luns, 23 de xaneiro de 2012

A lingua galega preséntase á convocatoria de novos dominios de internet que se acaba de abrir

A ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), a corporación que goberna os nomes de internet, abriu este venres, 13 de xaneiro, un proceso de solicitude de novos dominios, o primeiro dende 2004. A Asociación Puntogal, co apoio da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, remitirá a candidatura para acadar un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o “.gal”.
O prazo para enviar as candidaturas pecha dentro de tres meses. Puntogal está a ultimar os informes imprescindibles para demostrarlle á ICANN que o dominio para o galego é viable técnica e economicamente e que conta cun amplo respaldo social.
Prazos para poder rexistrar dominios .gal
Unha vez recibidas todas as candidaturas, a ICANN avaliará os candidatos a través dun complexo exame nun prazo que oscila entre os doce e os dezaoito meses. No caso de superar o exame sen ter que achegar información suplementaria, poderanse rexistrar dominios .gal a partir de mediados de 2013.
Na Asociación Puntogal participan 109 entidades, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura, etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña, etc.) do país.

Utilidade do .gal

Un dominio propio contribuirá a localizar máis rapidamente os contidos en galego. O aumento do prestixio que implicaría o logro “.gal” axudaría, ademais, á publicación de novos contidos en liña en galego. Así sucedeu xa no caso do “.cat”, o único dominio lingüístico en marcha.
Máis de vinte asociacións de emigrantes de 10 estados (España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai e Brasil) tamén colaboran en Puntogal. E é que servir de vínculo entre a comunidade emigrante é outra das utilidades prácticas que terá o “.gal”.

Beneficios para axudar ao galego nas novas tecnoloxías

En cinco anos, a Fundació Puntcat rexistrou máis de 51.000 dominios, logrando que o dominio para a lingua e culturas catalás se autofinancie. Puntogal tamén é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que reverterá os seus beneficios en convocatorias de axudas ao fomento do galego nas novas tecnoloxías.

Apoios en liña

Máis de 13.000 cidadáns e cidadás de todo o mundo xa deron o seu apoio ao Puntogal asinando en liña a través do seu web, onde seguen a chegar novas adhesións a diario. A Asociación fai un chamamento aos internautas a colaborar coa súa sinatura para demostrarlle á ICANN o apoio ao .gal.

Información tirada do web da Asociación Puntogal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario