martes, 6 de novembro de 2012

Do CERN á aula: ciencia en galego

Co gallo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan unha videoconferencia este martes 6 de novembro, na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos falarán sobre os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Os alumnos e mestres dos centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat.

Ao redor dun cento de centros participarán na iniciativa, na que poderán ver e escoitar a Patricia Conde (Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN), Olalla Castro (Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos), Abraham Gallas (Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN), Carlos Salgado (Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo) e Cibrán Santamarina (Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN).
Os expertos internacionais en física de partículas que participarán na videoconferencia formáronse en institutos galegos.
Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística salienta que "moitos deles utilizan o galego para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica".

III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego

Este 5 de novembro celébrase o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, que este ano se dedica á Tecnoloxía, a Leonardo e a Ramón Verea. Para conmemoralo propóñense distintas actividades relacionadas coa bicicleta e con estes dous investigadores. Ademais, a USC leva a cabo outras accións de divulgación nos seus centros. E o mesmo fai a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia.

Ramón Verea

Ramón Verea foi un investigador e inventor nacido na Estrada en 1833 e finado en Bos Aires en 1899. Estudou na Universidade de Santiago e emigrou a Cuba, Estados Unidos, Guatemala e, finalmente, Arxentina. Fíxose coñecido por inventar unha máquina de calcular, patentada en 1878, capaz de sumar, multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis números no multiplicador e quince no produto. A calculadora pesaba uns 23 quilos de peso, 35 centímetros de longo, e tiña 30 centímetros de ancho e 20 de alto. O aparello podía resolver 698.543.721 x 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a época.



Ningún comentario:

Publicar un comentario