venres, 7 de marzo de 2014

Galicia Bilingüe non aplica as súas propias reivindicacións

O colectivo crítico coa normalización do idioma propio do país recolle sinaturas para denunciar a Xunta ante a Unión Europea. O motivo, que a web da Consellería de Educación está só en galego, cando a asocición mantén o seu propio portal só en castelán.

Galicia Bilingüe puxo en marcha unha campaña de denuncia e petición ante a Unión Europea e Presidencia da Xunta para reclamar bilingüismo nas webs de Educación en Galicia. O colectivo que preside Gloria Lago argumenta que "todas as Autonomías de España con lingua co-oficial teñen páxina web en ambos os dous idiomas para informar sobre Educación e Cultura. Todas agás Galicia".
 
O colectivo lembra que o goberno galego aprobou un decreto en 2011, que obriga a dispoñer dunha versión en español en todas as súas web. Con todo, Galicia Bilingüe, que en teoría di defender a igualdade entre os dous idiomas oficiais, mantén o seu propio portal unicamente en español, idioma no que difunde todos os seus comunicados de prensa. 
 
Galicia Bilingüe di que presentou hoxe ante a UE unha denuncia por incumprimento da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que no seu artigo 21 prohibe toda discriminación por razón de lingua. A asocición está a recoller sinaturas en liña a través da súa web.
 
O PPdeG, partido do Goberno, achegouse as teses de Galicia Bilingüe canda estaba na oposición. Unha vez conquistado o poder e comprobado a gran resposta popular ás medidas contrarias ao idioma propio, os conservadores marcaron distancias co colectivo de Gloria Lago, que agora os pretende denunciar en Bruxelas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario