martes, 4 de marzo de 2014

Alumnado de Vila de Cruces recupera unha lenda inédita dunha espada deitada no Ulla

Un lugar da parroquia de Brandariz, en Vila de Cruces, vén de darlle nome á lenda da espada de Brandomés. Se as lendas teñen de seu algo máxico, neste caso o abraio non podía ser maior: foi unha alumna do IES Marco de Camballón a que recuperou esta lenda descoñecida para todas as persoas especialistas do tema no noso país.
“É posiblemente unha das escasas, por non dicir únicas (nisto é mellor non dicir única, as singularidades cárgaas o demo) mostras de lendas populares na Europa atlántica, vivas, que falan do ritual do depósito votivo dunha espada asociada a un guerreiro. O achado é tan fascinante que é unha mostra de por que hai que seguir recollendo tradición oral”, explica o profesor da USC Manuel Gago, que colabora co instituto de Vila de Cruces dentro do proxecto Palavras de Pedra–Proxecto Mámoas. Coordinado polo profesor e escritor Séchu Sende, a recollida de patrimonio oral forma parte das iniciativas desenvolvidas desde o centro dentro deste proxecto que leva xa dous anos de andaina.
"O achado é tan fascinante que é unha mostra de por que hai que seguir recollendo tradición oral"
Dúas son as versións recollidas da lenda de boca de varias veciñas e veciños de Brandomés. Nunha delas, a espada, de ouro, guindouse ao río despois da morte dun guerreiro. A outra version di que no fondo do rio Ulla hai unha espada, no lugar coñecido como o Tesouro. “Sexa vella ou sexa mesmo unha elaboración a partir dos relatos artúricos que tanto gustaban na Galicia medieval, ou mesmo un relampo da época da Guerra da Independencia, ou por outro motivo, o asunto é igual de interesante porque o que temos aí é unha lenda enormemente singular que se relaciona cos achados arqueolóxicos dos que seguramente esta xente nin sentiu falar.”
O río Ulla configúrase para a arqueoloxía como un lugar de grande interese, pois no seu cauce teñen aparecido espadas da Idade do Bronce que foron obxecto de estudo pola comunidade científica nas últimas décadas. No conxunto dos ríos galegos téñense atopado máis de 10 espadas da Idade do Bronce, mais ata agora non se coñecía ningunha lenda de tradición oral vinculada ás espadas nos ríos. ”Isto é o que fai importante a lenda da espada de Brandomés. As espadas da Idade de Bronce podem ficar no fundo do rio miles de anos e algum dia algumha pode ser encontrada fortuitamente… Mas a lenda da espada de Brandomés é umha história fabricada com palavras, palavras dumha língua criativa e com muita energia comunicativa. Agora, com esta história maravilhosa, estas palavras da nossa língua estám juntando a muita gente. A nossa língua tem esse imenso poder social: capacidade de coesiom”, asegura Séchu Sende.

Ningún comentario:

Publicar un comentario