xoves, 15 de decembro de 2016

Un Campus pegado á Terra

Lugo é un exemplo de titulacións e investigación que traballan co tecido económico e social do país

Os campus universitarios de Galicia fan marca propia e especialízanse. Se Ferrol é o Campus Industria, Ourense promove o Campus Auga. Vigo aposta polo Campus do Mar, mentres Santiago consolida o Campus Vida. Pero, de entre todos, o máis achegado ao seu territorio é, sen dúbida, o Campus Terra da USC, que en Lugo forma e investiga en estreita relación co tecido social e económico da súa contorna.

SOGAMA lanza xogo en liña para difundir as vantaxes da compostaxe nos estudantes

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) vén de pór en marcha un xogo en liña dirixido ao alumnado de Secundaria que ten como finalidade divulgar as vantaxes de facer compostaxe na casa. Ou sexa, de aproveitar os refugallos orgánicos (tonas de froita e verdura, hortalizas, casca de ovo, sobras do café e das infusións, faragullas de pan e varreduras) para faceren fertilizante. A actividade, que se denomina Compostaxe doméstica. Experiencia Stop Motion, achega por unha banda explicacións sobre como facermos compost e que vantaxes ten e, pola outra, recursos prácticos para divulgalas.
O obxectivo é “que os alumnos constrúan unha historia que pode ser descargada en forma de vídeo a partir dos recursos que se poñen á súa disposición, tendo a opción de seleccionar os elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte da mesma”.
Ademais de ter a oportunidade de escoller a velocidade da película (6 ou 12 fotogramas por segundo) e a duración (10 ou 20 segundos), tamén poderán escoller a localización ou momento do día no que se desenvolverán os acontecementos, que se crean fotograma a fotograma. As personaxes e obxectos pódense mover dentro do escenario, cambiar de tamaño, rotar, distorsionar, etc.
O xogo, a disposición dos internautas na páxina www.compostaconsogama.gal e en www.sogama.es, funciona en dispositivos de sobremesa e portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).

O gasto en innovación tecnolóxica diminuíu un 1,2% en Galicia, ata os 461 millóns

O gasto en innovación tecnolóxica en Galicia no ano 2015 supuxo o 3,4% do total estatal, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O gasto en innovación tecnolóxica diminuíu un 1,2% en Galicia no ano 2015, ata os 461,17 millóns de euros, o que supón o 3,4% do total do gasto a nivel nacional, segundo os datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así mesmo, no período 2013-2015, Galicia contou cun 26,7% de empresas innovadoras de 10 ou máis asalariados, unha cifra lixeiramente inferior ao 28,5% da media estatal. Así, o 12,6% das empresas rexistraron innovacións tecnolóxicas, mentres que o 21,7% emprenderon innovacións non tecnolóxicas.
A nivel estatl, o gasto en innovación tecnolóxica alcanzou os 13.674 millóns de euros no ano 2015, o que supuxo un incremento do 5,5% respecto ao ano anterior. Esta cifra representou o 1,7% da cifra de negocios das empresas de 10 ou máis asalariados con gasto en innovación tecnolóxica.
Entre as actividades para a innovación destacaron as de I+D interna (que representaron o 48,4% do total do gasto en actividades para a innovación tecnolóxica), as de Adquisición de maquinaria, equipos, hardware ou software avanzados (19,8% do total) e as de I+D externa (17,2%).
Por sectores, o gasto aumentou un 8,3% nos servizos e un 3,4% na industria no ano 2015. Pola contra, diminuíu un 13,4% na construción e un 8,5% na agricultura. Por ramas de actividade, as empresas de servizos de I+D representaron a maior porcentaxe do total do gasto en innovación tecnolóxica (cun 13,0%), seguidas polas empresas de vehículos de motor (10,0%) e as de actividades financeiras e de seguros (9,6%).
COMUNIDADES
En canto ás comunidades autónomas, as que tiveron maior gasto foron a Comunidade de Madrid (38,0% do total nacional), Cataluña (24,3%) e País Vasco (9,5%). Pola contra, caeu deforma significativa en Extremadura, Castilla e León, Aragón, Ceuta e Melilla.
O 28,5% das empresas españolas de 10 ou máis asalariados foron innovadoras no período 2013-2015 tendo en conta tanto as innovacións tecnolóxicas (de produto ou proceso), como as non tecnolóxicas (organizativas ou de comercialización). Por áreas de actividade, as que tiveron maior porcentaxe de empresas innovadoras no sector industria foron as industrias do petróleo (co 87,5%), farmacia (79,5%) e construción aeronáutica e espacial (68,4%).
No sector servizos destacaron as ramas de servizos de I+D (co 82,2% de empresas innovadoras), programación, consultoría e outras actividades informáticas (57,1%) e telecomunicacións (53,5%).
Respecto ás innovacións tecnolóxicas, o 12,8% das empresas españolas de 10 ou máis asalariados foron innovadoras de produto ou proceso no período 2013-2015. Pola súa banda, as empresas con innovacións tecnolóxicas ou con innovacións tecnolóxicas en curso ou non exitosas (EIN) representaron o 14,9%.
INNOVACIÓN DE PRODUTO
A innovación de produto no período 2013-2015 representou o 35,4% das vendas das empresas innovadoras de produto en 2015. Esta porcentaxe analízase no 16,8% considerando os produtos que representaron unha novidade para o mercado e o 18,5% se se consideran os produtos que unicamente foron novidade para a empresa.
Pola súa banda, a cifra de negocios debida a produtos sen alterar ou lixeiramente modificados significou o 64,6% do total da cifra de negocios das empresas innovadoras de produto.
As ramas con maior porcentaxe de empresas innovadoras tecnoloxicamente no sector industrial foron industrias do petróleo (co 87,5%), farmacia (67,0%) e outro equipo de transporte (58,4%). Nos servizos, destacaron as áreas de servizos de I+D (67,9% de empresas tecnoloxicamente innovadoras), programación, consultoría e outras actividades informáticas (41,1%) e telecomunicacións (38,4%).
As comunidades autónomas que presentaron maiores porcentaxes de empresas con innovacións tecnolóxicas durante o período 2013-2015 foron País Vasco (un 20,1% das súas empresas introduciron innovacións tecnolóxicas no devandito período), La Rioja e Comunidade Foral de Navarra (ambas as dúas cun 16,6%).

Galicia perde 7.000 habitantes en seis meses tras caer os nacementos un 1,2%

A tendencia segue como estaba e só unha lixeira redución no número de falecementos consegue amortecela un chisco. Galicia perdeu case 7.000 habitantes entre xaneiro e xuño deste ano pola vía do movemento natural da poboación, isto é, pola diferenza entre nacementos e mortes. Segundo os datos provisionais do INE para o primeiro semestre de 2016 nese período naceron en Galicia 9.398 persoas, un 1,2% menos que no mesmo treito do ano anterior, e morreron algo máis de 16.300, unhas 700 menos que en 2015.
A combinación de ambos factores dá lugar a un saldo vexetativo de -6.951 persoas, lixeiramente menos negativo que o do mesmo período de 2015 (-7.511, segundo os datos definitivos dese ano) pero na liña dos rexistros de 2014, 2013 ou 2012. Estes datos van na liña dos xa avanzados polo Instituto Galego de Estatística para o primeiro trimestre do ano e rexístranse despois dun ano, 2015, no que a fenda entre nacementos e mortes foi no país a maior da serie histórica.

O devalo demográfico unido ao feito de que, cando menos polo momento, os datos de inmigración non compensan o baixo número de nacementos nin ás emigracións, debuxa un complexo panorama que dende o Goberno galego se deu en afrontar nos últimos tempos a través do seu Plan de Apoio á Natalidade (PAN). Entre as medidas máis publicitadas deste plan, aínda en desenvolvemento, figura o 'cheque bebé' da Tarxeta Benvida -unha tarxeta de 100 euros mensuais durante un ano- ou a alcumada como 'caixa finlandesa', o paquete de agasallos que Xunta e PP deron en equiparar aos amplos apoios á crianza que proporciona o Estado nese país nórdico. A estas medidas engádense outras como as "casas niño" -un programa semellante ao desaparecido Preescolar na Casa- que, di a Xunta, fan de Galicia "o mellor lugar para ser neno".

Os concellos que rachan coa tendencia

Á espera de coñecer os datos definitivos de 2016, a intensa crise demográfica de Galicia segue a amosar unhas poucas illas, apenas unha quincena de concellos nos que nace máis xente da que morre. O pasado ano eses municipios con crecemento vexetativo positivo foron tres no sur de Pontevedra (Gondomar, O Porriño e Salvaterra), tres na zona leste desa provincia (Soutomaior e Poio) e un máis ao norte, Pontecesures. Na Coruña destacan tres municipios da área metropolitana da capital da provincia (Arteixo, Culleredo e Oleiros), así como Narón e, á beira de Santiago, Ames e Ordes. Na Mariña lucense Burela resistiu co seu crecemento vexetativo e nesa ocasión o concello con menos poboación do país, Negueira de Muñiz, abandonou os números vermellos ao nacer tres persoas e morrer dúas.

"As formas rurais de estar no mundo foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso"

Os investigadores Fran Quiroga (Paderne, 1982) e Andrea Olmedo (Chantada, 1986) traballan dende hai meses no proxecto Ruraldecolonizado, co-producido polo Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (MUSAC) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Buscan visibilizar e poñer en valor as prácticas e relatos xerados no medio rural e propoñen un reencontro con esas comunidades, relacións coa natureza, afectos, cosmovisións e procesos de resistencia que ocorren nos espazos non urbanos. Queren, así mesmo, reflexionar como o medio rural sufriu un proceso de colonialidade ao redor dos seus saberes, e interésanse particularmente por atopar lugares nos que se evidencie un diálogo non-hexemónico entre o rural e o urbano.
Queren reflexionar como o medio rural sufriu un proceso de colonialidade ao redor dos seus saberes, e interésanse particularmente por atopar lugares nos que se evidencie un diálogo non-hexemónico entre o rural e o urbano
En xaneiro poñerán en común parte dos coñecementos xa adquiridos na súa investigación a través dunhas xornadas (inscrición aquí) que se desenvolverán en Compostela (día 13) e León (14). As xornadas seguirán unha metodoloxía semellante á que levan desenvolvendo nos últimos meses Quiroga e Olmedo: conversas camiñadas que no caso compostelán comezarán no CGAC para ir despois ás hortas de Belvís e ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, para rematar no Matadoiro. En León partirán do MUSAC, pasando despois pola Fundación Sierra Pambley, o espazo de autoxestión Ateneo Varillas e rematando na Praza do Grano. "Queríamos fuxir dunha simple presentación de coñecementos ou de conclusións, e xogamos coa idea desas conversas camiñadas como metodoloxía, facendo un convite ao diálogo. A propia teoría decolonial di que temos que establecer convites ao diálogo, superando os esquemas nos que un experto establece unha sentencia e senta cátedra", explica Fran Quiroga.
Nos últimos meses os dous investigadores pasaron varias semanas visitando a zona sur de Ourense, a rexión portuguesa de Trás-Os-Montes e La Sobarriba, en León
Nos últimos meses os dous investigadores pasaron varias semanas visitando a zona sur de Ourense, a rexión portuguesa de Trás-Os-Montes e La Sobarriba, en León. "Como metodoloxía creo que a conversa camiñada é moi interesante. Vén desa idea do andar preguntando dos zapatistas e das derivas dos situacionistas do acto de andar. Creo que tamén serve para ir máis aló desa posición neutra que adoita tomar o saber académico e parte da arte contemporánea, que parte case sempre dun cuestionario previo. Queremos rachar con esa barreira que se abre entre investigador e investigado e tecer un lugar de encontro", di Quiroga, que engade que "tentamos que fose o menos invasivo posible e evitar ao máximo a posible artificialidade".
"As formas de estar no mundo do rural foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso. Esa idea desarrollista entendeu eses saberes e prácticas como atraso"
Na súa investigación, que se compón de vídeos, textos e audios, Quiroga e Olmedo pregúntanse se as formas de vida en territorios non urbanos foron marxinalizadas polos centros de poder en favor da súa visión hexemónica, e interésanse polas relacións entre os ciclos da natureza e os ciclos humanos, as relacións de confianza e as prácticas comunitarias que se dan no rural. "As formas de estar no mundo do rural foron subalternizadas ao que se entendeu como progreso. Esa idea desarrollista entendeu eses saberes e prácticas como atraso", explica Quiroga.
De que prácticas e exemplos do medio rural pode beneficiarse o mundo urbano? "Creo que o mundo rural se caracteriza por unha maior diversidade de saberes, que racha coas visións máis uniformizadoras, universalizantes e homoxeneizantes. Esa diversidade epistémica enriquecería o mundo urbano", di Fran Quiroga, que tamén destaca as características máis ecoloxicamente sustentables dos hábitos tradicionais no mundo rural, dos seus tempos máis lentos e acompasados cos ciclos da natureza. De igual xeito, salienta os espazos e prácticas comunitarias que aínda perviven no mundo rural, coma as comunidades de montes galegas ou os baldíos portugueses, que dotan que máis autonomía aos seus habitantes ante o poder público ou privado.
"Somos investigadores, vimos de onde vimos, temos unha mochila. Andrea vive en Barcelona e eu en Compostela, pero somos de Chantada e de Paderne, con vínculos rurais nas nosas praxes e partimos da nosa situación, dos nosos coñecementos situados"
Existe o risco de que a investigación caia nos mesmas prácticas negativas que critica: a colonialidade do rural dende o mundo urbano, ou a tentación da ollada antropolóxica do investigador sobre o bo salvaxe? "Iso sempre está aí, e hai que vivir con ese conflito. É unha preocupación que sempre temos en mente e que tentamos evitar levando a cabo unha certa desaprendizaxe", recoñece Fran Quiroga, que explica que "co propio método das conversas camiñadas tentamos rachar con esa división xerárquica de investigador e investigado. Pero isto non elimina ese risco, que sempre vai estar aí. Hai que asumilo". "A teoría decolonial pon en valor a existencia dun suxeito enunciador. Nós si que nos situamos: somos investigadores, vimos de onde vimos, temos unha mochila. Andrea vive en Barcelona e eu en Compostela, pero somos de Chantada e de Paderne, con vínculos rurais nas nosas praxes e partimos da nosa situación, dos nosos coñecementos situados", engade.
O proxecto será convertido nunha instalación artística, cun repositorio web e tamén unha publicación en papel. "Gustaríanos que o resultado transitase tanto por museos de creación contemporánea coma por outros espazos, como asociacións e centros sociais, igualando estes outros espazos ante esa lexitimidade que teñen os museos ou a universidade", conclúe Fran Quiroga.

Um seminário sobre o Acordo Ortográfico, a Galiza e a língua portuguesa

Organizado pela Academia Galega da Língua Portuguesa, o seminário, ‘Galiza, Língua Portuguesa e Acordo Ortográfico’, decorrerá na terça-feira 20 de dezembro de 2016, dando início às 16.30h, na Casa da Língua Comum (Compostela)

A Casa da Língua Comum en Compostela acolhe a próxima terça-feira, 20 de dezembro, um seminário sobre o Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa para dar a conhecer à comunidade académica e ao público em geral “aspectos pouco conhecidos e divulgados do Acordo, em que participou uma Delegação de Observadores da Galiza (1986 no Rio de Janeiro, e 1990 em Lisboa)”, e poder contribuir, deste modo, “a compreender algumas das polémicas produzidas durante a sua aplicação”.
O seminário, ‘Galiza, Língua Portuguesa e Acordo Ortográfico’, dará começo às 16.30h (entrada livre), e contará com a intervenção de “várias personalidades que participaram na organização e realização das reuniões conducentes ao Acordo de 1990”. Conformam este elenco “os professores Malaca Casteleiro e Fernando Cristóvão, da Academia das Ciências de Lisboa, e Isaac Estraviz e António Gil, da Academia Galega da Língua Portuguesa”.
A estes académicos “juntam-se o professor Rolf Kemmler, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Renato Epifânio, do Movimento Internacional Lusófono, e Ângelo Cristóvão e Joám Trilho, da Academia Galega da Língua Portuguesa”.
Através deste seminário a organização pretende também “divulgar aspectos significativos do relacionamento cultural luso-galaico, pôr em valor o papel histórico da Comissão Galega do Acordo Ortográfico e do seu presidente, José Luís Fontenla Rodrigues, nos Acordos Ortográficos de 1986 e 1990, bem como dar conhecimento do conteúdo da Doação Fontenla, património da cultura galega depositado na Fundação AGLP”.
Programa do Seminário ‘Galiza, Língua Portuguesa e Acordo Ortográfico’
PAINEL 1. Moderadora: Concha Rousia
16.30 João Malaca Casteleiro: «Coerência e irreversibilidade do Acordo Ortográfico de 1990 e a longa travessia da sua implantação»
16.50 Fernando Alves Cristóvão: «O contexto do Acordo Ortográfico em 1986»
17.10 Isaac Alonso Estraviz e António Gil Hernández: «A Delegação de Observadores da Galiza em 1986 (Rio de Janeiro) e 1990 (Lisboa)»
17.30 Debate
18.00 Pausa para café
PAINEL 2. Moderador: Joám Evans Pim
18.30 Rolf Kemmler: «A utopia de um aperfeiçoamento do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa (1990)»
18.50 Renato Epifânio: «O MIL, a Lusofonia e a Galiza | Apresentação da NOVA ÁGUIA 18»
19.10 Ângelo Cristóvão e Joám Trilho: «A Doação Fontenla e a Comissão Galega da Língua Portuguesa»
19.30 Debate
20.00 Encerramento do Seminário

Rexeitan perante Educación a redución a mínimos do galego no ensino

CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse contra a redución do horario lectivo en galego na ESO provocado pola implantación da LOMCE. 

O 'decretazo', decreto de plurilingüismo, introudcñia unha redución da presenza do galego no ensino que vén de sofrer unha nova volta de porca da man das modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO coa Lomce. O resultado: o galego, en mínimos. Esta é a denuncia que esta cuarta feira realizaron CIG-Ensino e A Mesa cunha concentración perante a Consellería de Educación. Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, explicou como as modificación introducidas na carga lectiva en materias da ESO incrementan a discriminación do galego respecto a xa contemplada no Decreto do Plurilingüismo pensado “para erradicar o galego como lingua vehicular no ensino”.
Así, o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e  21 se cursa ensinanzas académicas. Trece horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas. Os datos poñen de manifesto, segundo explicou Louzao, que estamos ante unha nova actuación de “agresión brutal e inasumible” cara o noso idioma por parte do Goberno galego.
O presidente da Mesa , Marcos Maceira, insistiu en que o obxectivo da Xunta é converter o galego nun “elemento accesorio”, “decorativo”, “prescindíbel”. Na actualidade, segundo os datos achegados pola CIG-Ensino, o uso do galego no ensino non chega ao 15%.

martes, 13 de decembro de 2016

A Xunta avanza unha oferta pública de emprego en ensino para 2017 "similar" á deste ano

A oposición afea que a suba do presuposto de Educación e Cultura "só" se corresponda coa recuperación do soldo do profesorado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu na Cámara galega para presentar os presupostos da súa carteira para 2017, que crecen "un 2,85 por cento" respecto aos do pasado ano ata alcanzar os 2.315,4 millóns de euros.
Este luns, o titular de Cultura e Educación defendeu as contas para o próximo ano da carteira que dirixe na Comisión 3ª do Parlamento galego. Alí, Rodríguez avanzou que os devanditos presupostos inclúen "a previsión dunha Oferta de Emprego Público en infantil, primaria e secundaria" en termos "similares aos do pasado ano".
A convocatoria e o número de prazas destinadas a esta actuación estarán determinadas pola taxa de reposición que se fixe dende o Goberno central, aínda que a Xunta expresou o seu "compromiso" de que se produza "nos termos máis amplos posibles".
O aumento de case un 3 por cento no presuposto da carteira que dirixe Román Rodríguez céntrase, como indicou o propio conselleiro, nas "persoas", xa que ese incremento se corresponde á "recuperación do salario" e programas "de formación" do profesorado, así como á atención das "necesidades específicas de atención educativa do alumnado".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Non obstante, a oposición criticou que a devandita suba "só" se corresponde coa recuperación do soldo dos profesores ao mesmo nivel que, como recordou a deputada do BNG Olalla Rodil, crece tamén "o salario de Feijóo e o seu goberno".
Rodil resaltou que, malia que as contas deste departamento subiran en 2016 e 2017, "non se recupera o perdido" nos últimos anos". Segundo a nacionalista, estas "navalladas" alcanzaron "os 159.000 millóns de euros", para logo censurar que se manteñan as mesmas axudas tanto á Cidade da Cultura como á Fundación Camilo José Cela mentres "desaparecen" as destinadas ao audiovisual.
Os representantes de En Marea, PSdeG e Bloque coincidiron en afear a actitude da Xunta, que cualifica os presuposto de "expansivos" cando o PP "recortou" dende o ano 2009 "un 64,7 por cento" as contas de Cultura e Educación. "Hoxe celebran subir un 2,87 por cento", apostilou a deputada de En Marea Luca Chao.
Pola súa banda, a parlamentaria socialista Concepción Burgo acusou de "decepcionantes" e "un exercicio de propaganda" as contas anunciadas por Rodríguez que, malia o anuncio da intención de convocar unha oferta pública de emprego, non resolve "a carencia de profesores brutal" existente en Galicia, que cifrou en 1.000 prazas.
Outros dos puntos coincidentes entre os grupos da posición foron as críticas cara ao mantemento das partidas destinadas á política de normalización lingüística ou a Cidade da Cultura, no primeiro caso por "manter o recorte" e no segundo porque permanece "intacto" o presuposto dun "elefante branco" que absorve "o 40 por cento" do total das contas da Consellería.
Pola súa banda, o deputado popular César Manuel Fernández Gil ha acusado á oposición de "pintar unha realidade diferente da que a cidadanía percibe" e valorou positivamente a política lingüística desenvolvida pola Xunta, que cree refrendenda no dato do grao de coñecemento da lingua galega na poboación "o máis elevado da serie histórica".
INFORME PISA
Román Rodríguez cre que a xestión do PP á fronte de Educación vese referendada polos "bos" datos do Informe PISA -publicado a pasada semana- , que sinalan que o sistema educativo galego "é o máis equitativo" dos países analizados, xa que garante "a igualdade de oportunidades".
Na súa quenda de réplica á oposición, Rodríguez negou as acusacións de "repartición arbitraria" ou "sectarismo" na concesión de axudas culturais dende a Administración galega, ao tempo que acusou ao BNG de estar obsesionado co "decreto do galego" e de "patrimonializar" a lingua, "que é de todos", remarcou.
Así, o conselleiro defendeu a "recuperación progresiva" do presuposto da súa carteira, que o pasado ano aumentou "un cinco por cento" e que, grazas ao incremento deste ano, permitirán poñer a Galicia nunha "senda que vai posibilitar que esa recuperación sexa factible".
OUTRAS PARTIDAS
O conselleiro, que estivo acompañado na súa comparecencia por boa parte do gabinete do seu Consellería, tamén expuxo outras actuacións que recollen os presupostos de Educación en materia de infraestrucutras.
En total, as costas de Cultura recollen unha partida de 27,6 millóns de euros para desenvolver obras en preto de dez centros educativos, os "gasto de funcionamento" das unidades de ensino e "servizos complementarios" como o transporte ou o comedor escolar, que aumenta un un por cento respecto a 2016.
En canto a Patrimonio, a contía presupostada chega aos 13 millóns de euros para o financiamento de "obras de conservación e restauración" nas catedrais de Ourense e Mondoñedo (Lugo), os mosteiros de Sobrado dous Monxes, Oseira ou a muralla de Lugo, entre outros.

Concurso: PGL sorteia #livrosporgosto

Entre os gostos recebidos a uma fotografia no Facebook

O Portal Galego da Língua, com a colaboração do seu correspondente brasileiro e da editora Kapulana, sorteia #livrosporgosto: três exemplares da obra O caso de Pedro e Inês, de Francisco Maciel Silveira. As pessoas ganhadoras receberão os livros, sem custo nenhum, no endereço físico que indicarem ao Portal.
o-caso-de-pedro-e-ines-livrosPara participar, basta «gostar» da página do PGL no Facebook e, a seguir, gostar de uma determinada fotografia lá publicada. As votações ficam abertas até 19 de dezembro, momento no qual a equipa do PGL fará um sorteio para designar as três pessoas ganhadoras, com as quais contatará, precisamente, através da página do Facebook para coordenar o envio dos livros.

O livro

No Brasil, a expressão «agora Inês é morta» é bem popular para expressar «agora é tarde» ou «não tem mais solução». O que poucos sabem é como surgiu essa expressão, trazida pelos portugueses durante a colonização do Brasil.
Para as novas gerações, a triste história de Inês de Castro ou mesmo os versos de Camões, são tão distantes da realidade como desconhecidos da maioria dos alunos brasileiros. Com objetivo de reverter essa situação e aproximar os mais jovens dos clássicos da Literatura e História, o professor de Literatura Portuguesa da Universidade de São Paulo Francisco Maciel Silveira publicou na Editora Kapulana o livro O Caso de Pedro e Inês – Ines(quecível) até o fim do mundo, em formato de cordel.
Para contar a história de Pedro e Inês, Maciel chamou o ilustrador Dan Arsky e juntos criaram um envolvente livreto de cordel, mas com a estrutura da epopeia clássica, dividida em Invocação (para prender a atenção do leitor), Argumento (convencimento do leitor), Narração e Moral da história.

Agradecimentos

Do PGL agradecemos a gentileza da editora Kapulana por nos ter cedido os três exemplares do presente concurso, que aguardamos sejam do agrado das pessoas afortunadas.

O BNG súmase á petición para que se equiparen as horas lectivas en galego e castelán na ESO

O BNG sumouse á petición efectuada este luns pola CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística á valedora do Pobo, Milagros Otero, para que inste á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a equiparar as horas lectivas en galego e en español durante a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

O BNG sumouse á petición efectuada este luns pola CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística á valedora do Pobo, Milagros Otero, para que inste á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a equiparar as horas lectivas en galego e en español durante a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Con este obxectivo, segundo explicou a formación nacionalista nun comunicado, presentarán diversas iniciativas na Cámara autonómica orientadas a evitar a discriminación do galego no ensino secundario, tanto nas materias aplicadas coma nas académicas.
Segundo os datos facilitados polo sindicato CIG, esta "discriminación" tradúcese en "23 horas menos", datos que para a parlamentaria nacionalista Olaia Rodil reflicten o intento do PPdeG de "implantar unha lexislación lesiva para o galego" a que se suma "o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística".
Por iso, demandou a derrogación do decreto 79/2010 que, conforme denunciou, "impide impartir en galego materias como matemáticas, tecnoloxía ou física e química" e esixiu á Xunta que cumpra co Plan de Normalización Lingüística.

A RAG clausurará en Vigo e A Coruña o ciclo dedicado ás Irmandades da Fala

A Real Academia Galega (RAG) clausurará en Vigo e A Coruña o ciclo dedicado ás Irmandades da Fala cunha mesa redonda o día 13 na cidade olívica sobre a poesía deste movemento e o día 20 outro encontro sobre narrativa na cidade herculina, segundo informa a institución académica.

A Real Academia Galega (RAG) clausurará en Vigo e A Coruña o ciclo dedicado ás Irmandades da Fala cunha mesa redonda o día 13 na cidade olívica sobre a poesía deste movemento e o día 20 outro encontro sobre narrativa na cidade herculina, segundo informa a institución académica.
En concreto, Vigo acollerá o martes un novo encontro do ciclo 'Non tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos', unha das iniciativas organizadas pola Real Academia Galega con motivo do centenario da fundación das Irmandades dá Fala.
O encontro contará coas achegas de Xosé Ramón Pena, Chus Nogueira e Miro Villar, que compartirán unha mesa de debate centrada na poesía das Irmandades, baixo o título 'Unha nova poética anovadora' e moderada polo académico Xosé Luís Axeitos.
O ciclo rematará o día 20 de decembro, na sede da RAG, coa xornada 'Novos vieiros para a narrativa', na que participarán Ramón Nicolás, Camiño Noia e Dolores Vilavedra e, como moderadora, a académica Fina Casalderrey.

A Lomce reduce ao mínimo a presenza no ensino do galego, minguada xa polo decreto

O decreto do plurilingüismo e agora a Lomce. O galego segue a perder presenza no ensino e as sucesivas normativas aplicables na educación non deixan de mingualo. Se ese polémico decreto 79/2010 xa limitou a un máximo o numero de materias a impartir en lingua propia e prohibiu expresamente a impartición en galego de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en Secundaria, a aplicación da denominada lei Wert supón aínda maiores atrancos para o idioma.
A aplicación da Lomce reduce aínda máis a presenza do galego en Secundaria: entre 18 e 21 horas semanais fronte a 31 en castelán
Así o veñen denunciando A Mesa pola Normalización Lingüística e CIG-Ensino, que este luns fixeron entrega dunha queixa dirixida á Valedora do Pobo na que se solicita que inste a Consellaría de Educación a asegurar "que en todos os cursos da ESO se garanta, como mínimo, o mesmo número de horas de ensino en galego que en español". Non só non se garantía xa antes en case ningún caso, senón que as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias fan imposible nin tan sequera ese mínimo.
"Non se cumpren nin os mínimos que marcaba o polémico decreto do plurilingüismo", denuncia A Mesa
"Non se cumpren nin os mínimos que marcaba o decreto do plurilingüismo que, dadas as circunstancias, pasou a ser unha opción de máximos cando o seu obxectivo xa era precario", ironiza Marcos Maceiras, presidente d'A Mesa, en conversa con Praza. O caso é que a normativa establecía as materias que se debían impartir en galego e en castelán na ESO, sendo un total nos catro cursos de 25 horas en español e 24 en lingua galega. Agora, o alumnado de Secundaria terá 31 horas en lingua castelá fronte a 18 en galego de cursaren ensinanzas aplicadas, e 21 con ensinanzas académicas.
En definitiva, 13 horas menos semanais de docencia en galego que en castelán no caso das ensinanzas aplicadas e dez menos no caso das académicas. "A Xunta ten agora a oportunidade de modificar o decreto e, se tivesen un mínimo de consideración faríano porque nin tan sequera están a cumprir o seu obxectivo", explica Maceiras. Ese era, como lembra, "equilibrar o uso das linguas e introducir o inglés". O equilibrio non existe e a discriminación segue a afectar o galego. Nin falar das recomendacións de reforzo positivo cara á lingua propia de numerosos organismos internacionais e expertos, da posición contraria das anpas ou dos sindicatos educativos ao decreto ou dos prexuízos que se instalaron contra o idioma propio.

Así, por exemplo en 2º da ESO o número de horas en castelán case multiplica por catro ás de galego, mentres que na rampa aplicada de 4º é de máis do dobre.
En 2º da ESO, o número de horas en castelán case multiplica por catro as que se imparten en galego
Por suposto, o actual decreto vixente xa ía contra as medidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado por unanimidade que prevé, como mínimo, unha oferta do 50% de ensino en galego para todos os ciclos educativos obrigatorios, así como ciclos formativos e Bacharelato.
Segundo denuncia CIG-Ensino, “nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega” na actualidade. "A imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría, minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”, censura o secretario xeral do sindicato, Anxo Louzao. Desde A Mesa, Marcos Maceiras advirte que "aínda que todas as materias que non se imparten en castelán fosen en galego, o seu peso non chegaría nunca nin ao 50%". "A intención de 'igualar' o ensino das linguas manifestada no decretazo é falsa”, insiste. Coa aplicación da Lomce, a situación é aínda peor.
CIG-Ensino denuncia que o número de horas impartidas en galego non chega nin ao 15%
E todo isto logo de que organismos como o Consello de Europa censurasen en varias ocasións a política lingüística da Xunta no ensino ao ratificar o incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais por parte da Administración. Así, o Comité de Expertos, hai agora case un ano, amosouse precisamente "preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio".
"Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", dicía o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insistiu nos reproches que xa amosara no ditame de 2012 e cuxas críticas foran en moitos casos desdeñadas pola Xunta. O rexeitamento ao decreto fixo tamén que fose levado aos tribunais e que a Real Academia Galega continuase dando a batalla xurídica denunciándoo ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
O Consello de Europa xa denunciara a "redución gradual da presenza do galego no ensino medio"

