xoves, 17 de outubro de 2013

A Plataforma galega en defensa do ensino público recupera as cabazas para "suspender" a xestión do titular de Educación

O acto reivindicativo, realizado esta cuarta feira perante a consellaría, en San Caetano, serviu como prólogo da greve xeral en contra da LOMCE fixada para o 24 de outubro.

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, quitou cabazas pola súa xestión e polo apoio que lle brindou á Lei orgánica de mellora da calidade educativa --a LOMCE--, impulsada polo PP desde o Goberno español e aprobada recentemente no Congreso.

Así escenificou a Plataforma galega en defensa do ensino público o "moi merecido suspenso" que Vázquez merece "como responsábel dos continuos recortes" que se acometeron desde o seu departamento. Integrantes deste colectivo entregaron no rexistro da Xunta de Galiza unha caixa de cabazas e aproveitaron o acto para denunciar máis unha vez que a norma española, coñecida popularmente como 'Lei da Wertgoña', expulsará das aulas @s fill@s da clase traballadora, afondará na confesionalidade e negará o dereito ao ensino en galego.

"É unha lei que nace cos días contados", sinalou en declaracións á imprensa Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino en referencia á LOMCE, recalcando que o texto agrede "directamente corazón do sistema educativo público galego". A acción reivindicativa serviu como prólogo á xornada de greve xeral cnovocada para o vindeiro 24 de outubro e que contará con mobilizacións ás 11.30h nas sete cidades, en Burela, en Vilagarcía, en Lalín, en Cee, en Carballo e en Ribeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario