xoves, 6 de marzo de 2014

O Goberno de España só garante o ensino en castelán

Garantías de primeira e de segunda (rexional). Unha vez aprobada a nova lei educativa, o Ministerio de Educación atópase inmerso no desenvolvemento regulamentario dalgúns dos seus puntos máis controvertidos, caso por exemplo dos referidos ao tratamento das linguas oficiais diferentes do castelán. Aínda que suavizada nalgúns aspectos, a coñecida como Lei Wert mantén intactas previsións como o pagamento con fondos públicos de centros privados que teñan o castelán como lingua vehicular para aquelas familias que así o soliciten. No proxecto de Real Decreto que regulará ese inédito dereito esa garantía non existe, nin de lonxe, para o galego, o euskera ou o catalán.
Segundo o bosquexo deste documento, que o Goberno de España somete a información pública dende este martes, a intención do Executivo de Mariano Rajoy é "garantir o dereito do alumnado a recibir as ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios", con evidencias como que a materia de lingua castelá sexa impartida en castelán e a "lingua cooficial", no idioma que corresponda, galego no caso de Galicia. Neste contexto, as autonomías "teñen a posibilidade de deseñar e implantar sistemas" adaptados á súa realidade, vén dicir o texto e en cada comunidade a "proporción razoable" de lingua castelá no ensino pode ser diferente, "atendendo ás circunstancias concorrentes".
O centro privado poderase pedir se a administración "non garante unha oferta razoable" de castelán no ensino
As consellerías dos territorios con lingua propia mesmo "poderán establecer sistemas nos que as materias non lingüísticas se impartan exclusivamente na lingua cooficial", isto é, inmersión lingüística, "sempre que exista a oferta alternativa de ensino sostido con fondos públicos no que se utilice a lingua castelá como lingua vehicular nunha proporción razoable". Pero o que semella un marco de relativo respecto ao galego e demais idiomas cambia de rumbo ao falar de cartos. Se a "Administración educativa competente non garante unha oferta razoable sostida con fondos públicos na que o castelán sexa utilizado como lingua vehicular", o Ministerio activará un mecanismo para que o erario asuma "os gastos efectivos da escolarización deste alumnado en centros privados nos que exista a devandita oferta".

Colexio privado a cargo do financiamento autonómico

Non se trata, asegura o Ministerio de "amparar a pretensión de recibir as ensinanzas única e exclusivamente en castelán", senón de "lexitimar a escolarización nun modelo no que o castelán sexa usado como lingua vehicular nalgunha materia non lingüística". Con este obxectivo a familia poderá solicitar que o alumno ou alumna sexa trasladado a un colexio privado, cuxos gastos asumirá inicialmente o Ministerio de Educación para, acto seguido, "restelos" dos "réximes de financiamento das autonomías". Así, será finalmente a comunidade autónoma a que pague o novo precepto.
Non existe garantía ningunha para as familias que reclamen ensino en galego e non o obteñan
Entre continuas apelacións ao "estrito cumprimento da doutrina constitucional ao garantir" a "cooficialidade do castelán e das linguas propias" das autonomías, ao "recoñecemento e respecto ás competencias das comunidades autónomas" e á "garantía da ensinanza de todas as linguas oficiais" o futuro decreto obvia por completo outra posibilidade: que unha familia desexe, por exemplo, que un neno ou nena estude maioritariamente en galego, euskera ou catalán. Neste caso non existe garantía ningunha nin, moito menos, apoio económico para lograla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario