xoves, 27 de marzo de 2014

O despedimento masivo que castiga o profesorado do Celga

CIG-Ensino concentrouse este martes ante a sede Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) para denunciar o que considera despedimento "ilegal" do profesorado que impartía os cursos preparatorios das probas Celga. A central nacionalista acusa a Consellería de Educación de actuar así "de maneira fraudulenta e irregular" ao optar polo despido destes docentes en lugar de cumprir coas resolucións administrativas que obrigan a Administración a dar de alta este colectivo na Seguridade Social.
Educación deixou de ofertar os cursos do Celga entre o profesorado colaborador e en paro para ofrecerlle horas extras a docentes de secundaria
O conflito do profesorado Celga vén de lonxe. A CIG denuncia agora que Educación deixou de ofertar, como era habitual antes, os cursos preparatorios do Celga ao profesorado colaborador, aquel que se incluía nunha listaxe e que, entre os seus requisitos, exixía ser "demandante de emprego en situación laboral de desempregado".
Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano.
Inspección recoñeceu a relación laboral entre a Consellería e o profesorado que non estaba dado de alta na Seguridade Social
O sindicato alertou durante tempo que este colectivo -que inclúe máis de 400 titulados e un 30% aínda exercendo esta actividade- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse hai agora catro meses recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.
Pero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeita frontalmente. De feito, a propia central leva tempo pedindo a ese profesorado que é reclamado pola Xunta que se solidarice co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e que rexeite aceptar esas horas lectivas como extraordinarias, unha medida que está a ser ben recibida entre os docentes.
A CIG promoverá demandas individuais por despedimento se a Administración non cumpre coa obriga legal
Ademais, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, xa advirte que se a Administración non cumpre coa súa obriga legal, o sindicato promoverá demandas individuais por despido entre este colectivo que acumula xa moitos meses de reivindicacións. Ao tempo, continuará coa campaña de mobilizacións e nos centros para convencer o profesorado de que se negue a facer horas extras. Louzao atribuíu esta decisión da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística a unha “actitude represiva contra todo este profesorado” e asegurou que é “inadmisíbel, inxustificábel e unha vergonza” que a Secretaría Xeral nin sequera admita a resolución da Inspección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario