luns, 28 de outubro de 2013

A CIG-Ensino cifra en máis de 65.000 as persoas que saíron á rúa en Galiza e considera un éxito o paro masivo contra a LOMCE

A CIG-Ensino dalle os parabéns ao profesorado polo éxito da folga e das manifestacións.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, considera que a folga contra a LOMCE foi un “éxito rotundo” superándose mesmo a participación que houbo na convocatoria do mes de maio. Xunto a isto, tamén valorou moi positivamente a participación de máis de 65.000 persoas nas manifestacións que desde as 11:30 horas percorreron as rúas das principais cidades e vilas do país convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Marchas multitudinarias para dicir “Non á LOMCE” e para denunciar unha lei que cualificou como “españolizadora, privatizadora, elitista, clasista e antidemocrática”.
Galería de imaxes
“Segundo os datos que temos o paro é masivo. Esta é a segunda vez que o ensino exixe de maneira rotunda e unánime a retirada da LOMCE”. Así valoraba o secretario nacional da CIG-Ensino a participación na folga contra a LOMCE na súa comparecencia ante os medios de comunicación na Praza do Toural, en Compostela, xusto antes da saída dunha das máis grandes manifestacións das convocadas hoxe pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Louzao salientou que hoxe conflúen a folga do profesorado, o paro convocado polas organizacións estudiantís e  a solidariedade dos pais e das nais. Unha folga que afecta a todos os niveis educativos e nos que o paro foi secundado pola totalidade da comunidade educativa.
“Unha única voz rotunda e contundente clamou hoxe Non a LOMCE”, afirmou o secretario nacional de CIG-Ensino, para quen de continuar “obstinados”, tanto o conselleiro de educación como o ministro en aplicar esta lei, estariamos diante “dunha actitude irresponsábel e mesmo ditatorial que só amosa unha motivación:  borrar toda a nosa cultura, afastar o galego do ensino e actuar ao servizo da patronal do ensino privado e da conferencia episcopal”. Unha lei que, para Louzao é “un atentado” a un servizo básico e a un dereito fundamental como é o dereito é educación.
A respecto das mobilizacións de hoxe considerou que tamén son unha resposta contundente “contra os recortes múltiples e permanentes que se están a levar en contra do ensino público e que, porén non afectan igual ao ensino privado concertado”. Unha lei á que acusou de estar “ao servizo da exclusión social, da desigualdade e da competitividade”.
Indo máis alá, considerou que a LOMCE é “profundamente españolizadora e privatizadora”, asegurou que afonda aínda máis na confesionalidade do ensino e denunciou que “expulsa do sistema educativo as clases populares” e que supón “un obstáculo permanente” para o acceso á educación. Por iso cualificouna de “selectiva e elitista” ao mesmo tempo que “despreza ao profesorado, a coeducación e a xestión democrática dos centros”.
Non esqueceu tampouco a responsabilidade do conselleiro ao que considerou “alumno avantaxado do PP de Madrid”, na medida en que non agardou sequera á aprobación da lei para xa aplicar aspectos da mesma, como dotar de concertos educativos aos centros que segregan por razóns de xénero e tamén porque desde o modelo educativo imposto en Galiza se exportou á LOMCE a exclusión da nosa lingua do sistema educativo.
 Por todo isto, Louzao concluíu que “só cabe unha saída a retirada da lei, do contrario será unha lei que nace en coidados intensivos e cun diagnóstico de morte inmediata”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario