mércores, 12 de febreiro de 2014

Convocan unha asemblea para promover a candidatura de Carvalho Calero ás Letras Galegas

Entidades culturais e veciñais, centros docentes ou equipas de normalización lingüística están convocados a unha asemblea aberta que terá lugar esta cuarta feira 12 de febreiro en Ferrol como un primeiro paso para reclamar o Día das Letras Galegas 2015 para Ricardo Carvalho Calero. 

Vintecatro anos despois da súa morte e tres ocasións nas que a proposta non prosperou é un balance inxusto para a comisión que bota a andar agora a través dunha asemblea aberta unha campaña co fin de acadar o Día das Letras 2015 para Ricardo Carvalho Calero desde Ferrol, a súa cidade natal. O acto terá lugar no IES Concepción Arenal ás 19 horas do 12 de febreiro. 
"Un interesado esquecemento"
Consideran que Carvalho Calero foi “vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial” e non dubidan en cualificar o non ter sido aínda recoñecido pola Academia para as conmemoracións do 17 de maio como “ unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país”.
“Un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente... a prol de Galiza e da lingua e cultura galegas” son os méritos que alegan para defenderen que a Academia Galega, na que ingresara o 17 de maio de 1958, escolla o seu nome para o Día das Letras Galegas de 2015.
Foi Ferrol, lembran, a través da Sociedade Cultural Medulio, onde Carvalho Calero recibiu a primeira homenaxe pública en 1981,  foi nomeado fillo predilecto en 1990, realizouse o último congreso sobre a súa figura e el tamén a localidade que deu o seu nome a unha rúa e un centro de ensino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario