venres, 14 de xuño de 2013

Merza únese contra o peche do seu colexio mentres agarda unha resposta da Xunta

Os alumnos proxectan un vídeo, compoñen un poema e colocan unha nova pancarta para defender a continuidade do centro.

O auditorio Valero Guzmán de Merza encheu gran parte das súas butacas onte para presenciar o acto protagonizado polos alumnos do colexio público da parroquia para esixir a súa continuidade o próximo curso. A proxección dun vídeo reivindicativo e de imaxes de diversas actividades extraescolares dos últimos anos serviron para recordar a importancia que para eles ten manter aberto o centro.
Os nenos colocaron tamén unha nova pancarta -ademais das instaladas hai unha semana ás portas do centro- no auditorio. Nela pódese ler: 'Non ao peche; queremos o noso colexio; cos nenos non se xoga; somos unha gran familia; somos o futuro'. Por outra parte, onte os rapaces recitaron un poema creado para a ocasión. Os seus últimos versos: 'tanto aprendemos, ademais de gozar, e ningún quere o noso colexio deixar', mostra claramente o sentimento dos pequenos.
É o seu modo de defender a continuidade do colexio, sobre a que aínda non se pronunciou a Consellería de Educación, malia que anunciara para esta semana a posibilidade de que o inspector da área visitase o centro para reunirse coa comunidade educativa e escoitar as súas reivindicacións. O técnico da Xunta está a elaborar un estudo sobre a matrícula actual do colexio e as posibilidades de que esta se incremente en anos próximos, un factor que pesa á hora de decidir sobre a súa continuidade. Ao acto acudiron pais, profesores, antigos mestres do centro e representantes da política local, como o voceiro do BNG, Xoán Blanco, ou o edil do PSOE, Xurxo Guzmán.
Charla sobre a Lomce
Ao termo, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ofreceu unha charla sobre a Lomce, con lectura de textos e música incluídos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario