martes, 4 de febreiro de 2014

Os universitarios denuncian a ''improvisación permanente'' de Wert

A Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP) acusou hoxe o Goberno de situar os estudantes e o seu nivel de idiomas "no punto de mira" para "xustificar" os recortes nas bolsas Erasmus e censurou a "actitude de improvisación permanente" do ministro de Educación, José Ignacio Wert.

A organización puxo en dúbida que o ministro realice unha "análise previa de que nivel de idiomas é necesario" para aproveitar unha bolsa Erasmus e reprochou ao Goberno que priorice os recortes á "formación de calidade da mocidade".

Wert xustificou o pasado sábado que se esixa un maior nivel de idiomas (B2) aos aspirantes ás bolsas Erasmus Plus porque cun coñecemento inferior é "imposible seguir as clases". Segundo CREUP, de ser certas estas afirmacións, "ningún estudante aprobase as materias que cursou nos intercambios".

A secretaria xeral da plataforma, Inés Sánchez, subliñou que "calquera institución debe analizar as consecuencias das medidas antes de tomalas" e acusou ao ministro de facer "un cambio" sen consultar o Observatorio de bolsas. "É necesario saber que nivel de idiomas ten o alumnado universitario para non quitar oportunidades a ningún estudante", precisou CREUP nun comunicado.

Tamén reclamou ao titular de Educación que non pretenda "tapar o recorte" de 16 millóns de euros para as bolsas Erasmus "limitando a estancia a seis meses" e recordoulle que "está a xogar co futuro persoal e laboral dos mozos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario