O secretario xeral, Anxo Lorenzo, e o director xerente da empresa, Casián García, asinaron en Moraña un convenio a prol do fomento do uso do galego na actividade comercial. Concretamente, o obxecto do convenio incide na presenza do galego en todos os niveis da actividade empresarial de Celtic Estores, como a documentación administrativa da empresa, a comunicación interna e externa, a sinalización das dependencias, as relacións internas cos traballadores, os actos sociais, as actividades formativas, a atención ao cliente etc.
No acto, o responsable de Política Lingüística recordou o novo marco legal que establece a recente Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á directiva europea relativa aos servizos no mercado interior. Concretamente a disposición adicional sexta, na que se establece que os prestadores de servizos que operen en Galicia “favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega”.
Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1604
Ningún comentario:
Publicar un comentario