mércores, 29 de maio de 2013

Mocións en claustros e Concellos, cacharelas e unha 'Marcha a Compostela' contra a LOMCE

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentou este martes un calendario de mobilizacións co obxectivo de frear a aprobación da Lei Wert e valorou como "un éxito rotundo" a folga no ensino do 9 de maio e as manifestación nas vilas e cidades galegas nas que participaron máis de 40.000 persoas. As accións previstas inclúen concentracións, mocións en claustros e Concellos, cacharelas e mesmo unha Marcha a Compostela dende diferentes localidades e comarcas do país, percorrendo a pé os últimos quilómetros, cando menos, dende as catro estradas máis importantes de acceso a Compostela (Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña), coincidindo co debate parlamentario da LOMCE. 
Coincidindo co debate parlamentario da LOMCE levarase a cabo unha Marcha a Compostela dende diferentes localidades e comarcas do país
O calendario de mobilizacións iníciase o 30 de maio coa entrega en San Caetano dun escrito no que se insta ao conselleiro de Educación a que "ao igual que fará o goberno vasco e catalá, o Goberno galego presione ao Goberno do Estado para a non aprobación da LOMCE, por ser unha lei españolizadora, antigalega e centralista". O 5 de xuño, tamén en San Caetano, haberá unha concentración diante da Consellería de Educación. Levarase a cabo unha simulación de “apertura” dun expediente disciplinario ao Ministro Wert, polo seu “maltrato ao ensino público".
Tamén haberá protestas na noite de San Xoán para que nas cacharelas do país se “queime a LOMCE” de xeito simbólico
O xoves 13 de xuño haberá actos contra a LOMCE nas diferentes comarcas do país, consistentes na lectura de diferentes textos por persoeiros das diferentes localidades, así como actuacións musicais e outras accións. No último claustro do curso a Plataforma instará os diferentes claustros dos centros educativos para que no derradeiro claustro deste curso académico saquen unha resolución en contra da LOMCE e dos recortes no ensino público. De igual xeito solicitaráselle aos grupos da oposición ao PP que presenten moción nos concellos para que demanden a aprobación dun texto solicitando a non aprobación da LOMCE e que se faga chegar ao conselleiro de Educación. Tamén haberá protestas na noite de San Xoán para que nas cacharelas do país se “queime a LOMCE” de xeito simbólico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario