa mobilización. E, por riba de todo, á xuventude dos institutos e as universidades a construír o Sindicato de Estudantes, a levantar unha organización de loita, anticapitalista, que defende de forma consecuente o ensino público e os dereitos sociais e que non se rende ante ningunha adversidade. Todos xuntos, unidos e organizados, venceremos.

Educación responsabiliza aos centros da falta de profesores de apoio

director xeral nega o recorte e sostén que a Xunta concedeu os docentes "necesarios".

A Consellería de Educación nega o desmantelamento do Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA) que denuncian profesores, sindicatos e Anpas e responsabiliza aos centros educativos da planificación dos recursos destinados aos alumnos con risco de fracaso escolar. Ante a avalancha de críticas polo "recorte" na contratación de profesorado de apoio, trasladadas esta mañá en comisión informativa polo deputado do BNG Cosme Pombo, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, asegurou que é "empeño especial" do Goberno galego o respaldo aos alumnos con dificultades e á diversidade aínda que neste curso negasen docentes de apoio a algúns centros que os solicitaron.
Corredoira negou que exista arbitrariedade da consellería na concesión destes profesores de apoio e asegurou que se mantiveron os mesmos que no curso pasado. Respecto ás peticións de novos docentes para o plan PROA denegadas por Educación e que obrigaron algúns equipos directivos a prescindir este curso do programa, trasladou a responsabilidade aos propios centros educativos destacando que son eles os que deben de "planificar os recursos", achegando os seus propios docentes ou contratando outros.
"Os contratos-programa requiren negociación porque teñen que ver coa autonomía dos centros", sinalou o representante da consellería especificando que son estes os que deben achegar os recursos materiais e humanos que teñen que ser acorados por ambas as dúas partes. "Non" se trata "da convocatoria dunha subvención", precisou Corredoira" para detallar a continuación que a consellería achegou este ano os profesores de apoio que puido "de acordo cos presupostos" deste departamento da Xunta.
Ante o reproche do deputado nacionalista polo "recorte" na "calidade educativa que lles impediu chegar a todos os centros e manter só os profesores do ano pasado, o director xeral acusou a oposición de "darlle a volta" á realidade. "Os centros teñen os profesores de apoio necesarios; non hai recortes", repetiu o director xeral asegurando que hai "unha evolución progresiva" dos medios destinados á calidade escolar que, puntualizou, "vostedes non quere recoñecer".
Corredoira negou o recorte apoiándose en datos xenéricos dos contratos-programa que ademais deste plan de apoio aos alumnos con dificultades inclúen outros encamiñados á calidade do ensino. Así explicou que os beneficiarios destes contratos-programa pasaron dos 13.000 do curso académico pasado a 53.000 neste. "Non" se pode dicir "que non se aposta pola calidade educativa", sentenciou o representante da consellería destacado que por primeira vez se financia ao 100% con fondos propios cando antes o Estado achegaba a metade.

A librería tradicional, en serios apuros

Preto de mil pequenos comercios pecharon durante 2014, segundo a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros.

A venda de libros en España descendeu un 18% desde 2011, ao pasar de 870 millóns de euros a 707 millóns a facturación anual das 3.650 librerías que ten censadas a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (Cegal).

Esta entidade presentou hoxe en Madrid o Mapa de Librerías de España 2014, segundo o cal 912 pecharon en 2014, aínda que abriron 226 novas. As que máis se reduciron son as grandes librerías, aquelas que superan os 1,5 millóns de euros anuais en vendas, que pasaron de 40 a 29. "Seguimos en crise. É preocupante que sexan as librerías máis antigas as que desaparecen; a esperanza está nas máis pequenas", afirmou hoxe a presidenta de Cegal, Pilar Gallego, quen confiou en que o Plan Integral do Libro e Fomento da Lectura que presentarán en breve ao Goberno e que inclúe un programa de axudas sirva para impulsar o sector.

Só 29 librerías, o un por cento, supera os 1,5 millóns de euros anuais en venda de libros, mentres que a maioría sitúase nunha franxa de facturación que vai dos 30.000 aos 90.000 euros, o que debuxa "unha rede de microlibrerías única en Europa, de negocios moi de proximidade", explicou Miguel Flamarit, director a empresa que fixo este mapa, BCC Consultors.

Estes libreiros, que funcionan como "axentes culturais" nas súas cidades, recorren á imaxinación para frear a sangría nas vendas: o 38% acolle presentacións de libros, o 22,8% organiza contacontos e o 16, 7% fai actividades de animación á lectura. "Hai accións con moita inventiva, como organizar obras de teatro 'amateur' cos lectores e rodar curtos", destacou Flamarit, o que non impediu que se pase dos 757 millóns en vendas de libros en 2013 aos 707 de 2014, unha liña decrecente que se mantén desde 2011.

O libro electrónico non parece ser a solución, xa que o 84,9% das librerías non o vende, unha cifra que non variou de forma ostensible nos últimos anos. "Aquí a competencia maligna para o sector non é o libro dixital, senón a descarga ilegal, a piratería", apuntou Gallego.

Do total de libros vendidos o ano pasado, o 20,2 % era escolar, o 4,7 % universitario e foron os artigos de papelería os que completaron principalmente os ingresos da maioría dos pequenos establecementos, cun 24,2 % de facturación. As máis numerosas son as librerías xerais de proximidade (35,4%), seguidas dos xerais de fondo (27,9%), especializadas (27,6%) e xerais con especialización, que supoñen o 9,2% das librerías independentes cuxa facturación de libros é superior ao 50% dos seus ingresos, que son as recollidas neste mapa.

Delas, 103 fundáronse antes de 1940, polo que Flamarit pediu para elas "unha homenaxe, porque pasaron unha ditadura e a Transición e seguen vivindo do libro". Neste aspecto, os anos de maior esplendor do sector foron de 1980 a 1999, cando se abriron 1.151 librerías, mentres que logo de 2000 a cifra redúcese a 728.

O ano pasado deuse a benvida a 226 establecementos. "Non é a euforia dos oitenta, pero seguen abríndose, aínda que tamén pechan moitas", dixo Flamarit, quen pediu "solidariedade" para cos libreiros. "Na historia deste país non pasaron uns anos tan malos como estes ata agora. A situación é difícil, pero hai que ser optimistas porque chegará un momento que se crecerá nas vendas de libros, xa que desde 2009 o descenso foise temperando, e cremos que ese momento está próximo", engadiu.

Para apoiar ao gremio, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte orzou 150.000 euros para modernizar as librerías, tanto nos seus espazos físicos como en novas tecnoloxías, e creou un selo de calidade para estes establecementos.

Galiciencia celebra o seu décimo aniversario ao longo de tres meses

Aló polo ano 2006 botaba a andar Galiciencia, un punto de encontro para rapazas e rapaces de todas as idades con ideas innovadoras e coa arela de amosalas ao público nos stands do Parque Tecnolóxico de Galicia ao longo de tres días de portas abertas. En total, arredor de 500 proxectos pasaron polo evento ao longo da última década, algúns dos cales resultaron despois gañadores de certames estatais e internacionais, e foron visitados por preto de 10.000 persoas. Pois ben, xa van dez anos de Galiciencia e nesta edición 2015 celebrarase o décimo aniversario deste evento de divulgación científica de referencia en Galicia.
Así, a Tecnópole espertaba hoxe para celebrar os dez anos de vida da Galiciencia, cun amplo programa de actividades que deron comezo hoxe. O espectáculo científico celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) visitará doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, ao tempo que se abre o concurso para o deseño da mascota oficial do evento.
Todas as actividades previas á celebración da décima edición da Galiciencia, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro, contan coa colaboración da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Ao longo da presentación do aniversario, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, explicou que este ano a Galiciencia, “aínda que, como é habitual, terá o seu colofón coa celebración da feira en novembro, non durará tres días, senón nove meses”, en referencia ao extenso programa de actividades previas que se celebrarán por toda Galicia.
O espectáculo celebrado hoxe, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz, facendo un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica.
Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez amosáronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se acadan mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles porqué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.
Até finais de maio, o espectáculo pasará por vilas de toda Galicia: O Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, na Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a participar a todos os colexios cos seus proxectos.
Desde mediados do mes de abril até final de curso organizaranse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia coma noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, xa están abertas.
Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira. Asemade, tamén serán os propios escolares os que deseñen a camiseta oficial e os que elaboren o vídeo e a revista da feira.