mércores, 19 de xuño de 2013

O STEG denuncia que o Ministerio reduce a contías das bolsas e endurece os requisitos para acadalas

O Ministerio de Educación presentou hai unhas semanas o Proyecto de Real Decreto por el que se establecen los umbrales de renta y patrimonio familiar y las cuantías de las becas y ayudas al estudio para el curso 2013-2014, o texto que debe fixar a contía das bolsas para o estudantado no vindeiro curso e os requisitos para acceder a elas. Este martes a Comisión Permanente do Consello Escolar do Estado debe ditaminar sobre este decreto que pretende modificar o  RD 1721/2007, que estableceu o réxime de becas e axudas ao estudo.
O STEG denuncia que "no caso de aprobarse a proposta do MEC" aumentará o número de alumnado que tería que abandonar os seus estudos universitarios
O STEG presentou unha proposta de ditame alternativo na que se pide ao Ministerio de Educación que non reforme o sistema de becas porque na proposta gobernamental as becas e axudas ao estudo redécense drasticamente, "aumentando o número de alumnado que tería que abandonar os seus estudos universitarios no caso de aprobarse a proposta do MEC", segundo denuncia o STEG. O sindicato denuncia que "este goberno continúa coa súa política de recortes tendentes a reducir a porcentaxe que se destina á Educación atentando agora contra a igualdade de oportunidades e o dereito á educación do alumnado que necesita axuda para poder cursar os seus estudos".
O Ministerio busca rebaixar as contías fixas das bolsas de 3.500 euros a 1.500, ao tempo que se endurecen os requisitos académicos para obter unha axuda ao estudo
O Ministerio busca rebaixar as contías fixas das bolsas de 3.500 euros a 1.500, ao tempo que se endurecen os requisitos académicos para obter unha axuda ao estudo. Por exemplo, o decreto sinala que "quen se matriculen por primeira vez de estudos oficiais de Grao deberán acreditar unha nota de acceso á universidade de 6,50 puntos", cando até agora o esixido eran 5,50 puntos. Ademais, os solicitantes de segundos e posteriores cursos de ensinanzas universitarias deberán ter superado nos últimos estudos cursados o 100% dos créditos ou o 85% no caso das carreiras técnicas. O decreto rebaixa o listón até o 80-90% no caso de que a nota media supere os 6,50 puntos. De igual xeito, os estudantes que obteñan estas bolsas están obrigados a devolvelas se non chegan a aprobar cando menos a metade dos créditos nos que se matricularan.
Ademais, o ditame do Consello de Estado farase fóra do prazo legal, pois o RD 1721/2007, de 21 de decembro, que estableceu o réxime de becas e axudas ao estudo, prevé na súa Disposición Adicional primeira que se pode modificar no primeiro trimestre de cada ano, e estamos en xuño, é dicir, fóra de prazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario