venres, 31 de maio de 2013

Exixen que a consellaría de Educación presione en Madrid para que a LOMCE non se aprobe

A Plataforma galega en defensa do ensino público entrégalle un escrito a Jesús Vázquez en que o instan a se colocar do lado "do clamor popular" ou a presentar a súa demisión.

 A Plataforma galega en defensa do ensino público entregou esta quinta feira un escrito no rexistro da consellaría de Educación para instar o seu titular, Jesús Vázquez, a que presione en Madrid para que a contrarreforma educativa de Wert, batizada como 'lei de mellora da calidade educativa', non supere a súa tramitación parlamentaria. Ou iso ou que demita. 
"Se vostede non se pon á fronte do clamor popular contra a LOMCE ou debe abandonar o seu cargo por actuar en nome do PP e non ao servizo do ensino público galego", sinala o texto entregado onde se lle advirte a Vázquez que está a refrentar "unha lei que liquida a igualdade de oportunidades [...] elitista, clasista e segregadora".
Alén de tales cualificativos, a Plataforma subliña máis unha vez o ataque ás linguas propias das nacións que fan parte do Estado español, nomeadamente do galego, malia que, após dicir que lera a lei, o conselleiro di que é "totalmente respetuosa" con estes idiomas "e coa súa aprendizaxe".
Porén, non só serán os centros educativos os que decidan cantas horas dedican á ensinanza nestas linguas senón que fican relegadas á condición de materias de especialidade, por debaixo da relixión católica, e impón ademais a obriga de que os gobernos dos territorios financien con diñeiro público escolas privadas onde se garanta o ensino integramente en español "para evitar a escolarización no noso idioma", declarou Anxo Louzao en representación da Plataforma. Aliás, a redución do 45% ao 35% a autonomía dos territorios con lingua propia para achegaren contidos ao currículo educativo fai que a realidade social, histórica e cultural da Galiza, para alén da lingüítica, fiquen fóra das escolas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario