luns, 10 de febreiro de 2014

No país da picaresca

Máis de 300 políticos españois imputados en casos de corrupción en 2013. Ante tamaña barbaridade e antes de empezar unha caza de bruxas contra os nosos dirixentes, teñamos unha visión máis ampla que unha simple condena. E mirémonos todos un pouco o embigo.
Palabras como: corrupción, tráfico de influencias, prevaricación, suborno, malversación de fondos, enchufismo... Soan mal cando se poñen nos medios e todos non botamos as mans á cabeza. Pero traducidas ao “román paladino” e aplicadas nun contexto próximo, cando empezamos a falar de: botar un cable aos achegados, privilexios do mando, unha comisión polos meus servizos, intereses comúns, saber moverse, vista para os negocios... xa empeza a cambiar a nosa perspectiva e non nos parece tan mal, mesmo nos parecen cousas aceptables.
¡Ese é o problema! Porque no fondo os políticos non son máis que un reflexo da nosa sociedade, e cada un actúa á súa medida. Mentres non se cambien os valores sociais e interioricemos palabras como: intereses colectivos, honestidade, ética, honradez, discreción, profesionalidade, traballo, constancia... como os únicos esixibles —empezando por nós mesmos, no noso día a día—, non haberá nada que facer. Todo o demais será unha continuo tira e afrouxa.
Pensemos que este é o país que elevou a novela picaresca a categoría literaria como reflexo da sociedade. E con todas as honras.— Rafael Iturgaiz Martínez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario