luns, 14 de outubro de 2013

Castela e León forza a cambiar de centro aos alumnos que queiran estudar galego no Bierzo

Máis problemas e máis atrancos para os alumnos de galego no Bierzo. A mediados de setembro, foron as familias e o consello escolar do instituto Bergidum Flavium de Cacabelos os que denunciaron a supresión - un día antes do comezo do curso - da materia optativa de lingua galega en Bacharelato nese centro, un dos catro de Secundaria acollido ao programa de inmersión lingüística na comarca e o único desta localidade. Logo os recortes chegaron tamén ao IES Europa de Ponferrada e, ao igual que no outro caso, cos nenos xa matriculados e co material comprado. As alternativas da Administración: agrupar alumnos de distintos niveis e sen recursos nunha mesma aula ou, como no último caso, propor aos rapaces o cambio de centro ou a renuncia á optativa de galego e, polo tanto, aos certificados do Celga que levan anos procurando.
As familias dos alumnos, o consello escolar dos centros e incluso a Real Academia Galega denunciaron a situación e enviaron cartas de protestas e exixindo unha solución tanto aos centros como á Junta de Castela e León e á Xunta de Galicia, gobernos que asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que garante o ensino de lingua galega para os rapaces das áreas galegofalantes do Bierzo. Tamén recorreron algúns cativos e pais ao colectivo cultural Fala Ceibe, que agora denuncia a situación.
A Junta suprime clases de galego logo de que os centros as ofertasen nas inscricións de matrícula
No escrito á dirección do Instituto Europa, os afectados pregúntanse "por que este mesmo curso o centro oferta como posibilidade este programa en primeiro da ESO, sen notificar ás familias que o alumnado non vai poder finalizar os estudos de ESO e Bacharelato e obter os certificados Celga II e Celga III". A Consejería de Educación, segundo aclara Fala Ceibe, ofreceu a posibilidade de traslado do alumnado a outro instituto de Ponferrada, Virgen de la Encina, ou o cambio de optativa, renunciando así á materia de Lingua e Cultura Galegas. "Este é un novo e claro exemplo de como a Junta desprestixia e desmotiva a elección voluntaria do galego noutro centro educativo do Bierzo", denuncia o colectivo nos medios da comarca.
Os pais e alumnos afectados, como era de supor, non aceptan o cambio de centro e lembran que teñen dereito a recibir clase das materias elixidas porque así se ofertaba na inscrición de matriculación e así o garante o protocolo asinado entre os gobernos galego e castelán-leonés que foi ratificado no ano 2006. Ou rexeitar o galego ou cambiar de instituto. Non hai opción, segundo a Junta.
O caso é así de grave para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria e que lles abre varias posibilidades de futuro, tanto na comarca como en Galicia.
A Junta xustifica a eliminación das clases de galego por ter menos de dez alumnos, un límite que non existía e que incumpre o protocolo asinado coa Xunta
O colectivo Fala Ceibe denuncia que a orixe do problema no Instituto Europa está no traslado parcial da profesora que estaba asignada inicialmente para impartir a materia de Lingua e Cultura Galegas ao instituto Bergidum Flavium de Cacabelos, onde o consello escolar tamén denunciou a necesidade de máis profesores para manter a oferta de galego no centro. Isto provocou a falta de horas lectivas para cubrir axeitadamente a materia de Galego tamén instituto de Ponferrada. A solución que buscou a Consejería de Educación agora foi eliminar o galego en Bacharelato no instituto Europa e ofertalo unicamente no instituto Virgen de la Encina. A idea é contratar outro profesor, a tempo parcial, para impartir as horas de Bacharelato non cubertas actualmente.

A Junta impón un mínimo de alumnos que incumpre o Protocolo

A Junta de Castela e León argumenta que a supresión da materia de galego débese a que o número de alumnos non chega a dez, que é o que agora exixe a Administración, un mínimo que non se exixía en cursos anteriores e que non está contemplado no protocolo asinado coa Xunta e que garante o ensino de lingua galega a todo aquel rapaz que o solicite nos centros asociados ao acordo.
De feito, ese Protocolo Xeral de Colaboración aclara que se promoverá que os centros que optasen polo ensino de galego deben "outorgar continuidade ao programa para garantir que os alumnos poidan completar os estudos e obter os certificados correspondentes", tal e como se especifica na cláusula 2.3. Un incumprimento do acordo que denuncian os afectados e o colectivo Fala Ceibe.
Os afectados acoden ao Parlamento Europeo, o Procurador de Castela e León ou a Cámara galega para denunciar a situación
A organización cultural, así como os afectados, decidiron pedir axuda ao Procurador de Castela e León para que investigue o acontecido e enviaron cartas aos partidos políticos con representación nas Cortes autonómicas. Fala Ceibe enviará tamén esta carta-queixa ao Defensor do Pobo, Parlamento de Galicia e Parlamento Europeo. "Queremos que todas estas institucións valoren se coa medida educativa antigalega da Junta se produce un incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada polo Goberno de España".

Ningún comentario:

Publicar un comentario