mércores, 1 de decembro de 2010

Témoslle lei, campaña a prol do uso do galego na Facultade de Dereito da USC

O lema elixido, Témoslle Lei (dise da acción de gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprecio), incide no feito de que o galego conta con lexislación que busca protexelo e fomentalo, e, asemade, na cuestión afectiva e identitaria cara á nosa lingua.

Esta campaña supón o inicio do desenvolvemento dun plan específico de normalización lingüística na Facultade de Dereito compostelá, co obxectivo de levar o uso do galego na docencia ata o 30% das horas de clase en tres cursos académicos. A campaña conta cun sitio web onde se pode consultar lexislación en galego e outra documentación, ademais dun vídeo onde profesionais do ámbito do Dereito opinan sobre o seu traballo cotián en galego. O fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela; a maxistrada xuíza do Xulgado do Social núm. 2 de Santiago, Paz Filgueira; o xuíz Luís Villares; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; o secretario do Concello de Outes, Xaquín Monteagudo; e os profesores da Facultade de Dereito José Antonio Gómez Segade e Antonia Nieto Alonso participan neste vídeo e animan ao PDI e ao alumnado do centro a incorporar a lingua galega no seu quefacer profesional.
O inicio da campaña realizouse por sorpresa o luns 22 de novembro na Facultade de Dereito.

Máis información en:
http://www.usc.es/temosllelei/que-e-temoslle-lei.html (web da campaña)
http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2010_11/noticia_0118.html
http://gl-es.facebook.com/people/Temoslle-Lei-Dereito-Usc/100001886173759 (perfil ca campaña en Facebook)
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=740&desc=na_facultade_de_dereito_da_usc_queren_terlle_lei_a_lingua
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/temoslle-lei/idEdicion-2010-11-23/idNoticia-613837/
http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?emi=11214&corte=2010-11-22&hora=14:53:15&canle=tvg1#

Ningún comentario:

Publicar un comentario