xoves, 20 de xuño de 2013

Folk reivindicativo con selo dezano

Membros de cinco dos grupos tradicionais máis destacados de Galicia únense por vez primeira para gravar no estudo silledense Xonix Records un tema contra a Lomce.

O estudo Xonix Récords da Bandeira, a única discográfica dezana, foi o pasado martes lugar de encerro de seis músicos, integrantes de cinco recoñecidas formacións tradicionais de Galicia que decidiron unir por primeira vez a súa xenialidade para compoñer un tema reivindicativo sobre a nova lei educativa.
Participan no proxecto: Antón Castro, de Fuxan vos Ventos; Guillerme I, de Quempallou; Bieito A., de Zurrumalla; David Nogueira e Rubén Fernández, de Alvariza; e Xosé Manuel Nogueira, de Tamparrantán. "Nunca tocaron xuntos", apunta Lolo Arincón, o responsable da discográfica. E fano agora para criticar aspectos da Lomce.
O pasado martes gravaron a parte instrumental nunha sesión que se prolongou dende as oito da tarde ata as dúas da madrugada. "Quixeron estar xuntos, e non o facer por separado, porque así achegan ideas entre todos; o bo rolo que teñen, a compenetración, nótase no traballo final", para o que aínda quedan flocos. O próximo martes será a quenda das voces, aínda por concretar.
A peza resultante, de ao redor de catro minutos de duración, podería comezar a escoitarse nas radios e por Internet a finais de mes ou, polo menos, con esa previsión traballan. Trátase de coplas "de toda a vida, que lle van gustar tanto á xente maior coma aos mozos", asegura Arincón. Á tradicional base de gaitas, tamboril e bombo, únense a trompeta, o acordeón, o clarinete ou o requinto.
O traballo, producido por Guillerme I, de Quempallou, mesturarase e masterizará tamén no estudo silledense. A intención non é outra que "intentar concienciar á sociedade para que, por medio da música, exprese a súa opinión e participe nun intento de cambio nestes tempos tan difíciles que nos tocou vivir", comenta Arincón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario