A CIG non só gaña as eleccións sindicais no ensino non universitario, senón que mesmo racha o seu propio teito. Segundo o escrutinio provisorio, con arredor do 90% das papeletas computadas, a CIG superaría o 43% dos votos. Nas provincias de Pontevedra e A Coruña, a central nacionalista obtería a maioría absoluta. No conxunto da Galiza, CIG consegue 62 delegad@s, os mesmos que nas eleccións de 2010, embora desta volta se elixisen 6 representantes menos.
A CIG continúa a ser a forza sindical con máis apoio no profesorado galego, segundo se tira do escrutinio provisorio das eleccións no ensino non universitario realizadas esta quinta feira. A estas horas (22:15), foi escrutado arredor do 90% dos votos. A CIG incrementaría a súa porcentaxe a respeito dos comicios de 2010, con máis do 43% dos sufraxios. En Pontevedra, escrutado o 100%, a CIG obtén 21 dos 41 delegad@s en xogo. As estimacións sobre a participación indican que arredor do 70% dos 30.336 docentes exerceron o seu dereito ao voto.O profesorado galego respaldou, mais unha vez, o sindicalismo nacionalista como primeira forza nas aulas do país. A vitoria da CIG haina que interpretar tamén en termos de claro castigo ás políticas da Consellaría de Educación. CIG-Ensino foi referente durante os últimos catro anos do combate contra as medidas privatizadoras, elitistas, españolistas e sexistas do departamento dirixido por Jesús Vázquez. O veredicto das urnas non deixa lugar a dúbidas a respeito de que esta política de oposición á Consellaría atopa un claro apoio por parte da maioría das persoas docentes.
Cos dados provisionais que se coñecen a esta altura da noite, a CIG obtería a maioría absoluta na provincia de Pontevedra, co 100% escrutado, e tamén na provincia de A Coruña, co 76% das papeletas computadas, mentres que sería primeira forza en Ourense e Lugo.
Se compararmos os resultados cos rexistados nos comicios de 2010, o reforzamento da maioría da CIG contrasta coa caída de CC OO e UXT -ambas centrais rexistran a mesma queda: 6 delegad@s menos-, mentres que o STEG mantería as súas posicións, o CSIF incrementaría significativamente a súa representación (de 3 a 10). ANPE, a lista afín ao PP, ficaría con 18, 1 menos.
A CIG obtería a maioría absoluta na provincia de Pontevedra, co 100% escrutado, e sería primeira forza en Ourense, Lugo e A CoruñaEn declaracións a Sermos Galiza, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou os resultados da central nacionalista de “extraordinarios” e un “aval” ao labor desta central, ben como unha mostra do claro “rexeitamento” que produce entre o profesorado a política da Xunta de Galiza.
“O conselleiro ten que tomar nota e abrir unha negociación coas traballadores e os traballadores do ensino, visando obxectivos concretos, entre eles a restitución dos direitos laborais e salariais do profesorado, o despregamento duns cadros de persoal amplos nos centros, a redución do alumnado por aula, a elaboración dun estatuto galego do profesorado”, di Louzao.
Aliás, argumenta o secretario nacional da CIG-Ensino, no horizonte estaría a aprobación dunha Lei Galega de Educación que a efeitos práticos derrogue a LOMCE e resulte na galeguización do ensino, na eliminación dos concertos educativos e na conquista dun ensino público totalmente gratuíto e equitativo para o cal, acha a central nacionalista, compriría destinar á educación non menos do 7% do PIB galego.
Nun comunicado de valoración dos resultados, a central nacionalista entenden que estas eleccións “reafirman e fortalecen a CIG-Ensino como a organización sindical maioritaria e de referencia no ensino público, grazas ao apoio amplamente maioritario do profesorado”,
CIG-Ensino quer agradecer “publicamente” a “confianza e apoio” que profesoras e profesores “veñen de aosar co seu voto maioritario” a esta opción nacionalista, para a cal “estes resultados afianzan o modelo sindical galego de clase, plural, democrático e participativo, próximo ao profesorado e que aposta por un ensino público, galego, gratuíto, laico e coeducativo”.
Número de delegad@s segundo os resultados provisorios (dados facilitados pola CIG)
|
CIG
|
ANPE
|
CCOO
|
UGT
|
CSIF
|
STEG
|
A CORUÑA
(76%)
|
23
|
4
|
7
|
3
|
3
|
5
|
PONTEVEDRA
(100%)
|
21
|
3
|
5
|
5
|
3
|
4
|
OURENSE (90%)
|
8
|
5
|
7
|
4
|
0
|
3
|
LUGO
(99%)
|
10
|
5
|
2
|
4
|
4
|
2
|
TOTAIS
|
62
|
17
|
21
|
16
|
10
|
14
|