mércores, 26 de xuño de 2013

A Eurocámara pide medidas e fondos europeos para protexer linguas minoritarias ameazadas

A Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo aprobou por unanimidade, este 18 de xuño de 2013, o Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea. Trátase dunha proposta de resolución, que será votada polo Pleno do Parlamento o vindeiro mes de setembro, na que se insta a todos os gobernos membros da UE a que implementen políticas de preservación da diversidade lingüística da Unión e de revitalización dos idiomas ameazados en todos os ámbitos sociais (nomeadamente nos medios de comunicación, a cultura e o ensino). Así mesmo, ínstase tamén á Comisión Europea e ao Consello a aprobar programas de apoio financeiro para proxectos de promoción das linguas minorizadas
Os eurodeputados recordan que a diversidade lingüística e cultural é un dos principios fundamentais da Unión Europea e consideran que "numerosas" linguas europeas deben ser consideradas como linguas "ameazadas de desaparición", polo que instan a tomar medidas.
Tamén piden aos Estados membros e ás institucións europeas que "sexan máis conscientes da grave ameaza que pende sobre o futuro de numerosas linguas en Europa" e reclaman esforzos para salvagardar e fomentar a diversidade do patrimonio lingüístico e cultural da UE, por exemplo apoiando "ambiciosas políticas de salvagarda no seo das comunidades afectadas".
Neste sentido, apostan por empregar os fondos que permita a UE no período 2014-2020 para apoiar estas linguas a través de programas para educación e formación ou para xuventude e deporte, dos fondos estruturais e de cohesión ou doutros instrumentos relacionados coas novas tecnoloxías e as plataformas multimedia.
Ademais, postulan que a UE avale os programas que permitan "a adquisición de dúas linguas maternas dende a infancia" porque axudará á persoa na aprendizaxe ulterior doutros idiomas e porque ofrecería un respaldo concreto para "revitalizar a transmisión interxeracional alí onde estea ameazada".
A resolución da Comisión de Cultura europarlamentaria sinala que os programas de multilingüismo da Comisión poderían tamén beneficiar as linguas minoritarias e pide que non se discrimine os plans con pouco financiamento, porque "as comunidades lingüísticas que loitan por salvagardar unha lingua ameazada de desaparición son a miúdo grupos de poboación débiles numericamente".
Revitalización lingüística
"Unha política de revitalización lingüística é unha obra de longo alento, que debe apoiarse nunha programación de medidas diversificadas e coordinadas en varios ámbitos, coma os medios de comunicación, a creación cultural ou a educación (incluída a preescolar), e en todas as formas da vida pública", engade o texto.
A posición, avalada por unanimidade na comisión de cultura do Parlamento Europeo, será sometida ao voto do Pleno previsiblemente tras o parón estival, e inclúe varias emendas da eurodeputada do PNV, Izaskun Bilbao, e do eurodeputado de CiU Ramon Tremosa.
Entre as emendas figura que se inclúa na definición de linguas en perigo de desaparición aquelas que o están en parte do territorio en que son propias, aínda que dispoñan de protección noutras zonas do continente e teñan ou non recoñecemento oficial, para recoller a situación que se dá "en varias zonas transfronteirizas europeas", segundo informaron os autores da emenda nun comunicado.
Para a eurodeputada do BNG Ana Miranda, un dos aspectos máis relevantes do informe está "na énfase coa que recomenda apoiar medidas que favorezan a adquisición de dúas linguas maternas dende a infancia", citando expresamente a educación preescolar e subliñando que este tipo de programas "favorece a adquisición posterior doutras linguas".
Información tirada de Galicia Hoxe e de Praza Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario