luns, 31 de marzo de 2014

A LOMCE non obrigará o cambio dos libros de texto o vindeiro curso

O vindeiro curso 2014/2015, o Goberno central pretende poñer en marcha a LOMCE en 1.º, 3.º e 5.º de primaria e 1.º de formación profesional básica. O Ministerio tramita de forma acelerada os novos Reais Decreto de currículo "para adaptalos á súa visión ideolóxica e orientalos á superación de reválidas e outras probas estandarizadas, elementos fundamentais da súa lei educativa", segundo denuncia a Plataforma en Defensa do Ensino Público, unha medida que en principio implicaría tamén a modificación dos libros de texto, cun gasto engadido para as familias e provocándolle un prexuízo directo aos bancos de libros postos en marcha por asociacións de nais e pais e por algúns centros, que perderían os seus materiais acumulados.
Porén, a Xunta vén de anunciar, a través do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que non obrigará ao cambio de manuais no vindeiro curso, sinalando que "hai marxe para que os novos contidos e as novas metodoloxías poidan ser adaptadas nas aulas". Unha pequena vitoria para a comunidade educativa, que levaba meses mobilizándose contra a aplicación desta medida.
"Non hai ningún motivo pedagóxico para impoñer o cambio destes 180 libros de texto, nin sequera os cambios curriculares que poden ter algunhas materias"
Neste senso, Lois Uxío Taboada, secretario de Confapa Galicia, amosou a súa satisfacción pola decisión, aínda que de igual xeito sinalou que haberá que continuar dando esta batalla o vindeiro ano, no que o Goberno podería impoñer a modificacións dos manuais en máis cursos. "Non hai ningún motivo pedagóxico para impoñer o cambio destes 180 libros de texto, nin sequera os cambios curriculares que poden ter algunhas materias", engadiu. Ademais, subliñou que, no caso de que dende a Consellaría non se adoptara esta decisión, Confapa Galicia tería promovido unha campaña de non adquisición de libros de texto.
Taboada lembrou que a posición de Confapa Galicia é de defensa da gratuidade total dos libros de texto e destacou a importancia dos bancos de libros postos en marcha hai cinco anos pola confederación de asociacións: "é un logro que hai que poñer en valor, polo que representa socialmente e pola súa filosofía cooperativa".
Taboada destacou a importancia dos bancos de libros postos en marcha hai cinco anos pola confederación de asociacións: "é un logro que hai que poñer en valor, polo que representa socialmente e pola súa filosofía cooperativa"
Hai uns días os conselleiros da Comision Permanente do Consello Escolar de Galicia pertencentes ás organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público solicitaron unha xuntanza da devandita comisión para debater unha resolución contraria ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso e instando á potenciación dos bancos de libros e as bibliotecas de aula. Ademais, lembraron que estes cambios, tanto os realizados en LOE, a través da denominada LOMCE, como os que se aplicarán como desenvolvemento dos anteriores, "parten dunha imposición unilateral do Goberno central e o partido político que o sustenta, que xa concitou o rexeitamento do resto do arco parlamentario e da inmensa maioría da sociedade, que esixe a súa retirada inmediata".
"A utilización dos libros de texto non é obrigada desde un punto de vista pedagóxico" e que "cada vez existen máis docentes e centros educativos que non os usan habitualmente, salvo como materiais existentes nas bibliotecas de aula"
Dende a Plataforma tamén se lembra que "a utilización dos libros de texto non é obrigada desde un punto de vista pedagóxico" e que "cada vez existen máis docentes e centros educativos que non os usan habitualmente, salvo como materiais existentes nas bibliotecas de aula, e que se debe camiñar nese sentido para que sexan os docentes os que desenvolvan o seu labor coas súas propias unidades didácticas, elaboradas en función do alumnado que teñen nas súas aulas". Pero de igual xeito subliñan que "é evidente que os libros de texto son considerados aínda por moitos docentes como materiais imprescindibles para poder impartir as ensinanzas e así os solicitan ás familias, que deben afrontar os custos da súa adquisición, posto que iso non é asumido na súa totalidade polas Administracións".

Ningún comentario:

Publicar un comentario