martes, 18 de xuño de 2013

O Mencer ofrécese para repartir alimentos a escolares de familias con dificultades

O colectivo reuniuse coas Anpas de cinco centros de Lalín - Parte dos beneficiarios xa son atendidos por Concello e asociación - Na localidade hai 200 familias nesta situación.

A directiva da asociación benéfica lalinense O Mencer mantivo onte unha reunión con representantes das asociacións de pais de centros da localidade para coordinar a repartición de alimentos en familias con dificultades económicas. A entidade coordinada por José Luis Factor citouse coas Anpas dos colexios públicos Manuel Rivero, Xesús Golmar, Cercio e os institutos Ramón Aller e Laxeiro.
No encontro, ou Mencer púxose a disposición dos centros para a repartición de alimentos nos casos de maior necesidade, se ben os pais indicaron que na maior parte dos casos son os propios directores os que contactan con Servizos Sociais para atallar esta problemática. Factor apuntou que a maioría destas familias xa están a ser atendidas polo Concello e pola asociación benéfica, aínda que na reunión de onte á noite se indicou que O Mencer atende ao público no seu local da rúa Manuel Rivero todos os luns en horario de 18.00 a 20.00 horas. Ese día da semana tamén se realizan entregas de alimentos. "Queremos que saiban que, dende hai meses temos este local a disposición das familias", indicou Factor.
O representante do Mencer afirmou ademais que a cadea Eroski lles doa todas as semanas dende hai un tempo alimentos próximos a caducar que son entregados de forma periódica aos máis necesitados.
En Lalín hai actualmente 200 familias que precisan alimentos e que reciben estes produtos de primeira necesidade. O Mencer colabora na entrega ás 160 unidades familiares que forman parte do rexistro de Servizos Sociais e outras 40 ás que se beneficia mediante esta entidade. José Luis Factor explica que neste número se inclúen aquelas que están a tramitar a súa demanda co concello ou as que, por distintos motivos, non cumpran cos requisitos establecidos pola administración municipal. "Se hai familias con necesidades, que se dirixan a nós para, na medida das nosas posibilidades, poder poñerlles atención.
Malia que o curso está case rematado, algunhas Anpas aproveitarán estes últimos días para manter reunións e tratar asuntos, como o debatido onte co Mencer. Polo tanto, a entrega de alimentos en verán farase do mesmo xeito que o resto do ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario