luns, 28 de outubro de 2013

A semente do ensino popular en galego prende en Ferrolterra

Desde o 30 de setembro funciona en Narón un centro de ensino pertencente á rede AvoaEscola. Aliás, nesta fin de semana realizouse en Trasancos o primeiro punto de encontro entre familias interesadas na apertura dun centro da rede A Semente. As dúas son iniciativas sociais onde a lingua vehicular é a nosa propia. 

Acabáronse as galescolas”, exclamou, triunfante, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, diante dos micros da radio dos bispos tan só tres días despois de saír vitorioso nas urnas.

Sabía que as súas palabras non se referían á inocente mudanza da simpática icona dunha casa con bandeira azul e branca por outra cunha galiña, senón ao desmantelamento dun modelo de ensino, público e en galego, nos niveis non obrigatorios (0-6 anos) onde até os mandilóns eran, por si propios, unha ferramenta educativa, pois levaban grandes botóns de cores que encaixaban en cadansúa botoeira da mesma cor; unha maneira de educar as crianzas que foi eloxiada polo Consello de Europa no seu informe de 2008 sobre as linguas minorizadas. Feijóo sabía que ía acabar con este modelo. E estaba orgulloso.
Cunha furibunda campaña mediática en contra asinada polos voceiros da dereita –'A Galiza paleta das galescolas', chegou a titular un xornal dixital español–, as galescolas abriron as portas en setembro de 2007, rachando cun modelo asistencialista que resolvía a conciliación laboral e familiar durante unhas horas, mais que non tiña unha vocación pedagóxica.

Aprender cos pés na terra
Canda o enterramento do modelo pedagóxico das 'galescolas' foron agromando no País novos proxectos de ensino popular que apostan na inmersión lingüística na nosa lingua. Mais non só. Tanto A Semente como AvoaEscola tronzan a idea asistencialista de que as crianzas son persoas ás que cómpre coidar para apostar nas súas potencialidades.

"Temos vontade de ensino público mais non a calquera prezo" pois "a cuestión do idioma é irrenunciábel", explicou  Marcos Lopes, educador da primeira Semente que funcionou na Galiza, a de Compostela.

O sábado que vén, 2 de novembro, faranse dous anos desde que abriu as súas portas. Desde aquela saíronlle xa dous filleiros: un en Vigo e outro en Ferrolterra.

Así as cousas, esta fin de semana realizouse en Trasancos a primeira asemblea cara á constitución dunha asociación para despois abrir unha Semente. Tal e como explicou Olaia Ledo, unha das promotoras desta escola popular, o obxectivo é ter un centro de ensino "onde o galego sexa a lingua vehicular e onde as crianzas medren en contacto coa natureza".

En galego e para familias galegofalantes... ou non
Desde o 30 de setembro en Ferrolterra funciona outra escola popular, esta pertencente á rede AvoaEscola.

O seu director, Francisco López, sinalou que o obxectivo desta cooperativa --amparada pola asociación Galiza co Galego a través do denominado Fondo de Escolas-- é que a esta árbore lle saian pólas por todo o País, pois tamén neste caso hai varias familias interesadas en ter na súa contorna un centro de ensino "laico, pluralista e para galegofalantes ou non".

“Queremos demostrar que existe unha vía diferente ao ensino público e ao privado, pois nós nin obtemos lucro –os cartos das doazóns van parar a unha bolsa de solidariedade, para afrontar os gastos das familias sen recursos– nin estamos amparados por un grupo empresarial”. Son palabras de Olaia Ledo, mais Francisco López manifestouse en termos moi semellantes e defendeu tamén un modelo de ensino "popular".

Dixo o director da AvoaEscola de Ferrolterra, fincada no Alto do Castiñeiriño, en Narón, que este centro "é unha escola ao uso, non unha ludoteca". E recalcou que se trata dun colexio "inclusivo, participativo e democrático" onde as nais e pais teñen "todo o control" sobre os contidos e poden decidir sobre eles traballando man a man cos e as educadoras. E, ao igual que na Semente, "o idioma é prioritario" pois o proxecto AvoaEscola está pensado "para quen non queira que se perda o galego".
Que diferencia A Semente de AvoaEscola?

Entre outras cuestións, a idade das crianzas que se poden matricular nestas escolas. Así, AvoaEscola está pensada para nenas e nenos de 0 a 3 anos, cun modelo pedagóxico inspirado no programa Preescolar na Casa, que foi desmantelado polo PP.

​Namentres, na Semente o alumnado máis novo ten 2 anos e o máis vello 6 "porque consideramos que non é até os dous anos a idade acaída para iniciar a escolarización", subliñou Olaia Ledo, promotora do centro que abrirá en Trasancos.

"A situación lingüística é tan desesperada que non hai tempo para esperarmos a que un partido como o Bloque volva chegar á Xunta. E, para alén desta reflexión, cómpre facermos outra: após o desmantelamento das galescolas estamos outra vez no punto de inicio, antes do paso do nacionalismo polo goberno galego", razoou Marcos Lopes, educador da Semente de Compostela.

Na mesma liña, desde AvoaEscola Francisco López insistiu en que a educación "non pode ser un dereito suxeito ao capricho dos gobernos". O modelo non é ningún segredo. Centros privados como Raiola en Compostela ou Andaina na Coruña levan décadas traballando con el. Trátase, en definitiva, de demostrar con feitos que as familias galegas queren para as crianzas un ensino na súa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario