venres, 4 de outubro de 2013

ANPE únese á folga do 24 contra a LOMCE e os recortes e polo Estatuto Docente

O sindicato docente ANPE anunciou este xoves que se suma á folga xeral do ensino do próximo 24 de outubro para protestar contra o proxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa, os recortes educativos, a deterioración das súas condicións laborais e a conxelación salarial e para esixir a negociación do Estatuto Docente.
Esta organización é a última en sumarse á convocatoria de folga anunciada hai tres semanas pola Plataforma polo Ensino da Escola Pública, á que ANPE non pertence. O sindicato de funcionarios docentes CSIF tamén anunciou a semana pasada o seu apoio á protesta, non sen aclarar que as súas motivacións son laborais e non políticas.
Entre os argumentos de apoio á folga, ANPE indica que a LOMCE "nace lastrada pola falta de diálogo", que está elaborada sobre o articulado da LOE e, polo tanto, conserva os seus defectos". Ao seu xuízo, a norma "desvertebra aínda máis" o sistema educativo, "dificulta" a organización dos centros, deixa aos alumnos sen coñecer "importantes" materias e non pon en marcha medidas de calidade, non ten en conta o marco de recortes en educación nin unha memoria económica "suficiente".
Así mesmo, esta formación sindical alerta de que a LOMCE dota os directores de centros públicos do "poder" de rexeitar profesores, permite que accedan ao sistema público persoas que non cumpran os requisitos de acceso, promove que os exames de avaliación sexan corrixidos por docentes que non pertenzan á función pública e "perden peso" materias como Filosofía, Música, Educación Artística, Humanidades e mesmo Matemáticas.
Por último, ANPE advirte de que se non se modifican estes puntos do articulado, que está en proceso de tramitación no Congreso dos Deputados, está "disposto a tomar medidas legais".

Ningún comentario:

Publicar un comentario