mércores, 3 de xullo de 2013

A Mesa di que nunca desde o franquismo houbo tantos problemas para a escolarización en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia “obsesión” do presidente Feijóo por “acabar co ensino en galego malia as sentenzas do TSXG” e afirma que nunca desde o franquismo “as nenas e nenos de fogares galegofalantes tiveran tantos obstáculos para se escolarizaren na súa lingua materna como desde que goberna Núñez Feijóo”. 

A MNL considera “inadmisíbel” que a Xunta exclúa o galego da etapa de educación infantil, segundo afirmou a través dun comunicado de resposta ao anuncio aparecido no que a Consellaría de Educación mostraba a través da súa páxina web a súa vontade de non acatar a sentenza do TSXG que anulaba a realización de enquisas ás familias e atacaba á CIG- Ensino por demandar o cumprimento da sentenza. 
Galego como lingua estranxeira
A Mesa entende que o PP camiña na dirección de “eliminar todo rastro de galego no ensino infantil, para que unha vez que os rapaces estean instalados no castelán poder darlle tratamento de lingua estranxeira nos cursos superiores” e sinalan que reciben a cada pouco queixas de pais e nais que non poden escolarizar as súas crianzas nunha escola infantil que empregue o galego con normalidade.
“Nunca en democracia se comprobaran niveis de ensino tan calamitosos como na actualidade” denuncian. Ao seu ver, a enquisa está a ser un argumento para eliminar o galego do sistema educativo e o resultado de cursos pasados deixa á vista que en centros nos que case a metade das familias sinalaron que o galego era a súa lingua habitual víronse na obriga de recibiren aulas integramente en castelán ata os seis anos. Bota man dun estudo feito público pola MNL en 2012 no que mostraban que o sistema imposto polo conselleiro Jesús Vázquez vai levar á desaparición do galego no 95% dos centros de infantil das cidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario