martes, 9 de xullo de 2013

Educación inicia o proceso para consultar aos pais o idioma de escolarización pese a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza

Esta consulta prodúcese despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarase ilegal que a consulta aos pais tivese carácter vinculante para decidir o idioma no que estudar. Así que o que fai a Xunta agora é sondar a súa opinión sen ningunha obriga legal, inda que posteriormente a Consellería de Educación elixirá o idioma de acordo coa opinión maioritaria expresada na enquisa.
Xa que logo, para os efectos prácticos as diferenzas entre un e outro modelo serán practicamente inexistentes. A única distinción é que antes o resultado da consulta tiña que respectarse forzosamente, e agora a Xunta toma a decisión de se axeitar aos seus resultados por decisión política e voluntaria.
A polémica arrinca co decreto de plurilingüismo da Xunta do PP. A norma foi recorrida e o TSXG anulou dúas das súas disposicións. Unha delas é o artigo 5.2, que establecía que a lingua materna en infantil se determinaría anualmente mediante unha consulta ás familias. A sentenza non prohibe en si estas enquisas, senón o feito de que do seu resultado derive directamente a elección da lingua nas aulas, xa que esa decisión é de exclusiva competencia da Administración.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa advertira en marzo que se ía respectar a sentenza, pero que as consultas se ían igualmente realizar, mais só con carácter informativo.
Máis información en Faro de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario