venres, 13 de xaneiro de 2012

Xuristas e responsables municipais apoiaron unha declaración a prol do galego

O 10 de decembro de 2011 tivo lugar en Chantada un acto de compromiso coa lingua galega na Administración de xustiza e no ámbito municipal, organizado pola Irmandade Xurídica Galega. Ao pé de vinte e cinco profesionais asinaron a que os organizadores bautizaron como Declaración de Chantada, na cal se comprometen a utilizar a lingua galega de xeito normal nos seus respectivos eidos de traballo.
O documento tamén inclúe –tanto para os avogados e procuradores coma para os Concellos que se sumaron– os compromisos de solicitar a tramitación dos seus casos en galego, e o de empregar este idioma da documentación oficial que promovan. A declaración pídelles especificamente aos responsables municipais que garantan que a Policía Local empregue o galego “como lingua habitual de traballo a nivel interno e nas súas relacións cos cidadáns, cos órganos xurisdicionais e coas demais administracións”. Aos responsables municipais solicítalles tamén que procuren que os seus representantes legais “se expresen habitualmente” neste idioma.
No acto participaron principalmente profesionais do Dereito e responsables municipais da área de influencia do partido xudicial de Chantada. Participaron como anfitrións do evento a xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Chantada, Elvira Cangado Civera, e o alcalde da mesma vila, Manuel Varela.

Máis información en:
http://www.galeguizargalicia.com/?sec=108&estilo=1

Ningún comentario:

Publicar un comentario