xoves, 24 de outubro de 2013

O rexeitamento á lei Wert prevé un berro histórico e unánime este 24-O

Folga e protesta masiva contra o proxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), que volverá recibir este xoves nas rúas e nas aulas galegas un rexeitamento masivo. Será unha nova mobilización contra a norma, os recortes ou o endurecemento dos requisitos para acceder ás bolsas e na que se volverá pedir a dimisión do ministro de Educación, José Ignacio Wert, branco de todas as críticas. Unha convocatoria á que se unen pais, profesores e alumnos de todos os niveis educativos.
Será este xoves 24 -e tras as marchas xa convocadas polo Sindicato de Estudantes en todo o Estado nesta semana de mobilizacións- cando o estudantado e profesorado lanzarán un berro que se prevé masivo en toda Galicia contra unha Lomce que non contenta a ninguén e que prevé baleirar os centros e institutos do país. Haberá, no entanto, dúas convocatorias principais en cada unha das localidades chamadas ás manifestacións e nucleadas arredor dos dous principais colectivos: a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (na que se inclúen AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega e varias federacións de anpas, entre outros) e a Plataforma en Defensa do Ensino Público (liderada por UGT, CCOO-Ensino ou Confapa-Galicia). O STEG pide que docentes e alumnos secunden algunha das mobilizacións.
As protestas en Galicia nuclearanse arredor das dúas grandes plataformas en defensa do ensino público e serán por separado
Todas as cidades galegas acollerán manifestacións convocadas por ambas as dúas plataformas, aínda que á do colectivo liderado polo nacionalismo únense outras localidades máis pequenas. Ademais, e en canto á manifestación de Ferrol, todas as organizacións sociais farán coincidir a marcha cunha protesta convocada antes polo sector naval e que sairá da praza de España ás 11.30 horas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Publico insistiu na importancia de que estas mobilizacións "sexan un éxito porque, aínda que o PP aprobe a lei, é un contrareforma que nace morta", tras valorar o compromiso de toda a oposición estatal de derrogala se se produce unha alternativa no Goberno central.
Os colectivos prevén que o profesorado "secunde maioritariamente a folga" e que as mobilizacións "serán multitudinarias"
A plataforma prevé que o profesorado "secunde maioritariamente a folga e que as mobilizacións sexan multitudinarias" porque o conxunto do profesorado "é consciente de que esta lei anula a liberdade de cátedra e a importancia da función docente". Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, referiuse ao procedemento para aprobar a Lomce como "un camiño inzado de autoritarismo" e lembrou a actitude do conselleiro de Educación "que se negou a debater a lei coa comunidade educativa galega e se comportou como alumno avantaxado, en materia de concertos, de modelo lingüístico -que agora copia a LOMCE- e de recortes".
O presidente da Federación das ANPA de Compostela, Fernando Lacaci, ve a lei como un “despropósito pernicioso e letal” que deixará fóra da “carreira” aos seu fillos e fillas. Ademais, cualificou os recortes como un “torpedo á liña de flotación da educación” que responden a unha “política de anulación dun dereito” porque para ter unha educación boa "é imprescindible dedicarlle recursos". Monica Martínez, dos Comités, falou en representación do estudantado e subliñou que "desde a unidade" que representa a plataforma “conseguiremos enterrar ese cadáver que é a norma". "Non deixaremos de estar na rúa defendendo un ensino público, galego e democrático”, dixo.
A Plataforma en Defensa do Ensino Público, pola súa banda, asegurou nun comunicado que xunto aos recortes, "estanse levando a cabo unha serie de reformas, como a Lomce, o decreto de Bolsas e Axudas ao Estudo, odecreto de Comedores ou o desmesurado incremento das matriculas universitarias que "supoñen a volta a un sistema baseado na selección do alumnado para que o progreso nos estudos estea condicionado, con carácter xeral, ao nivel social e ás posibilidades económicas das súas familias, expulsando do sistema a toda aquela persoa que non encaixa nun perfil prefixado ideoloxicamente".
"Exiximos que se retire a Lomce e que se inicie un proceso de diálogo e procura de solucións conxuntas coa comunidade educativa"
A plataforma chama a mobilizarse á comunidade educativa este xoves e advirte de que "seguirá mobilizándose e esixindo aos gobernos que se atendan as demandas para resolver os problemas" e abordar as reformas necesarias "para mellorar a calidade do noso sistema educativo". Así, reclaman que "cesen todos os recortes educativos, do mesmo xeito que esiximos o cese do resto de recortes sociais" e exixe "que se incremente o número de bolsas e a súa cuantía; que se recuperen os programas educativos que demostraron o seu éxito nos últimos anos, en definitiva que se recupere o nivel de investimento educativo". "Exiximos que se retire a Lomce e que se inicie un proceso de diálogo e procura de solucións conxuntas coas organizacións representativas da comunidade educativa que dote de estabilidade ao sistema, desde a Educación Infantil ata a Universidade", di.

Peches en varias facultades

Ademais, as tres organizacións estudantís nacionalistas galegas (Comités, Liga e Agir), que secundarán as mobilizacións da primeira das plataformas, xa anunciaron que farán fronte común contra a Lei Wert con motivo desta folga xeral e desde unha perspectiva galega e "con vontade rupturista cos sindicatos españolistas".
Peches en varias facultades quentan os motores dunha xornada de folga que se prevé histórica
Por outra banda, e desde hai varios días, estudantes celebran peches en distintas facultades. Un deles celébrase en Filoloxía da USC e prolongarase até este mesmo xoves. Neste caso, e ademais do seu rexeitamento á Lomce, os alumnos protestan contra a norma promovida pola Xunta que condena ao desmantelamento á titulación e ao grao en filoloxía clásica ao non reuniren o número mínimo de matriculados. O Goberno galego exixe polo menos 50 estudantes nas titulacións impartidas en Compostela e 45 nas de Lugo.
Tamén se celebraron peches en Matemáticas, contra os recortes en todo o ensino público, mentres que a Acampada ETSAC da Coruña tamén inicia un peche neste día previo na Escola Técnica de Arquitectura.

CONSULTE AQUÍ TODAS AS MOBILIZACIÓNS
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (todas ás 11.30 horas)
  • A Coruña (Praza de Vigo)
  • Carballo (Praza do Concello)
  • Cee (Praza do 8 de marzo)
  • Ferrol (Praza de España)
  • Santiago (Praza do Toural)
  • Ribeira (Estación de Autobuses)
  • Ourense (Diante da Xefatura Territorial de Educación. Rúa Concello)
  • Pontevedra (Praza da Peregrina)
  • Vilagarcía (Praza de Galiza)
  • Lalín (Praza de Igrexa)
  • Vigo (Praza dos Cabalos)
  • Lugo (Horta de Seminario)
  • Burela (Praza da Mariña)
  • O Barco (Praza do Concello)
Plataforma en Defensa do Ensino Público
  • Compostela (Paseo da Alameda) 12 horas
Ás 19.30 horas:
  • A Coruña (Praza da Palloza)
  • Lugo (Rolda da Muralla)
  • Ourense (Subdelegación Goberno)
  • Pontevedra (Praza da Ferrería)
  • Vigo (Vía Norte)
  • Vilagarcía de Arousa (Avda da Mariña)

Ningún comentario:

Publicar un comentario