mércores, 3 de xullo de 2013

Educación ataca á CIG na web da Xunta e cualifícaa de "antidemocrática"

O conselleiro acusa ao sindicato nacionalista de impedir a "axeitada promoción da língua galega", de querer “impoñer a súa opinión” e de intentar “afastar ás familias do proceso educativo”.

 “Unha vez máis”. Así comeza a nota da Consellería de Educación pendurada na web da Xunta e na que critica ao sindicato nacionalista CIG. “Unha vez máis, lamentamos a actitude antidemocrática”,afirma o departamento dirixido por Jesús Vázquez, “a Confederación Intersindical Galega (CIG) ao tentar impedir que a Consellería reúna información sobre a lingua materna do alumnado de infantil”.
O conselleiro insiste, malia as sentencias do TSXG, en que a consulta aos pais “é legal e necesaria”
Na Consellería de Educación semella que sentou moi mal que esta central se dirixise á Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que garanta o cumprimento da sentenza ditada no seu día contra o decreto sobre o uso do galego no ensino. Faino así o sindicato nacionalista após constatar que a Xunta teima en consultar a nais e pais a lingua vehicular do ensino en Galiza, unha práctica declarada non axustada a direito polo TSXG.
“Axeitada promoción”
Jesús Vázquez afirma que “a pregunta realizada pola Consellería ás familias é legal, necesaria, e ten como fin coñecer cal é a lingua da que parten as nenas e nenos de infantil, co fin de garantir os dereitos do alumnado e a axeitada promoción da lingua galega”.
O conselleiro acusa a CIG de querer “impoñer a súa opinión” e de intentar “afastar ás familias do proceso educativo”
A consellería afirma nese comunicado na web da Xunta que “a negativa da CIG a que os pais e nais informen aos centros educativos de cal é a lingua que os seus fillos adoitan utilizar na casa non é máis que outra mostra da intención da CIG de impoñer a súa opinión por riba de calquera outro criterio, legal e mesmo pedagóxico, intentando apartar as familias do proceso educativo, un principio este último firmemente defendido polas devanditas sentenzas”

Ningún comentario:

Publicar un comentario