Mobilizacións

O caso é que no verán de 2015, nunha imaxe inédita, todos os partidos galegos -incluído o PP- asinaron unha declaración impulsada pol'A Mesa na que se chama a impulsar a normalización do galego e a tomar como punto de partida os "acordos comúns e amplos" da Lei de Normalización Lingüística e tamén do PXNL. Nin unha  nin outro se cumpren e a aplicación da Lomce supón aínda un maior recorte ao ensino na lingua propia. “Se queren cumprir os acordos aos que se comprometeron teñen que facelo inmediatamente”, lembrou hoxe Maceiras.
Ante esta situación, e tras expresar a súa queixa á Valedora, A Mesa e a CIG xa anunciaron unha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellería de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, “por supor unha involución no marco xurídico e no uso do idioma” e a elaboración dunha nova norma que camiñe  cara á plena normalización lingüística no ensino.
Os últimos estudos estatísticos certifican o devalo constante do galego na mocidade e no ensino
Alén disto, A Mesa xa anunciou que aproveitará a súa presenza no Foro Europeo da Diversidade Lingüística que se celebra en Donosti esta mesma semana para "volver denunciar a discriminación que sofre o galego" diante de importantes organismos internacionais. Ademais, o BNG anunciou que se suma "ás demandas da comunidade educativa" e reclama "equiparar as horas lectivas en galego coas que se imparten en castelán" a través de varias iniciativas que defenderá no Parlamento e co obxectivo de "evitar a discriminación da lingua propia no ensino secundario".
Mentres, os últimos estudos estadísticos do IGE sobre o galego indican que tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. O galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos.
Ademais, e en canto ao galego no ensino, en 2008 o 14,3% dos e das estudantes afirmaban recibir "todas as clases" en galego, mentres que en 2013 esa porcentaxe xa caía ata o 2,15%, moi lonxe tamén dos datos de 2003 (8,32%). A categoría que máis creceu é a daqueles que recibiron "maioritariamente" a súa formación en castelán, que pasaron do 32,78% en 2008 ao 51,08% en 2013

Menos patentes e empresas innovadoras: A I+D+i galega, en crise

Os indicadores galegos relacionados coa I+D+i amosan dende hai anos cifran moi preocupantes, que revelan que -coincidindo coa crise económico- a innovación galega, tanto nas universidades e outros organismos públicos coma nas empresas privadas, freou en seco, comprometendo o seu desenvolvemento futuro e a capacidade de Galicia para competir. A situación é moi preocupante no capítulo de persoal, sobre todo nas institucións públicas: O persoal investigador público reduciuse un 20% en Galicia dende 2009. Pero tamén o é noutros ámbitos.
Por exemplo no das patentes e os modelos de utilidade, como destaca Diego Sande Veiga nun artigo de opinión publicado este luns en Praza. Despois de acadar un máximo no ano 2010 (194 patentes), o seu número descendeu nos catro anos seguintes, ata situarse nas 146 en 2014, dato semellante ao de 2006. O mesmo sucedeu cos modelos de utilidade (creacións técnicas que inciden na forma, estrutura ou constitución de produtos usuais e frecuentes que atribúen ao produto conformado unha maior utilidade da que tiña antes de impoñerlle esa forma nova), que tiveron o seu máximo no 2011 (194) para caer en 2014 ata os 91, inferior ao que se rexistraba unha década antes.

Outros indicadores amosan un panorama semellante. O número de empresas galegas con actividades innovadoras, en ascenso ata o 2008 (cando chegaron a ser 1.930), descendeu nos seis anos seguintes, ata ficar nas 973 de 2014. Os datos das empresas con innovacións en curso (EIN) e das empresas tecnoloxicamente innovadoras son semellantes. De igual xeito, a estatística relativa á intensidade de innovación (cociente entre o gasto en actividades innovadoras e a cifra de negocios) tamén segue unha traxectoria descendente, dende os 1,21 puntos de 2008 ata os 0,77 de 2014.
No seu artigo, Diego Sande Veiga salienta que "no período 2008-2014 e coincidindo coa crise a porcentaxe de investimento público en I+D caeu do 1,00% ao 0,87%", o que explicaría boa parte das tendencias apuntadas. Sande alerta de que no período 2014-2020 Galicia estará entre os territorios da UE que menos recursos percibirá para innovación, "precipitándose cara o baleiro ao repetir o erro procíclico anterior e impedindo o achegamento ás rexións máis desenvolvidas".
"Como se pretende reverter a precaria situación da innovación empresarial na nosa terra con estas políticas? Ou é que realmente xa non se pretende? Que acontece co necesario cambio estrutural que debemos afrontar para ofrecer a Galicia e aos seus cidadáns perspectivas de benestar e viabilidade económica futura a través de actividades que xeren maior valor engadido?", pregúntase, advertindo que o futuro da innovación empresarial non se pode deixar á vontade da "man invisible", e demandando unha política pública de apoio á I+D+i.

Piden á Valedora que inste a Xunta a garantir, no mínimo, o mesmo número de horas de ensino en galego que en español

CIG-Ensino e A Mesa entregaron unha queixa dirixida á Valedora. “Coa Lomce empeora a situación de discriminación e marxinación que xa provocou a aprobación do decretazo”.