mércores, 14 de novembro de 2012

Os primeiros anuncios publicitarios en lingua galega datan do século XIX


Á compañía estadounidense Singer correspóndelle, de feito, a primeira mostra de proxección internacional promovida en galego, a través dos anuncios publicados no semanario A Monteira (1889-1890) para vender as súas máquinas de coser na lucense Rúa da Raíña.
Os primeiros exemplos illados de anuncios en galego poden atoparse no século XIX en prensa editada en castelán, pero, sobre todo, no periódico ourensán O Tio Marcos d'A Portela, nacido no 1876 e que na súa segunda época –desde 1883– incorporou unha sección dedicada a esas promocións. A presenza de anunciantes nas páxinas do considerado primeiro xornal escrito integramente en galego foi bastante irregular, pero, igual que fixo noutros ámbitos, a publicación creada por Valentín Lamas Carvajal abriu portas.
Así, e como constata a Real Academia Galega, a publicidade estará despois presente en todos os periódicos monolingües, desde O Galiciano de Pontevedra ata As Burgas de Ourense e A Monteira de Lugo, que foi tamén onde viu a luz a primeira necrolóxica en galego. Moitos reunían a publicidade no que chamaban 'seucion d'anuncios', e, en certo modo, contribuíron desde este novo espazo para a lingua ao rexurdimento da cultura galega durante o século XIX. Tamén hai exemplos na diáspora, onde se poden atopar anuncios de comerciantes galegos que vendían produtos na súa lingua de orixe.
Xa no XX, a revista Nós tamén incorporou o galego á publicidade nas súas páxinas con deseños sofisticados, igual que A Nosa Terra. Impulsada polas Irmandades da Fala, a publicación recolle moitos anuncios nesta lingua, incluídos algúns de marcas foráneas que querían gañar a simpatía do mercado local.
Na década dos 50 o galego serviu tamén para promocionar produtos contra os andazos do gando e do campo a través do calendario ZZ de Zeltia, que foi máis aló da publicidade. Este almanaque, do que se tiraban uns 350.000 exemplares cunha periodicidade semestral, foi durante décadas o único 'libro' en galego que existiu na maioría das casas labregas.

Etiquetas e marcas en galego

O galego tamén está presente noutros ámbitos ligados á mercadotecnia, como a rotulación –un exemplo é a que empregou a conserveira Massó– e a etiquetaxe de produtos. A primeira etiqueta redactada nesta lingua da que se ten constancia data de finais do século XIX e corresponde a unha marca de viños, Salto do Can, que distribuía un galego na Habana.
O sector vitivinícola é unha referencia tamén na utilización do galego nas marcas. Segundo Política Lingüística, "o cento por cento" desta oferta ten nomes galego referidos a topónimos do lugar onde se recolecta, algo que acontece así desde que os viños da comunidade se envasaron para a súa distribución nos mercados interior e exterior.
Non obstante, o proceso de galeguización do resto da literatura que contén a etiqueta é distinto. No 2003 había arredor dunha ducia de marcas cos envases en galego, e nove anos despois son sobre a metade das existentes. Segundo a Xunta, esta cifra ten máis relevancia se se ten en conta que as adegas de gran volume de produción –que envasan o 80% do total– xa etiquetan as súas marcas en galego.

O galego vende

É un exemplo de que se pode vender en galego, e que conecta coa recomendación da mercadoctenia de identificar os produtos coa denominación de orixe como unha garantía da calidade do produto. Por iso os champañas franceses se recoñecen por estaren etiquetados nesa lingua. O caso dos perfumes é se cabe máis evidente, xa que se asocian á súa procedencia gala e algunhas empresas mesmo fan publicidade en calquera medio nese idioma.
Os exemplos das adegas etiquetando en galego, xunto cun sector cada vez maior doutros produtos agroalimentarios unidos a empresas de servizos públicos, confirman que a utilización da lingua galega non implica ningunha dificultade para a comercialización. Con esta base, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con institucións como o Foro Enrique Peinador, incide na necesidade de elaborar un discurso novo, imaxinativo e con grandes doses de pedagoxía para convencer os axentes económicos das bondades de utilizar a lingua galega na publicidade e na etiquetaxe.
É que Galicia precisa garantir a permanencia da súa lingua mediante a incorporación aos novos espazos sociais. E o económico é "fundamental" para a subsistencia do idioma. Ademais, a "singularidade" dos produtos é "a mellor maneira de diferenciación" nos mercados da globalización.

Información tirada de El Progreso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario