xoves, 5 de marzo de 2015

Unidade hoxe, para defender a universidade pública de mañá

Os claustrais en representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS) das universidades galegas presentaron este mércores en Compostela o Manifesto pola subsistencia dun Sistema Universitario Galego público, no que denuncian a "precariedade financeira" á que a Xunta somete ás tres universidades que sofren, ademais, unha falta de autonomía que as incapacita "para cumprir as funcións de formación e investigación que lle son propias e que resultan imprescindibles para o desenvolvemento social e económico do noso país".
Fixeron un chamamento á sociedade a defender a universidade pública, "non só na conxuntura do aquí e agora, senón pensando unha universidade para Galicia a medio e longo prazo"
Os representantes do PAS fixeron un chamamento á sociedade a defender a universidade pública, "non só na conxuntura do aquí e agora, senón pensando unha universidade para Galicia a medio e longo prazo". Máis en concreto, e fronte á negociación do novo Plan de Financiamento, reclámanlle aos órganos de goberno da universidades, aos reitores e ao persoal das universidades galegas en xeral "unha reflexión sobre a universidade que necesita o país, que asumamos a responsabilidade de pensar e defender a universidade pública galega a medio e longo prazo, romper as dinámicas conxunturais que levan ás universidades a pensar unicamente no acuciante presente inmediato e a competir pola miseria".
Instaron, así mesmo, aos tres reitores a "reclamar o financiamento que lles permita sobrevivir, comezando polo reintegro do aforro por recortes salariais nos últimos tres anos" e a "acadar unha posición de unidade", marcándose como obxectivo prioritario "harmonizar a posición unitaria das mesmas, que evite a competencia e o conflito entre elas e reforce unha posición ética do Sistema Universitario Galego, fronte as políticas da Xunta de Galicia que perseguen claramente cambiar o modelo de Universidade Pública, de prestixio, por outra de tipo asistencial, promovendo a creación de máis universidades privadas".
O obxectivo da Xunta é ligar unha maior porcentaxe de fondos á consecución de obxectivos
En canto ao financiamento, o manifesto lembra que o Plan 2010-2015, "ademais de supoñer un recorte drástico", de máis do 20%, supuxo un cambio de modelo cara unha concepción "aínda máis mercantilista", pois reduciu drasticamente o financiamento estrutural e incrementou até un 30% no 2015 o financiamento por obxectivos. "Un financiamento por obxectivos tramposo, pois ten teito orzamentario", destacan. Dado que a cantidade destas achegas por indicadores é fixa, non se promove a calidade nin a mellora, senón que só se fomenta a competición entre as tres universidades. Pode darse o caso de que unha universidade mellore os seus indicadores e perda financiamento, se as outras avanzaron máis, ou que suceda á inversa: que empeore e gañe financiamento, se as outras o fixeron peor.
De cara ao seguinte Plan, que estará en vigor ata 2020 e que se está negociando nestes momentos, o obxectivo da Xunta é ligar unha maior porcentaxe de fondos á consecución de obxectivos. Este financiamento por variables, din, fomenta a competición no canto da cooperación, a pesar que decote se insta as tres universidades a traballar en conxunto. Porén, o plan de financiamento penaliza economicamente na práctica esta cooperación.
Ademais, sinalan, no financiamento destinado a convocatorias de investigación "a Xunta convoca de forma e maneira que, cada ano queda unha altísima porcentaxe sen executar, co que termina sendo na práctica, un recorte máis sobre o financiamento que anuncia". Critican, igualmente, que parte do discurso da Xunta cando se lle reclama unha mellora no financiamento sexa que as universidades deben buscar financiamento fóra, por exemplo en convocatorias de fomento da investigación. Porén, din, estes fondos son finalistas e serven para pagar unha investigación determinada, e non poden ser empregados para pagar por exemplo os gastos xerais dunha facultade ou dun departamento.
O manifesto tamén lembra a falta de autonomía financeira das universidades, a súa cada vez menor capacidade de decidir e planificar a medio prazo. "Isto compleméntase con presións directas, instrucións sobre contratación de persoal que impide as universidades planificar e decidir as contratacións segundo os servizos que presta", sinalan. "Unha intromisión evidente na autonomía universitaria que, con frecuencia, é claramente vulneración", engaden.
O manifesto tamén lembra a falta de autonomía financeira das universidades, a súa cada vez menor capacidade de decidir e planificar a medio prazo
Os problemas de financiamento, unidos á aplicación nos últimos anos da taxa máxima de reposición de postos de traballo, incrementou o proceso de avellentamento do persoal das universidades. O manifesto lembra que no 2010 do profesorado das universidades galegas, o 15,7% eran menores de 40 anos, o 36,8 % entre 41 e 50 anos e 47,6 % máis de 50 anos. E alerta de que coa taxa de reposición actual no ano 2020 "teriamos aproximadamente 80% do PDI por riba dos 50 anos, dos cales a metade estarían por riba do 60 anos" e habería ademais "unha redución nos cadros de persoal estruturais de máis do 10%".

A Mesa deplora o ‘’desprezo’’ e ‘’complexos’’ da patronal que pide suprimir o galego no acceso a axudas para cursos

A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.‘’É un absoluto desprezo, xa non só polo galego, senón por Galiza’’, din desde a Mesa pola Normalización Lingüística.

A patronal galega non gosta de que o galego sexa un dos baremos que se piden desde a administración galegas para poder acceder a subvencións para cursos destinados á formación de persoas desempregadas. Afirma que iso, o de garantir que o galego poida ser utilizado para impartir estes cursos, implicaría o risco de perder calidade e eficiencia na prestación formativa, segundo recolle ‘La Opinión de A Coruña’. Por iso solicita que se suprima toda referencia ao idioma propio de Galiza como baremo.
A petición da CEG é para Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, un triste exemplo máis da pervivencia de “prexuízos continuados” a respecto do galego entre a patronal, “que non beneficia xa non o galego, senón a Galiza”. Maceira lamenta que a CEG manteña un ‘complexo’’ sobre o idioma e advirte que mesmo lle pode xerar inconvenientes a eles propios, pois o consumidor pode ver nos seus produtos eses prexuízos deses empresarios sobre o idioma.
Maceira sinala que eses cursos autonómicos de formación impártense en Galiza e que a poboación non ten dificultades para entender o galego. Se considera que é así, aconsella o presidente da MNL á CEG, pode dirixirse á Xunta para que repoña o profesorado Celga -galego para adultos- que despediu. Por último, remarca o paradoxal de que a CEG cargue contra o galego nos cursos de formación e porén si que “que collen esas axudas que se lles dan para, teoricamente, promocionar o galego”.
A patronal ficou soa no Consello Galego de Relacións Laborais na súa proposta.

Greve nas universidades galegas o 24 de marzo

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO e UGT e organizacións estudantís como Comités, Liga estudantil galega e Agir anunciaron a convocatoria dunha xornada de protesto nos campus galegos.

As universidades galegas irán á greve o vindeiro 24 de marzo. “Razóns sobran”, sinalan os convocantes (CIG, CCOO e UGT, así como Comités, LEG e Agir) , porque, segundo explicou a representante da CIG, Alba Nogueira, “ao último decreto –o 3+2- hai que engadir que as universidades galegas son das que contan co peor financiamento respecto do PIB, perderon case 100 millóns de euros nos últimos anos e son as segundas co profesorado máis envellecido do Estado”.
A convocatoria de folga parte das organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Universidades e a ela anunciaron a súa adhesión as organizacións estudantís galegas. O seu obxectivo é denunciar as consecuencias das reformas emprendidas polo PP que teñen como obxectivo “dinamitar as universidades públicas”, dixo Alba Nogueira. Reformas diversas entre as que subliñou o último decreto 3+2, mais tamén as medidas referidas á creación de centros ou a acreditación do profesorado universitario.
"Ao decreto 3+2 hai que engadir que as universidades galegas son das que contan co peor financiamento respecto do PIB, perderon case 100 millóns de euros nos últimos anos e son as segundas co profesorado máis envellecido do Estado”
Nogueira tamén denunciou que a situación das universidades galegas é grave, non só pola perda de financiamento -86 millóns nos últimos anos- senón tamén pola non renovación do seu persoal, que “deteriora a calidade docente” .
Obrigados a dar “un golpe na mesa”
Esta situación, apunta Alba Nogueiro, “obríganos a dar un golpe na mesa” e a trasladar á sociedade que a situación das universidades ten tamén “graves consecuencias para o futuro do país, porque un país no que as universidades públicas non funcione é un país no que o sistema de investigación cae, onde a formación da xente nova está en risco e que non pode avanzar nin ter futuro”, alertou.
Para a representante da CIG, o obxectivo do PP é favorecer, con estas medidas, as universidades privadas. Así, dixo, nos últimos 14 anos creouse unha universidade privada por ano e ningunha pública e que, ao tempo, as universidades públicas perderon 4.400 profesores e profesoras, mentres que as privadas gañaron 4.100.
María González falou en nome das organizacións estudiantís e informou da decisión destas de sumarse á convocatoria das organizacións sindicais e adiantou que mobilizarán o estudantado universitario. “Estamos buscando chamar o máximo número de alumnos e alumnas e porémonos en contacto con diferentes sectores para que sexa o máis masiva posíbel”.

A Mesa pídelle por carta unha entrevista a Feijóo

Despois da multitudinaria manifestación do 8 de febreiro convocada por Queremos Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística diríxelle unha carta a Feijóo para solicitarlle unha xuntanza na que lle presentar seis medidas urxentes para darlle a volta á situación do galego. 

Case un mes despois de máis de vintecinco mil persoas se manifestar en Compostela na defensa da lingua co lema “Polas fillas dos nosos fillos”, a Mesa pola Normalización Lingüística diríxese ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, para lle solicitar unha xuntanza na que lle expor seis medidas que contribuirían, segundo din na misiva á que tivo acceso Sermos Galiza, “a mellorar a situación de retroceso da nosa lingua, de seren aplicadas de xeito urxente e inmediato”. As medidas, sinalan, están xa contempladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado hai dez anos e teñen en común "seren de sinxela aplicación e só precisaren vontade política para executalas”.
Para chegar ao XXII
“As que propomos non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”, explica a carta asinada polo presidente da Mesa, Marcos Maceira e datada o 4 de marzo na que advirte que tamén se advirte que só é preciso convencemento do goberno para comezar, “despois de décadas de inacción, a viraxe que a lingua galega precisa para chegar con saúde ao século XXII, a mellor garantía de que o pobo galego no seu conxunto tamén o fai”.
O presidente da Mesa ten previsto comparecer esta quinta feira perante a imprensa para apresentar as medidas que a entidade quer trasladar ao titular da Xunta nun encontro que, de se realizar, non tería precedentes.

mércores, 4 de marzo de 2015

A AS-PG convoca cineastas a elaborar "curtas para Rosalía"

“Curtas para Rosalía” chegan á quinta edición promovendo a creación audiovisual arredor da figura central da literatura galega. A AS-PG convoca este certame ao que se poden presentar traballos até o día 23 de abril.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca por quinto ano consecutivo o certame de curtametraxes “Curtas para Rosalía”, unha iniciativa encamiñada a promover a creación audiovisual arredor de Rosalía e a literatura galega. A convocatoria naceu no ano da conmemoración do 125 aniversario do falecemento de Rosalía e celebrou tamén en 2013 o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
Desta volta, a nova edición establece importantes premios de 1.500 € máis diploma para a obra gañadora ademais de establecer un novo galardón conmemorativo da quinta edición co que se recoñecerá á mellor produción da historia do certame. A iniciativa conta nesta nova edición coa colaboración da da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Poderán concorrer ao certame obras con temática rosaliana -arredor da súa obra ou a súa vida ou calquera punto de interese arredor da autora e o seu mundo- mais a convocatoria tamén se abre a curtas centradas en calquera texto da historia da Literatura Galega e a súa tradición oral.
Unha Comisión Organizadora, designada pola AS-PG será a encargada da xestión do certame, desde a recepción das obras ate organizar as galas de entrega dos premios. A AS-PG designará tamén un xurado que estará composto por relevantes figuras do mundo da cultura galega e do audiovisual.
Os nomes que compoñen tanto a Comisión como o Xurado faranse públicos na web: : http://bitaculas.as-pg.com na entrada Curtas para Rosalía.
Premios de 1.500
Co fin de conmemorar a V edición do Certame, a organización establece dúas categorías de premios, o do xurado á mellor curta da V edición para o que se proporán tres obras finalistas e o Premio do xurado á mellor curta das cinco edicións do certame. Para participar nesta segunda categoría poderán presentarse as obras gañadoras das anteriores convocatorias, en calquera das súas categorías. O importe dos premios será de 1.500 € máis diploma. Ao seren acumulativos, o total pode ascender a 3.000 €.
A duración das obras non poderá exceder os 30 minutos e o  prazo de presentación das obras rematará ás 14 horas do 23 de abril. Cada participante poderá presentar até tres curtas que se adapten ás bases que están publicadas ao completo na páxina da AS-PG.
Desde a organización do certame entenden que “homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega” e confían nas “potencialidades que se agochan na obra de Rosalía” que, segundo defenden nas bases, “deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe”.
As obras gañadoras coñeceranse na Gala de entrega de premios que se desenvolverá a sexta feira 8 de maio ás 20 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Relixión nas aulas

O temario da materia de Relixión recentemente publicado no BOEy elaborado pola Conferencia Episcopal Española contén perlas, para os nenos de seis anos, como as seguintes: "Ensinar a recoñecer que non hai felicidade sen Deus", actividades que inciten a que expresen con palabras propias o asombro polo que Deus fai" ou, nunha pirueta lingüística digna do mellor trapecista, memorizar e reproducir fórmulas sinxelas de petición e agradecemento", o que dá luz verde a que se poidan recuperar os rezos nas aulas. En canto aos alumnos de Bacharelato, serán examinados sobre "a orixe divina do cosmos", o que podería provocar situacións surrealistas no exame de Física e Química sobre tal cuestión.
Con todo, nun alarde de hipocrisía impropio dos valores que di representar, ao voceiro da CEE lle parece "insuficiente" o tratamento da materia na educación pública, omitindo unha vez máis o artigo do concordato asinado hai 36 anos que reza (nunca mellor dito) así: "A Igrexa católica declara o seu propósito de lograr por si mesma os recursos suficientes para a atención das súas necesidades". Ata cando teremos que soportar esta cruz? (incluíndo a da declaración da renta).- Daniel García Delicado

Vivencias en familia

É unha actividade de convivencia nas fins de semana dos meses de abril, maio e xuño. Trátase de fomentar o ocio en familia con actividades variadas de aventura, sendeirismo, ecoloxía, patrimonio etc.
Reserva: Antes do 18 de marzo: reserva mediante correo electrónico actividades@nontedurmas.org ou nas oficinas da FANPA, entregando a seguinte documentación:
Ficha de inscrición
Fotocopia do documento que acredite ser socio de ANPA federada
Formalización da reserva mediante ingreso bancario na conta:
ES 7520805403413040120558. Concepto: Nome da ficha de inscripción e vivencia.
23 e 24 de marzo para as seguintes vivencias: ecoparque Marín, ecoparque Cotobade e A Barosa.
20 e 21 de abril para as seguintes viencias: Pallozas de Arenteiro, Mouriscade e Cámping do Grove.
Terán preferencia os socios de ANPA federada en FANPA.
PDF - 274.3 KB
Ficha de inscrición para cubrir
PDF - 1.6 MB

Humanidades da USC achega un foro formativo continuo sobre o potencial das TIC no ensino

A Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) vai dar acubillo a unha actividade formativa para estudantes e docentes sobre as implicacións que o tecnolóxico está a ter (e terá) no ámbito docente. O curso, que será continuo, preséntase como un “foro de debate e reflexión sobre o novo paradigma que abre no ensino o mundo dixital”. A actividade desenvolverase de xeito presencial no devandito centro universitario lugués do 11 ao 14 de marzo. Preséntase baixo o epígrafe Enredad@s na rede: orientacións e recursos para a ensinanza das humanidades no mundo dixital, e ten o seu xermolo nunha cuestión ben concreta: o propio interese dos docentes da Facultade por manter activa e en constante desenvolvemento a discusión sobre as posibilidades que abren as TIC no ámbito formativo.
O curso, sinala a USC, presenta unha estrutura dinámica ao longo de preto de 20 horas de formativas repartidas en catro xornadas, do 11 ao 14 de marzo. As tres primeiras sesións programadas levaranse a cabo no salón de graos da Facultade de Humanidades en quenda de tarde, de 18.00 a 21.30 horas. As actividades previstas para a xornada de clausura deste curso trasladaranse á Aula de Informática do centro universitario lugués, que, en quenda de mañá acubillará diferentes relatorios nos que se abordarán as ligazóns entre a cultura dos libros e das redes ou a dispoñibilidade de materiais de apoio dixitais en lingua galega e castelán. Xa pola tarde, o curso rematará cun obradoiro sobre emprego de ferramentas dixitais.
A profesora do Departamento de Lingua Española da USC e coordinadora deste curso de formación continua, Mar Campos Souto, e a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirán o luns 11 a quenda de relatorios cunha aproximación respecto das vantaxes e dos riscos que depara a incorporación das novas tecnoloxías á docencia.
Segundo informa a USC, “a linguaxe dixital e a disposición de recursos e ferramentas para o ensino e a literatura e a lingua, a aplicación das TIC á difusión do patrimonio, o funcionamento electrónico dos arquivos e das bibliotecas non escolares e, entre outros, os dicionarios dixitais, serán algúns dos temas que abordarán os distintos relatores que impartirán esta actividade formativa”.
As persoas interesadas en formalizar a insc rición neste seminario poden facelo a través da páxina web da Facultade de Humanidades da USC, onde atoparán o formulario para cubrir cos seus datos persoais, así como outra información de interese para completar a matrícula.

A Consellaría aínda no lles ingresou aos centros o diñeiro correspondente ao gasto dos comedores escolares do segundo trimestre

A CIG-Ensino esíxelle a Educación que faga inmediatamente o ingreso aos centros que prestan este servizo.

A día 2 de marzo, a Consellaría de Educación continúa sen facerlles efectivo aos centros educativos o pago do gasto dos comedores de xestión directa correspondente aos meses de xaneiro e febreiro.

Cabe sinalar que este é un problema que xa xurdiu no primeiro trimestre, non facendo efectivo o ingreso até o mes de decembro, despois da denuncia da CIG- Ensino.

Este retroceso comporta que os centros non poidan pagar aos provedores nun tempo razoábel supoñendo un quebranto para a economía dos mesmos, nomeadamente cando se trata de pequeno comercio local.

O encarecemento, o abandono e a desidia da Consellaría co servizo de comedor escolar é permanente e total. Encareceu e restrinxiu o uso deste servizo non oferta prazas suficientes, retrasou até cinco meses este curso o pago aos colaboradores do servizo, retrasou até decembro o ingreso do diñeiro para os gastos de funcionamento do primeiro trimestre e agora continúa sen ingresar os do segundo cando xa pasaron dous meses.

A CIG-Ensino esixe que a Consellaría de Educación pague inmediatamente as cantidades correspondentes aos comedores escolares de xestión directa, xa que hai centros que non poden facer fronte aos gastos necesarios para darlle de comer ao alumnado.

Máis persoas xubiladas que mozas en 216 concellos do país

Os dados do IGE reflicten un descenso poboacional de máis de 14 mil persoas en 2014, máis persoas xubiladas que mozas en 216 concellos e máis de 3 mil núcleos poboacionais con menos de dous habitantes ou ningún. 

O Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos as cifras de poboación correspondentes ao 1 de xaneiro de 2014. Os dados deixan en evidencia os principais tazos da crise demográfica que atinxe Galiza.
Segundo o IGE, no noso país había a comezos do pasado ano 2.747.226 habitantes. Isto é, o censo poboacional reduciuse en 14.744 persoas a respecto do ano anterior. Neste senso, de acordo cos dados fornecidos polo mesmo organismo, en Galiza faleceron en 2013 30.433 persoas e só naceron 19.727.
O censo poboacional reduciuse en 14.744 persoas con respecto ao 2013
Este feito sitúa o noso país cun saldo vexetativo negativo --unha tendencia que se mantén desde 1986. En comparanza cos demais territorios do Estado español Galiza encabeza o ránking con -10.706. Unha cifra substancialmente superior á segunda comunidade, Castela e León (-9.680) e radicalmente inversa á de lugares como Catalunya (10.784) ou Madrid (22.950).
Desde esta perspectiva fica en evidencia que a poboación galega se caracteriza por un forte avellentamento, como reflicte a súa pirámide poboacional. A 1 de xaneiro de 2014 e, segundo o IGE, 216 concellos galegos --dun total de 314 após a fusión de Oza e Cesuras-- posúen unha maior porcentaxe de poboación con máis de 65 anos do que de menores de 19. Este feito tradúcese nunha pirámide invertida que camiña en dirección completamente oposta á dun país saudábel en termos demográficos. 

((Preme na gráfica para despregar))
Esta tendencia reprodúcese e faise máis aguda no interior das provincias de Ourense e Lugo, no entanto, non é exclusiva do rural nen do interior do país. Das sete cidades galegas tan só Pontevedra posúe unha pirámide cunha base --infancia e mocidade-- máis ancha que o cumio --como tamén acontece en localidades próximas á Coruña. En total, só 21 municipios galegos contan cunha poboación moza que garanta, en termos económicos, o benestar ás xeracións que @s precederon.
En Galiza hai máis de 3 mil lugares despoboados ou en risco de o estaren de xeito inminente
Entre 2003 e 2013 --os últimos dados comparados polo IGE-- a cifra de habitantes con menos de 20 anos pasou do 17,10% ao 15,80%. Entrementres, a poboación maior de 65 anos continuou en ascenso do 21,30% ao 23,10%.
O avellentamento carrexa, inevitabelmente, o despoboamento poboacional de Galiza. Segundo os dados recompilados polo analista Carlos Neira através do INE, e cos que elaborou un mapa interactivo, no 2013 en Galiza existían "máis de 3.000 lugares despoboados ou en risco de o estaren de xeito inminente (menos de 3 habitantes)". No concreto, 3.679 núcleos de poboación "case un 10% das entidades singulares de poboación de Galiza" entre os que 1.547 non contan con ningún habitante; 838 só cunha persoa e 1.093 con dúas. Os 201 lugares restantes careceron de persoa algunha nalgún intre ao longo dos últimos 15 anos.

martes, 3 de marzo de 2015

Educación dotará ao Golmar do patio cuberto e reparará deficiencias no instituto Laxeiro

As dúas intervencións teñen un orzamento de 85.000 euros -O conselleiro dá por rematados os problemas da calor en aulas do colexio -As obras no instituto acometeranse en Semana Santa ou ao finalizar o curso.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, realizou onte un percorrido polos centros lalinenses na súa primeira visita oficial como membro do goberno galego a colexios e institutos da capital dezana. No CEIP Xesús Golmar anunciou que o seu departamento investirá ao redor de 45.000 euros para a construción dunha pequena cuberta que permitirá ao alumnado de Infantil contar cun espazo de esparexemento, á vez que se liquidará o problema da elevada calor nalgunhas aulas. Con estas tarefas aténdense as reivindicacións expostas pola comunidade educativa nun colexio que aínda non ten catro anos e no que se investiron 5 millóns de euros.
Estas obras acometeranse en colaboración co concello e súmanse aos 18.000 euros investidos meses atrás na instalación de toldos para favorecer o illamento térmico en aulas de Infantil ou a plantación de árbores realizada polo Concello para conseguir máis áreas de sombra. O conselleiro, quen indicou que o proxecto da nova cuberta acometerase canto antes, deu por rematados así os problemas da elevada calor nalgunhas aulas nos meses máis cálidos do ano.
Rodríguez chegou puntual ás 11.00 horas ao Golmar acompañado do alcalde, José Crespo, e do delegado territorial de Educación, César Pérez Ares. Ante a directora do colexio, María Jesús Payo, e a edil de Cultura, María Álvarez, anunciou ademais a contratación por 40.000 euros dun proxecto para atender tarefas de mantemento no instituto Laxeiro. Consisten en reparacións estruturais de elementos deteriorados polo paso do tempo ou humidades. Estas tarefas, que prevén adxudicarse en próximos días, acometeranse durante Semana Santa se é posible e se non ao termo do curso. O titular de Educación avanzou ademais que o alumnado do ciclo de Automoción disporá dun vehículo despiezado -froito da colaboración da consellería con PSA Peugeot Citroën- para que o alumnado poida realizar prácticas.
Román Rodríguez quixo coñecer de primeira man as demandas dos centros e visitou durante a mañá, ademais dos dous citados, o instituto Ramón Aller, o centro Plurilingüe Sacro Corazón, Manuel Rivero, Vicente Arias (Vilatuxe), Joaquín Loriga (Prado), Varela Buxán (Cercio) e a unitaria de Donramiro. "Interésanos ver como está Lalín como exemplo do que é o ensino en Galicia, pois temos centros rurais, institutos, unha escola unitaria, bacharelato de adultos, de idiomas ou un centro universitario da UNED". Rodríguez pediu aos centros "que se sumasen aos programas de mellora da calidade educativa: os proxectos Abalar, o de pluriligüismo e aos de mellora de lectura de bibliotecas". Dixo que estas apostas son claves para o futuro dos estudantes e remarcou que en Lalín existen cursan estudos 2.628 alumnos na etapa preuniversitaria, ademais doutro medio milleiro de inscritos no bacharelato de adultos ou na Escola Oficial de Idiomas (EOI). Dos dous institutos destacou as boas dotacións de material tecnolóxico. Ambos os institutos contan con 6 aulas do programa Abalar en cada caso e 300 computadores, ademais de tecnoloxía aplicada ao ensino diario nas aulas.
 

Superadas as 137.000 firmas en contra do 3 +2

En tan só unhas semanas dende o anuncio dos últimos plans do Ministerio de Educación para rematar coa Universidade Pública co famoso decreto 3 +2, a resposta social de rexeitamento contra esta medida foi tremenda. A iniciativa de recollida de firmas en change.org que dende o Sindicato de Estudantes lanzamos contra este decreto conseguiu unha resposta rotunda. Xa superamos as 137.000 firmas contra o 3 +2, grazas ao apoio dos miles de mozos, profesores, pais e traballadores en xeral que quixeron deixar clara a súa total oposición a un ataque deste calado que quere expulsar da Universidade Pública a centos de miles de mozos.

A adhesión masiva de decenas de miles de persoas é un reflexo da profunda indignación que as medidas de Wert e do goberno do PP están a provocar. Por iso, hai que continuar con máis forza aínda esta campaña. A seguinte cita será nas rúas e na mobilización.

Asina a petición contra o 3 +2 de Change.org e axúdanos a difundila!

A oposición rexeita a Relixión católica nas aulas

A maioría dos partidos piden revisar os acordos coa Igrexa que permiten aos bispos deseñar o temario.

"Deus apareceu de novo no BOE". A deputada Caridade García Álvarez (IU) resumía este luns con esta frase o balbordo que provocou o novo currículo de Relixión católica, aprobado a semana pasada. A materia, que se imparte como optativa nos centros públicos e cuxa nota conta para a media do expediente e para obter unha bolsa, inclúe frases como "a incapacidade da persoa para alcanzar por si mesma a felicidade". En bacharelato, avalía cuestións como que os alumnos recoñezan "con asombro" a orixe divina do cosmos.
Podemos non quere o Concordato
e Ciudadanos aínda debe decidilo
Os distintos partidos da oposición -tanto os presentes no Parlamento coma os que as enquisas sitúan alí tras as próximas eleccións- rexeitan os novos contidos e defenden que a materia saia dos centros públicos ou se converta nunha materia máis xenérica, como Historia das Relixións.
Na maioría dos casos piden ademais que se revisen os acordos do Estado co Vaticano (1979), permiten aos bispos que deseñar o contido da materia e elixir os profesores que a impartirán, cuxos soldos paga o Estado.

Acordo vaticano

  • Os acordos coa Santa Sé, asinados en 1979, sinalan que se "incluirán o ensino da Relixión católica en todos os centros de educación, en condicións equiparables ás demais disciplinas fundamentais. Por respecto á liberdade de conciencia, o devandito ensino non terá carácter obrigatorio para os alumnos. Garántese, non obstante, o dereito a recibila".
  • Outro artigo contempla que "o ensino relixioso será impartido polas persoas que, para cada ano escolar, sexan designadas pola autoridade académica entre aquelas que o Ordinario diocesano propoña" e que é a xerarquía eclesiástica á que "corresponde sinalar os contidos do ensino e formación de Relixiosa católica".
Hai partidos de todas as tendencias entre os que reclaman unha revisión (PSOE, Podemos; UPyD ou IU, que opta por derrogalos). Ciudadanos asegura que aínda debe acordar unha postura sobre o tema no partido, e CiU e PNV non o aclaran. Os nacionalistas vascos non o ven prioritario pero tampouco se mostran "pechados a revisalo, segundo un voceiro.
"Non" se pode poñer "Relixión ao nivel de Matemáticas, Lingua ou Inglés", defende o deputado Mario Bedera (PSOE). O anterior currículo, de 2007, aprobouse e publicou no BOE baixo Goberno socialista. Bedera defende a revisión duns acordos "anacrónicos" co Vaticano, como anunciou reiteradamente o seu partido dende 2011, pero cuxo contido non trataron cando eran Goberno. "Aínda que había unha clara manifestación na militancia de por onde debiamos ir, púidonos máis esa lealdade institucional. Non queriamos romper unha liña que agora o PP fixo saltar polos aires", di o socialista. Bedera coincide con Carlos Carrizosa (deputado autonómico de Ciudadanos), que considera que, co novo temario, "o PP vai máis alá do que reclaman os acordos".
"Como moito debería ser unha materia extraescolar en centros concertados", defende o deputado Carlos Martínez Gorriarán (UPyD). E engade: "A Igrexa católica merece un trato que recoñeza toda a súa relevancia en España, pero non un trato de Estado a Estado".
Podemos se suma aos que piden cambiar a materia por unha de carácter histórico e pide unha escola pública "limpa de adoutrinamento relixioso e de calquera dogma", segundo Sandra Mínguez, responsable de Educación do Consello Cidadán Estatal do partido de Pablo Iglesias. A revisión dos acordos, no seu caso, sería para que os temarios "os elaboren axentes especializados, como profesores, inspectores e asociacións de pais e de alumnos,".
O PNV afirma que se trata cando menos,
dunha cacicada"
Entre os nacionalistas, hai un rexeitamento claro á materia tal como está formulada agora pero non ao acordo de fondo. "Pretender impoñer o pensamento relixioso do catolicismo é cando menos unha cacicada nun Estado que recolle a liberdade de culto", segundo Isabel Sánchez Robles (PNV).
A posición de CiU causa certa tensión entre os dous partidos que conforman a coalición, Convergència e os democristiáns de Unió. Piden revisar a relación coa Igrexa, pero coa boca pequena. "Hai un cambio social da concepción da Igrexa, que se nota ata no Papa", defende o deputado Martí Barberà (CiU). Considera que Educación creou "un problema onde non o había" ao retirar Educación para a Cidadanía, de carácter obrigatorio, e introducir no seu lugar Valores Sociais e Cívicos como optativa fronte á Relixión. O seu partido votou ata agora en contra de mocións que buscan modificar os termos do Concordato, aínda que a conselleira catalá de Educación, Irene Rigau, instou os bispos cataláns a posicionarse en contra do currículo.

O BOE coa o creacionismo no noso sistema educativo

No B.O.E. do 24 de febreiro, e mentres todos andabamos pendentes do que acontecía na pantalla do iPad de Celia Villalobos, o Goberno publicaba dúas Resolucións (1849 e 1850) da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, polas que se publica o currículo do ensino de Relixión Católica de Bacharelato.

Trátase dun acordo entre o Estado español e a Santa Sé sobre Ensino que deixa en mans da Xerarquía Eclesiástica deseñar os contidos do devandito ensino no noso sistema educativo dende Primaria ata o Bacharelato.

"á Xerarquía eclesiástica correspóndelle sinalar os contidos do devandito ensino... [...] será de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para os alumnos e alumnas"
"Á Xerarquía eclesiástica correspóndelle sinalar os contidos de dita ensino & hellip; [...] será de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para os alumnos e alumnas"
A miúdo encóntrome a xente que cree que España é un Estado laico e bota as mans á cabeza cada vez que acontece unha inxerencia deste tipo. Non obstante, temos que afrontar a realidade publicada na nosa Constitución: España non é un Estado laico, é un Estado aconfesional (que non é o mesmo).
Nun Estado laico a separación sería tallante e sería imposible que acontecesen influencias oficiais deste tipo, non obstante o artigo 16 da nosa Constitución, tras proclamar altivo que en España temos liberdade relixiosa e que ninguén será queimado por herexe como en tempos pasados, engade un punto número 3 onde aínda que aclara que o Estado non ten unha confesión relixiosa oficial, engade unha trasnoitada e innecesaria coletilla… ben, confesionais si que somos un pouco xa que a Igrexa Católica ten enchufe.
Esa pequena e breve frase do final do artigo 16.3 da CE é a base fundamental para que a Igrexa Católica -apostólica e romana que se adoitaba engadir en tempos do xeneralísimo- e por enriba doutras confesións relixiosas, teña privilexios e manga ancha para esta e outros atropelos á razón nos que non entraremos hoxe.
As resolucións establecen, como vén sendo habitual, a voluntariedade (faltaría máis) da materia de relixión [católica maioritariamente] para os alumnos pero a obrigatoriedade para os centros docentes de ofrecela a quen a pida. Un choio que para si quixesen outras ducias de relixións.
Unha vez que a Igrexa ten o control total do que se imparte e de como se avalía o alumno nesa materia, o resto é puro esperpento e volta a séculos pasados. As afirmacións surrealistas vanse sucedendo unha tras outra (anímovos -se tedes estómago e o cerebro aínda medio durmido estas horas- a que leades as resolucións publicadas no BOE).
Aínda así, e entrando este tipo de accións dentro do que cabe esperar dun goberno de dereitas e católico con decisión, o máis preocupante de todo é o creacionismo que zumega todo o texto e que, ao cabo será a base pola que se examine e puntue ao alumno.
Eu mesmo recoñezo que de pequeno tiven materia de relixión, e por suposto non me escandalizo porque nesa materia se ofreza ao alumno a resposta á creación do Universo por un Deus (o cristián) omnipotente, omnipresente e omnivoro… perdón, omnisapiente. O que xamais, e mira que dei relixión fai xa décadas, dixéronme é que nunca vou ser feliz por min mesmo.
Para aprobar esta materia o alumno debe recoñecer a súa propia incapacidade para ser feliz por si mesmo
Para aprobar esta materia o alumno debe recoñecer a súa propia incapacidade para ser feliz por si mesmo
Todas e cada unha das páxinas deste Boletín Oficial do Estado (repito: Boletín Oficial do Estado) zumegan principios medievais polos catro costados… ata chegar ao creacionismo máis absurdo, incluíndo -de xeito totalmente inxustificado-, unha especificación fundamental: Á hora de ser avaliado o alumno deberá recoñecer o creacionismo e o que é máis insólito: negar calquera outra realidade, dato, evidencia ou teoría.
boe
A resolución 1850 pasa a converterse nunha das leis máis retrógradas dos últimos & hellip; séculos, poñendo o alumno na tesitura de, para aprobar relixión ter que suspender en ciencias…
PD: Por certo, Funfrok pásame tamén a Resolución referente á relixión islámica e resto de confesións, aprobada en novembro 2014, por se tamén queredes seguir co festival de materia escolar relixiosa.