luns, 22 de xullo de 2013

Inauguración do IX Curso de verán "Traballando en lingua"

O pasado día 17 tivo lugar a inauguración do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", centrado este ano na temática de participación, implicación e traballo colaborativo.
O IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua" desenvolverase no Fórum Carballo, no concello homónimo, ata o 19 de xullo. Nel participan persoas que traballan ou que están interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, sobre todo estudantado, técnicos de normalización, docentes, membros de asociacións ou xestores e animadores socioculturais.
Este ano o curso céntrase en diversas liñas temáticas relacionadas coa implicación cidadá na dinamización lingüística, tales como a participación nos procesos de cambio social e lingüístico, a participación desde arriba ou desde abaixo, o artellamento da participación e a implicación na dinamización lingüística, métodos e espazos de traballo colaborativo para a normalización, experiencias de participación e de traballo colaborativo ou avaliación da participación.
Para abordar estes asuntos emprégase unha metodoloxía que combina as sesións teóricas coas prácticas, formativas, de análise e de traballo conxunto mediante relatorios, grupos de traballo, presentación de experiencias, obradoiros e debates.

Ningún comentario:

Publicar un comentario