venres, 12 de xullo de 2013

Galicia perde 837 profesores dende que Feijoo preside a Xunta

O alumnado aumentou nun 1,8% respecto ao curso pasado, non obstante, o profesorado descendeu en 393 docentes.

Galicia perdeu 837 docentes dos centros públicos (incluídos os concertados) dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta, é dicir, poñendo como referencia o curso 2012-2013 e 2008-2009, o primeiro do executivo popular tras o bipartito. Se non se teñen en conta as ensinanzas especiais e a de adultos, que aumentaron as súas cifras de profesorado en 271 e 60, respectivamente, a perda de profesorado é de 1.168 ao comparar ambos os dous cursos.
Así se desprende dos datos publicados polo Ministerio de Educacióny os cales revelan que no ensino privado ten apenas variado en dous profesores este curso que acaba de finalizar con respecto ao de hai catro anos. O titular de Educación, Jesús Vázquez, informara en xaneiro no Parlamento, nun balance de cifras de docentes dende que el asumira as rendas deste departamento, de que a estimación era contar con 1.125 docentes menos con respecto ao bipartito. Con todo, segundo os datos solicitados, no curso 2008-2009, o ensino público tiña 29.846 docentes no réxime xeral, 1.922 en ensinanzas especiais e 137 en educación para adultos. Mentres, este último curso, o número de profesores se situou en 28.678 para as ensinanzas do réxime xeral (educación infantil, primaria, ESO, Bacharelato, FP e centros específicos de educación especial), 2.193 docentes para réxime especial (arte, música, danza, arte dramática, escolas oficiais de idiomas e centros de deportes), e 197 para educación para adultos.
Ademais, dende o curso 2009-2010, en que a Xunta aumentou o número de profesores en 151, a Consellería de Educación diminuíu a cifra de docentes en 889. Os números revelan que en 2009-2010 había 31.957 profesores (30.004 do réxime xeral) e o curso 2012-2013 péchase con 31.068 (28.678 no réxime xeral), o que supón que se perderon 1.326 docentes nas ensinanzas infantil, primaria, ESO, Bacharelato, FP e centros específicos de educación especial no curso 2012-2013 con respecto ao período 2009-2010, o primeiro de Jesús Vázquez. Con respecto ao bipartito, o número de profesores nestas categorías descendeu en 1.168. O alumnado en Galicia aumentou nun 1,8 por cento en 2012-2013 con respecto a 2011-2012 nas ensinanzas de réxime xeral. Non obstante, o profesorado neste período descendeu en 393 profesores, o que supón un descenso do 1,35 por cento.
Non obstante, o corpo de profesores para o colectivo de adultos aumentou en 172 e o de réxime de ensinanzas especiais, subiu en 40 profesores. En canto ás escolas oficiais de idiomas, o número de profesores aumentou este curso con respecto a 2011-2012 en 25 profesores. Se se compara co curso 2009-2010, a cifra supón 115 máis profesores, un aumento do 23,6 por cento; pero o alumnado aumentou neste período nun 53,52 por cento, ao pasar de 24.034 alumnos a 36.897.
Á vista dos resultados de profesorado, a Consellería de Educación espera que as formacións que verteron informacións "falsas" sobre os datos "rectifiquen e empecen a colaborar coa Xunta a favor da mellora da calidade do ensino", en lugar de "buscar unicamente a alarma social e a crispación". De feito, nun comunicado, a consellería subliña que estas cifras "demostran que sempre dixo a verdade respecto ao axuste de prazas de profesorado no sistema educativo e desmenten as falsas acusacións dalgunhas organizacións" "sobre despedimentos de interinos", cando "o que se produciu foron amortizacións por xubilacións". "Demostran as mentiras, totalmente interesadas, dalgúns sindicatos e partidos políticos cando aludiron a cifras desorbitadas de redución de profesorado, nalgúns casos superiores aos 3.000 docentes," sentenciou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario