mércores, 14 de novembro de 2012

Cultura e Educación presenta novas iniciativas para dinamizar o galego no ámbito do ensino


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da man da SXPL, está poñendo en marcha novas iniciativas que contribuirán a dinamizar a lingua galega nos centros de ensino. Trátase, por unha banda, de materiais elaborados por diferentes equipos de dinamización da lingua galega que, pola súa orixinalidade e calidade, poden servir de referente para os compañeiros doutros colexios e institutos; por outra, dunha xornada de formación dirixida fundamentalmente ao profesorado que forma parte destes equipos, na que se abordará a acollida en galego ao alumnado inmigrante; e, finalmente, convocouse unha nova edición do concurso para elaborar os carteis dunha exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

Novos recursos para EDLGs

Dende a semana pasada están accesibles na sección dedicada aos equipos de dinamización da lingua galega do web da SXPL novos materiais e experiencias de referencia elaborados en máis de trinta centros educativos de infantil, primaria e secundaria.
Os materiais, que se ofrecen como modelo de boas prácticas, son variados, tanto polas temáticas que abordan coma polos soportes e medios que empregan. Unha boa parte deles son recursos específicos para a época do ano en que estamos e ocúpanse –en formato vídeo, presentación, webquest ou unidade didáctica en papel, entre outros– do outono, do magosto e do Samaín, ou da celebración do Día Internacional da Ciencia. Mais tamén hai novidades en forma de concursos, de axendas escolares que inclúen modelos para facilitar que a comunicación familia-escola se produza en galego, vocabularios, lipdubs, blogues... Propostas elaboradas por profesorado, alumnado e persoal non docente e dirixidas fundamentalmente ao estudantado, pero tamén ás familias.

Xornadas formativas

Os días 16 e 17 de novembro celebrarase no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, unhas xornadas formativas que abordarán a acollida en galego ao alumnado procedente do estranxeiro. O tema escollido responde ao pedimento reiterado do profesorado integrante dos EDLGs, preocupado por ofrecerlles a estes rapaces unha acollida sustentada na interculturalidade, de xeito que cheguen a considerar a nosa lingua como propia da comunidade que os recibe e como un signo de identidade cultural no que poden e deben participar, sen ter por iso que renunciar á do seu país de orixe. O programa completo da xornada pode consultarse na páxina web da SXPL.

Letras Galegas 2013.

Coma cada ano, a SXPL, da Consellería de Cultura e Educación, convoca un concurso para que os centros educativos elaboren unha exposición de carteis sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas. Os traballos gañadores nas modalidades de infantil e primaria, por unha banda, e do resto de centros educativos, por outra, recibirán unha dotación de 2500 euros e serán difundidos por todos os colexios e institutos galegos, así como por entidades da Rede de Dinamización Lingüística, bibliotecas e outros puntos de interese.
Os obxectivos deste concurso son potenciar o estudo da obra e da época de Roberto Vidal Bolaño, propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica, fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas á dignificación e normalización da lingua galega ou enriquecer a oferta de materiais existentes no idioma propio de Galicia e promover a súa divulgación, entre outros.
O prazo de presentación dos traballos está aberto ata 16 de xaneiro de 2012.

Toda a información pódese consultar no web www.xunta.es/linguagalega.
Información tirada do web da SXPL.





Ningún comentario:

Publicar un comentario