venres, 7 de marzo de 2014

O colexio de Cercio inicia unha campaña para captar alumnos da zona urbana

O Anpa destaca servizos como o comedor e un ordenador por alumno en Informática - O centro de Merza aínda non recibiu ningún aviso de Educación sobre a súa continuidade.

Dende o día 1 e ata o 20 deste mes os colexios e institutos teñen aberto o prazo para presentar a solicitude de admisión de matrícula no curso que vén. De todos os CEIP da bisbarra, o de Cercio é o único que pon en marcha unha campaña para captar novos alumnos. O Anpa é a responsable desta iniciativa, que xa promoveu en anos anteriores e coa que quere destacar os servizos que presta o colexio Varela Buxán, como "varias prazas libres no comedor, un ordenador por alumno na clase de Informática e un contacto directo entre pais e profesores", enumera a presidenta do colectivo de pais, Ana Blanco Castro.
Baixo o lema O rural, ou mellor dous ámbitos para estudar, o Anpa distribuíu folletos pola zona urbana de Lalín nos que tamén se menciona o horario de autobús e as paradas na área urbana, as clases do venres só en horario matutino ou as aulas especializadas para impartir música. Ana Blanco recoñece que o abano de actividades extraescolares non é tan amplo como o que poden ofrecer outros centros máis grandes. Pero para compensar as aulas de Cercio cumpren rigorosamente a ratio de Educación, pois "a de primeiro curso de primaria é a máis numerosa, e ten 13 alumnos".
Neste curso, o CEIP Varela Buxán conta con 58 alumnos. O que vén, entrarán máis nenos dos que se van para continuar os seus estudos de secundaria. A parroquia de Sello está adscrita ao colexio de Cercio -hai un acordo asinado en 2012 entre centro e o Xesús Golmar-, pero os seus estudantes seguen acudindo ao da zona urbana de Lalín, aducindo que está dez minutos máis preto que o Varela Buxán.
Prado e Vilatuxe
Os outros dous colexios de primaria do rural lalinense, o de Prado e o de Vilatuxe, optaron por non realizar ningún tipo de campaña durante este mes. O Xoaquín Loriga conta este curso con 110 alumnos, e carece dunha área de influencia na que poder captar máis nenos. Ademais, un decreto impídelle ofertar servizos (como o comedor) a estudantes que non son da súa zona. En canto a Vilatuxe, o Vicente Arias de la Maza, con 75 rapaces, limitouse a pegar carteis no ámbito do centro para anunciar os períodos de reserva de praza e solicitude de admisión.
Sexa como for, os tres centros están aínda lonxe da ameaza que o ano pasado pendeu sobre o colexio público de Merza, en Vila de Cruces. Este centro, con 21 alumnos, aínda non recibiu ningún aviso de Educación sobre a súa continuidade no curso 2014-2015. En canto ao colexio Pío Cabanillas, de Dozón, ten 34 estudantes pero non vai pechar aínda que perda alumnos porque é o único centro educativo con que conta o municipio. Iso si, neste curso xa tivo que agrupar aulas.
En canto á única escola unitaria que continúa aberta en Deza, a situada en Donramiro (Lalín), descoñécese o seu futuro. No presente curso está a funcionar con 14 alumnos, tras a incorporación de 5 en setembro. Educación indica que en verán dará a coñecer a lista das escolas unitarias que terán que pechar.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario