mércores, 1 de decembro de 2010

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Xustiza participaron na IV Xornada Xustiza e Lingua: Reflexións para a Normalización

O secretario xeral de Política Lingüística e mais o director xeral de Xustiza participaron nesta xornada de reflexión e análise organizada polo Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo incidiu nalgúns dos principais retos para o galego neste sector, que pasan por “introducir o idioma como lingua habitual de traballo na Administración de xustiza en Galicia e garantir a capacitación lingüística dos seus traballadores”. Ademais, Anxo Lorenzo incidiu na necesidade de conseguir que a todo cidadán se lle ofreza a posibilidade de ser atendido en galego, así como na importancia de actualizar os recursos técnicos que faciliten o traballo dos funcionarios neste idioma.

Pola súa parte, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, tamén destacou “o desexo do Goberno galego de que se mellore o emprego da lingua galega na Administración de xustiza da nosa comunidade, polo que se seguen liñas de acción específica”. Martín incidiu en que se está a traballar para que “a promoción e o uso da lingua reflicta o establecido na lexislación vixente, que regulamenta a cooficialidade lingüística dentro do marco do respecto á igualdade de dereitos lingüísticos da cidadanía”.

Xunto cos representantes da Administración galega participaron na IV Xornada Xustiza e Lingua o académico da lingua galega Manuel González González, o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Fernando Fernández Leiceaga e o avogado Xoán Antón Pérez Lema. Todos eles tiveron ocasión de expoñer as súas reflexións sobre o proceso de normalización no eido xudicial e foron críticos coa cativeza dos avances que se produciron ata agora.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1631

Ningún comentario:

Publicar un comentario