venres, 25 de outubro de 2013

Paro absoluto, marchas masivas: Galiza, contra a LOMCE

A Plataforma galega en defensa do ensino público cifra o seguimento da folga nun 90% e considera que a xornada de loita supuxo "un 'non' rotundo contra a LOMCE". As 14 manifestacións convocadas pola plataforma galega foron, na Galiza, as máis multitudinarias deste 24 de Outubro. Xa no serán, miles de persoas voltaron a saír ás rúas, desta volta chamadas pola plataforma en que se organizan os sindicatos de ámbito estatal.

Máis de 65.000 persoas, nas marchas realizadas esta mañá, encheron as rúas das cidades e vilas galegas a prol dun ensino "público, democrático, laico, galego e de calidade". "Un 'non' rotundo contra a LOMCE". Foi a valoración que a Plataforma galega en defensa do ensino público fixo tomando en conta os dados de participación na folga xeral convocada para este 24 de Outubro. Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino e integrante do colectivo, augurou a media mañá un seguimento "que superará o 90%" rexistrado no paro realizado en maio.
O dado de participación foi xa confirmado: as aulas ficaron baleiras e as 14 manifestacións que este colectivo convocou noutros tantos pontos do País foron as máis masivas. En cifras, foron 65.000 as persoas que camiñaron baixo unha intensa chuvia en contra desta lei imposta polo Goberno español.
"A única saída que queda é a retirada desta lei e que se redacte un novo texto que realce realmente o ensino público, que non erradique as distintas culturas e que non vete a nosa lingua", enfatizou Louzao en declaracións realizadas á imprensa antes de arrincar a mobilización que en Compostela arrincou da praza do Toural e que foi multitudinaria.

Volver á educación especial?

"Cando eu era pequena na miña escola había o edificio onde iamos todos e unha caseta á parte, pequerrecha e coa porta verde, a onde ían os compañeiros aos que lles chamaban 'de educación especial', os que padecían discapacidade intelectual. Tíñanos separados, etiquetados, nun gueto. Cando souben da LOMCE e de que vai acabar coa atención á diversidade pregúntome se imos volver a aquela situación tan vergoñenta". Rocío estuda no instituto do Carballiño e é isto o que nos conta desde Ourense, a mobilización á que se sumou para rexeitar a norma impulsada por Wert.
A Plataforma galega denunciou a "actitude ditatorial" da consellaría de Educación, comportamento que merece "que Jesús Vázquez deixe as súas responsabilidades"
"Estranxeiros na nosa patria, iso é o que queren facer connosco". Este estudante, que non quere darnos o seu nome, camiña ás présas cara a San Caetano porque en Compostela non escampou na hora e media que durou o protesto. "Queren que estudemos a historia de España e que sexamos ignorantes da nosa propia historia", é a impresión de Fátima, alumna da USC. Ao seu carón e baixo o mesmo paraugas peregrina Susana. As dúas unen as súas voces aos berros de 'Non á lei do Opus Dei'".

A relixión importa máis que a nosa lingua propia?

Santiago aínda está no instituto e non sabe que quere facer no futuro. Decidiu participar no protesto organizado en Cee porque rexeita "as cambadelas" que supoñen as reválidas e rexeita, aliás, que sexan exames redactados en Madrid para todo o Estado español.

Aínda que a el as aulas danllas maioritariamente en galego, di, tampouco está de acordo con "que a relixión teña máis importancia que unha lingua, que sexa avaliábel e que, aínda por riba, sexa unha 'maría', polo que ningún alumno vai escoller a outra materia, a alternativa".
"Na casa falamos disto. Meu pai di que xa me imaxina nunha escola unitaria con esas cadeiras pequeniñas de cor marrón que non teñen mesa senón un espazo no propio asento para poder apoiar o libro. Coma no franquismo. Eu non sei o que vai pasar connosco, con cada vez menos bolsas e máis difícil de as conseguir, cunhas taxas para entrar na universidade que... non o quero pensar".

"E no rural coas escolas botando o peche. Penso que as leis educativas deberan ter en conta a realidade de cada territorio e, en consecuencia, o mellor sería que se fixesen aquí, non?". Quen o pregunta é Mateo, que secundou a folga en Fene e asistiu á mobilización de Ferrol.
Xavier Vence, Francisco Jorquera e Bieito Lobeira (BNG) participaron nas marchas. Pola súa banda, a representación de AGE asumírona os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez
Xavier Vence (BNG): "Restrinxe as marxes de manobra contempladas no noso Estatuto"
O voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, ten a resposta para a pregunta de Mateo. A LOMCE non só non se fixo na Galiza senón que, tal e como denunciou Anxo Louzao, a consellaría de Educación refusou dialogar coa comunidade educativa. Quen dirixe este departamento, Jesús Vázquez, acatou a lei española e defendeu que "a maioría absoluta" do PP nas urnas nas eleccións estatais "lexitima" a Wert para impor esta norma, aínda en contra da vontade da maioría do pobo galego.

"Exiximos que o Goberno galego a leve ao Constitucional por invadir competencias e porque restrinxe as marxes de manobra contempladas no noso Estatuto", sinalou Vence en declaracións a Sermos Galiza. A LOMCE reducirá nun 10% o peso que os territorios con lingua propia teñen á hora de achegar contidos ao currículo educativo, ficando aquel no 35% fronte ao 45% actual.
Continuou o voceiro da formación frontista cualificando a norma de "regresiva e lesiva para o ensino público" e enfatizando, ao igual que fixera a Plataforma galega do ensino público da cal o Bloque tamén fai parte, que "o que pretende é blindar o ensino privado, nomeadamente o concertado, facendo do ensino o instrumento dunha sociedade elitista".

Para alén de Vence, o Bloque estivo representado tamén polo voceiro parlamentar da formación frontista, Francisco Jorquera; e polo secretario de organización, Bieito Lobeira. As mobilizacións contaron tamén con presenza do grupo parlamentar de AGE, nomeadamente os deputados de Esquerda Unida Xabier Ron e Ramón Vázquez. A formación política chamou a secundar a folga no ensino recalcando que "só o combate nos centros educativos e nas rúas poderá frear a violenta ofensiva da dereita representada na Galiza polo PP de Feijóo".

Anxo Louzao (CIG-Ensino): "O pobo galego non vai permitir que a LOMCE se aplique"
Aliás, considera Vence "regresivo, involutivo e até diría que anticonstitucional" o facto de a LOMCE conceder tanta a importancia á materia de relixión.

Ao fío, recalcou Louzao o carácter "confesional" da norma que Galiza rexeitou de maneira masiva nas rúas este 24 de Outubro, acrecentando que se trata tamén dunha lei "antidemocrática, sexista, clasista e antigalega".

Por derradeiro, o sindicalista referiuse á "actitude ditatorial" da consellaría de Educación, comportamento que merece, a xuízo da Plataforma galega, "que Jesús Vázquez deixe as súas responsabilidades no ensino" por non se opor a unha lei que "nace en coidados intensivos".

O éxito da xornada de folga e dos protestos que percorreron o País do Barco de Valdeorras a Ferrol e da Mariña a Vigo leva a Louzao a unha conclusión taxativa: "o pobo galego deixou moi claro que non vai permitir que a LOMCE se aplique".

Manifestacións contra a #LOMCE

Ningún comentario:

Publicar un comentario