mércores, 5 de xuño de 2013

Educación reduce un 8% as axudas para libros de texto




Poucos días despois de que Educación oficializase a súa decisión de aumentar a vixencia dos libros de texto de catro a seis anos para, en verbas do departamento de Jesús Vázquez, "apoiar as economías familiares", a propia Consellería vén de convocar as súas axudas para a adquisición de manuais escolares e outro material didático, isto é, as axudas que o Goberno galegou bautizou como gratuidade solidaria. Mentres as asociacións de pais e nais, os sindicatos educativos e os colectivos estudantís seguen vendo no sistema de préstamo a mellor vía para paliar as dificultades económicas neste ámbito o Executivo mantén a contía das axudas por estudante, pero reduce a dotación orzamentaria global dos subsidios.
O pasado ano o Goberno convocou as axudas cunha dotación total de 17,6 millóns de euros, dos que 17,03 eran para o ano 2012 e 600.000 euros, para 2013. Xa en decembro de 2012 Educación decatouse de que "o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria". Por este motivo viuse obrigada a "incrementar o importe para financiar as axudas", concretamente, en 1,8 millóns de euros. Malia acontecer isto o pasado ano, desta volta Educación parte dende máis abaixo.

Orde de axudas para o curso 2013-2014
O pasado ano a Consellería viuse obrigada a incrementar a dotación orzamentaria das axudas
Así as cousas, para o curso 2013-2014 Educación reserva 16,2 millóns de euros para financiar as súas axudas á compra de libros de texto e material escolar, 15,7 millóns para 2013 e medio millón para 2014. É, polo tanto, case un 8% menos que o ano pasado. O propio Goberno xa se reserva, non obstante, a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria dos subsidios se, como o ano pasado, a demanda supera a oferta. As axudas, que segundo previsións da propia Xunta benefician a arredor do 65% do alumnado de centros "sostidos con fondos públicos" -públicos e concertados-, van dende os 90 ata os 180 euros, en función da renda per cápita de cada familia.
Esta operación da Consellería prodúcese nun contexto no que, como xa detallou Praza Pública, a denominada gratuidade solidaria xa non é economicamente máis beneficiosa para o erario. Así, ademais de deixar fóra o 25% do alumnado, os tres primeiros anos sen gratuidade total mediante préstamo o gasto de cartos públicos en libros de texto incrementou nun 22%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario