martes, 25 de febreiro de 2014

As familias piden que se manteñan os libros de texto


Representantes de 650 colexios da provincia de Alicante, así como os Concellos de L'Alfàs do Pi e Altea, reclamaron á Consellaría de Educación que considere unha moratoria na aplicación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) na parte que implicaría "comprar novos libros de texto o próximo curso" cando a nova normativa "só modifica un 5% dos contidos académicos". A necesidade de aplicar unha moratoria á LOMCE xorde, segundo os pais e nais, da situación económica, da falta de "axudas para a adquisición de libros".
Esta norma obrigaría 60.000 alumnos de Alicante a comprar os libros de texto, ao igual que outros miles de escolares de Valencia e de Castelló. A petición foi entregada en man ao director territorial de Educación, José Antonio Rovira, por parte de Ramón López e Sonia Tirado, presidentes das federacións de asociacións de nais e pais de alumnos (AMPA) Gabriel Miró e Enric Valor, respectivamente, e polos representantes dos Concellos de L'Alfàs do Pi e Altea.
No escrito solicítase á consellaría que notifique aos centros que os actuais libros de Primaria son válidos, como se vai facer na Comunidade de Madrid, e que contemple a posibilidade de realizar todas aquelas xestións que fosen necesarias para a implantación do modelo Biblioteca de aula, no que sexa a Administración a que o próximo curso 2014-2015 adquira os libros de 1º, 3º e 5º de Primaria e ostente a súa titularidade, de forma que dun xeito paulatino se vaia estendendo ao resto de cursos e etapas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario